“Ás mulleres sempre nos pediron resultados; agora que os temos, seguen sen facernos caso”

Begoña Fernández © Juan Ramón Ocio

Begoña Fernández (Vigo, 1980) saíu hai catorce anos do Club Balonmán Porriño. Quizais nunca pensou que tanto tempo despois sumaría preto de vinte títulos oficiais. No Osito L'Eliana, en Elda e durante dúas etapas no equipo navarro do Itxako, onde milita na actualidade, esta viguesa non deixou de acumular éxitos. Tamén na selección española, coa que foi subcampiona de Europa, pero coa que non puido gozar do bronce mundial do ano pasado por mor dunha lesión. Agora, superados os problemas físicos, a declarada hai uns anos mellor pivote do planeta, soña cunha medalla nos Xogos Olímpicos que poña o broche de ouro á súa carreira. E soña tamén con que os méritos do deporte feminino sexan recoñecidos dunha vez.


Está Begoña Fernández totalmente recuperada tras varios meses lesionada?

Estou moi contenta, xa recuperada, pero foron momentos duros e complicados. Semellaba que a lesión non era nada, pero chegou aos cinco meses e todo se me fixo demasiado longo. Agora estou gozando moito do meu deporte e desexando que chegue todo o que teña que chegar: Copa, Liga, selección española...

Son os Xogos Olímpicos o seu principal obxectivo?

Son, pero sería un erro pensar que xa estamos clasificadas. Velo fácil sería malo porque un Preolímpico nunca o é. Teremos que pelexar e xogar ao cento por cento. Temos moito en xogo e un mínimo despiste deixaríanos fóra do noso soño.

É ese o gran soño dunha deportista?

Non sei se hai algo máis importante que uns Xogos Olímpicos, pero a min é o acontecemento deportivo que máis ilusión me fai. É o que me queda por xogar e eu estaría encantada de poder viaxar a Londres neste verán.

"Sería un soño incrible alcanzar tan sequera o podio"

Sería unha medalla a guinda á súa carreira deportiva?

Sería un broche de ouro. Póñenseme os pelos de punta se penso niso, pero véxoo inalcanzable. O noso grande obxectivo é estar alí e logo xa iremos a por todas. Sería un soño incrible alcanzar tan sequera o podio.

Unha deportista non se afai a gañar? Non se relaxa despois de tantos títulos?

Nunca te afás a gañar e a conseguir títulos. O obxectivo dun deportista é estar sempre no máis alto porque é o que che fai gozar disto. Ser feliz co teu deporte e ver que o esforzo que pos nel vai dando o seus froitos... Iso é a satisfacción.

"Desde que era moi cativa, ás mulleres sempre se nos achacou que non tiñamos repercusión porque non tiñamos resultados e porque non acadabamos os mesmos títulos que os homes"

Séntense valoradas ou aínda botan en falta máis apoio ao deporte feminino?

Iso é un tema que me queima. Desde que era moi cativa, ás mulleres sempre se nos achacou que non tiñamos repercusión porque non tiñamos resultados e porque non acadabamos os mesmos títulos que os homes. E iso ocorreu en todos os deportes. Tiven a sorte de ver como a historia cambiaba, pero agora que si gañamos, seguimos tendo unha repercusión mínima e non se nos fai caso. Que temos que facer? Claro que nos gustaría estar máis apoiadas porque ademais demostramos que cando se nos, sempre respondemos.

Que tipo de apoio lles falta?

Falta de todo un pouco. Falta axuda das administracións, axuda económica privada, axuda dos medios á hora de promocionarnos... Os resultados que tiñamos que conseguir, conseguímolos nesta situación, así que cun pouco de apoio igual era mellor aínda. Pero todo tipos de apoio ten que vir precedido de axuda económica, aínda que a crise actual complícao todo.

"Hai moitos equipos de balonmán que non están pagando. Dá bastante pena a situación do noso deporte"

E afecta máis a crise ao deporte feminino?

Afecta ao deporte feminino, pero no balonmán afecta a todos os equipos e tamén aos masculinos. O Itxako ten os seus problemiñas, pero somos das máis privilexiadas neste deporte. Hai moitos equipos de balonmán que non están pagando. Dá bastante pena a situación do noso deporte. 

O balonmán lévalle dando éxitos ao deporte español desde hai moitos anos. Por que está nesta situación?

Pois non sei por que pasa no balonmán... Mellor dito, eu podo ter a miña opinión, pero sinceramente non sei se é a correcta. Será que este deporte non é fútbol, porque en España todo o mundo fala do mesmo. É o que hai.

Poden as mulleres vivir do balonmán?

Pódese vivir do balonmán, pero non en todas as ocasións. Agora temos sorte, pero non para solucionar a vida nin para poder compararte cos homes. Nin moito menos. Dependendo do palmarés que teñas, igual tes un soldo máis alto, pero en ningún momento o que gañas no balonmán che arranxa a vida. Nin de broma. 

Canto lle queda na elite?

Non o penso aínda. Teño gañas de ser nai, de cambiar o rumbo da miña vida, pero polo momento estou gozando da miña traxectoria deportiva. Supoño que me quedarán dous ou tres anos máis na elite.

"Non sei se acabarei xogando en Galicia. Non me gusta marcarme metas moi a longo prazo, porque o mundo do deporte dáche moitas sorpresas"

Virase retirar a Galicia?

Pois non sei se acabarei xogando en Galicia. Non me gusta marcarme metas moi a longo prazo, porque o mundo do deporte dáche moitas sorpresas. Igual sofres unha lesión e non podes seguir ou igual atópaste ben e continúas moitos máis anos. O que si é certo é que a miña terra e os meus amigos tíranme moito. Galicia encántame e sempre estou desexando coller toda a roupa e metela na maleta para marchar, pero vou seguir porque estou gozando deste deporte.

En que estado de saúde está o balonmán galego?

Cada día está mellor de saúde. Agora aínda máis porque o Porriño ascendeu a División de Honra e estáo facendo moi ben. Aínda así, quedan moitas cousas por mellorar.

Sente o cariño da súa terra logo de tantos anos fóra?

Sempre me sentín recoñecida porque Galicia sempre se portou moi ben comigo. Malia levar tantos anos fóra, para nada me sino infravalorada porque adoitan darme premios e recoñecerme os méritos. Ademais, eu nunca vou perder o cariño especial que sinto pola miña terra. É onde crecín, de onde son... Eu adoro Galicia.

Begoña Fernández © Juan Ramón Ocio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.