0 Gardados para despois

Lotus leva a bandeira galega á F-1 como homenaxe ás vítimas

Redacción | @prazapublica

Kimi Raikkonen e Romain Grosjean lucirán a bandeira galega nos seus monoprazas no Gran Premio de Fórmula Un que esta fin de semana se celebrará en Hungría. E farano como símbolo de respecto e homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Santiago de Compostela. Galicia estará presente nesta nova proba de F-1 grazas á escudería Lotus e ao seu propietario Gerard López, empresario nado en Luxemburgo pero fillo dun matrimonio da localidade lucense de Riotorto.

O propietario do equipo Lotus é Gerard López, orixinario de Riotorto, que quere "dar toda a axuda e o apoio aos afectados"

"A min e a todo o equipo de Lotus F-1 gustaríanos enviar as nosas sinceiras condolencias aos familiares e amigos das vítimas do accidente", asegura Gerard López, que asegura nun comunicado que "como galego", proporcionará "toda a axuda e apoio posible aos afectados por este desastre" que, tal e como lembra, sucede nunha zona que el coñece e quere "tanto". "Gustaríame mostrar a miña unidade coa rexión", insiste este especialista en Sistemas de Xestión da Información e principal investidor no sistema gratuíto de telefonía por internet, Skype.

"Lotus lucirá a bandeira galega como mostra de respecto e apoio moral", di o empresario galego

"Ademais, como símbolo de respecto e mostra de apoio moral, Lotus F1 conducirá coa bandeira galega na zona traseira dos aleróns de ambos os dous coches de Fórmula Un durante a fin de semana do Gran Premio de Hungría", explicou Gerard López, que xa lucía a bandeira de Galicia no casco cando era el o que competía en probas automobilísticas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.