Un sensacional Marque faise coa Volta a Portugal

A equipa de Marque celebra a vitoria © Volta a Portugal

Xavier Rábade relata en Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza Pública, o triunfo dos corredores galegos na Volta a Portugal

A Volta Portugal em Bicicleta comezaba como unha das máis abertas tras a retirada do deporte profesional do pentacampión galego David Blanco. Quedaba por ver quen sería o sucesor. Dende Elos e Canelas apuntamos as boas posicións e esperanza dos corredores galegos: Marque, Veloso e Fernández, todos do OFM-Quinta da Lixa, foron clave na competición.

O encargado de manifestar o bo rendemento dos ciclistas galegos foi Delio Fernández, quen se fixo coa terceira etapa. O compañeirismo que aínda pervive no ciclismo, fixo que o moañés se disculpase nada máis pasar a meta. Pedir perdón por gañar? Non, escusarse por adiantar a un colega, Marque, para logralo. Pola súa banda, a vitoria de etapa de Álex chegou no penúltimo día, mais foi, porén, a que sentenciou a competición lusa. Non erramos se dicimos que Marque é un dos mellor contrarreloxistas ibéricos do momento, e na CRI Sabugal-Guarda, demostrou porque é a súa especialidade: cubriu os 35,3 km do traxecto en 49 minutos e 6 segundos, isto é a unha media de 43 km/h. Foi a consagración do que ata entón era un gran gregario. Marque ten como referentes a dous grandes do ciclismo galego, David Blanco e Ezequiel Mosquera. O pentacampión galego sabía do que era capaz o estradense, traballaron xuntos en moitos entrenamentos e durante tres anos compartiron equipo. Ademais, Blanco apostara por Marque cando en 2011 non puido participar na Volta a Portugal e agora quixo acompañar ao seu amigo desprazándose ata alí estes días.

Delio Fernández escusouse por adiantar a Marque nada máis pasar a meta

Pero a satisfacción galega non acaba aí, Gustavo Veloso acabou segundo na clasificación xeral, a tan só catro segundos. O arousán chegou a Portugal disposto a destacar nesta edición e fíxoo coroando a etapa raíña. Rui Sousa (Efapel), un dos ciclistas máis experimentados do pelotón portugués e gran candidato luso á vitoria, procurou tensionar a carreira durante toda a etapa impoñendo ritmos duros que fixeron que máis dun se desfondara nas estradas da Serra da Estrela. Sen embargo, Veloso resistiu as envestidas e faltando menos de mil metros para cruzar a meta no Alto da Torra, Gustavo Veloso encaramouse na súa bici para protagonizar un potente e inapelado ataque.

O país veciño foi o refuxio onde os ciclistas do país poden traballar

Delio Fernández, Alejandro Marque e Gustavo Veloso encarnan unha nova xeración de ciclistas galegos. Unha xente que con esforzo, loita por poñer ao ciclismo galego no mapa deportivo. Poderíamos dicir, menos mal que nos queda Portugal, para salientar que o país veciño foi o refuxio onde os ciclistas do país poden traballar. Pero, saudosismos fóra, superado o estupor e a incomprensión pola liquidación do Xacobeo-Galicia (onde competiron Fernández e Veloso, por exemplo) o ciclismo galego demostra case sen axudas, na escuridade do silencio e sen máis guía que o sacrificio, moito sacrificio, que está á altura. Paso a pasiño, Delio, Alejandro e Gustavo trazan un novo camiño para un ciclismo galego que pasa páxina. Próxima parada: Vuelta a España; unha Vuelta que lle colleu lei a Galicia, por segunda vez consecutiva é un escenario importante. Próximo albo tamén para o ciclismo galego, as equipas portuguesas fan méritos abondos para que a Vuelta España teña a mercede de darlle algunha invitación. Será 2014?

A equipa de Marque celebra a vitoria © Volta a Portugal
Marque, David Blanco e Gustavo César Veloso © Volta a Portugal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.