Unha Volta por Galicia? en Galicia? ou un equipo galego?

Ciclistas da Volta a Galicia cos distintos premios: maillot amarelo, Gregori, de maillot celeste G. Rodríguez; F.Clavijo do Andalucía, maillot verde da montaña; D. Francisco do Gomur-Cantabria co maillot vermello, mellor nas metas volantes © Elos e Canelas

Xabier Rábade reflexiona en Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza Pública, sobre a necesidade dun equipo ciclista profesional galego e dunha volta profesional, e sobre as dificultades económicas actuais.

Antes, durante e despois da Vuelta a España sempre hai falares sobre “que pasaría se aínda houbera un equipo profesional en Galicia?”. Malia a que a experiencia do Xacobeo-Galicia acabou de maneira abrupta e a que a xestión da Xunta é cuestionada por moitos, semella que o nos últimos tempos o goberno galego busca atraer á Vuelta a España cara Galicia. Con todo, a preocupación da Xunta e dos organismos que se sumaron con ledicia a acoller (dando carto) á Vuelta parece que so é un medio para a promoción turística. O deporte era un obxectivo secundario segundo se desprende dos discursos oficiais.

A nivel de audiencia e de importancia deportiva, a Vuelta é un magnífico xeito de darse a coñecer. As paisaxes son parte do ciclismo e en parte serven de escaparate do destino que ofreces, tal vez por iso a orixinalidade de saír dende unha batea e chegar a Cabo Fisterra para que en holandés, inglés, francés e outros moitos idiomas conten unha anécdota sobre a fin da terra. Pero non será sempre posible facer vueltas tan galegas.

Os días 13, 14 e 15 de setembro, houbo outra volta en Galicia. A Volta Ciclista a Galicia é unha competición amateur organizada pola Federación Galega de Ciclismo co apoio de Deporte Galego e doutros patrocinadores institucionais e privados (como Powerade, Europcar e Norbrok21). Foron tres etapas que percorreron as tres cidades máis importantes do Eixo Atlántico (Vigo, Santiago e Coruña) e que demostraron que en Galicia hai equipos de calidade, dentro da súa categoría. O Super Froiz, o Aluminios Cortizo-C.C.Padronés, o C.C. Cambre, o Rías Baixas, o SPOL-Porriño e o C.C Vigués, foron acompañados por outros equipos españois, dous portugueses (destacando o Liberty Seguros) e a selección arxentina.

A competición, aínda que en nada foi seguida polos grandes medios, contou cunha presenza bastante razoable de público, sobre todo na meta do Obelisco coruñés. Tivo tamén o seu suspense posto que os derradeiros quilómetros foron os que fixeron vencedor da Volta a Galicia a Pedro Gregori, do padronés Aluminios Cortizo. O maillot a mellor galego foi gañado polo tudense Gustavo Rodríguez do Rías Baixas.

Ter unha competición ciclista relevante é a opción que nalgunhas zonas fixeron para colocarse no atlas do deporte. Non fai falla ficar en Francia e o Tour, en Flandres a Ronde é un sinal de identidade case tan potente como o león negro e mesmo a nivel local son moitas as cidades belgas que teñen a súa carreira dun día. Si, é certo que moitas desas competicións son centenarias, como a Liexa-Bastogne-Liexa, pero tamén está o caso de Vattenfall Cyclassics de Hamburgo nacida a mediados dos anos 90. A estratexia pasa por concentrar os esforzos nunha xornada, buscar patrocinadores potentes que cubran gastos, ofrecer premios interesantes que seduzan ao mellor pelotón posible e facer o lobbying necesario para que a UCI teña conta dela para algunha das súas categorías profesionais.

A estratexia pasa por concentrar os esforzos nunha xornada, buscar patrocinadores potentes que cubran gastos, ofrecer premios interesantes que seduzan ao mellor pelotón posible e facer o lobbying necesario para que a UCI teña conta dela

Outra opción xa coñecida polos galegos é ter un equipo ciclista de seu, unha fórmula que hoxe sería case irrepetible. A Xunta alegou que a falta de patrocinio privado facía insostible a viabilidade do equipo Xacobeo-Galicia. Cando se asinou a súa defunción, os orzamentos do equipo andaban polos dous millóns e medio de euros. Unhas cifras que palidecen cos volumes que agora se manexan. Un estudo da UCI determinou que entre 2009 e 2012 a media dos presupostos dos equipos profesionais (tanto ProTeams, primeira división, como Continentais, segunda) aumentou un 36,5%. Paralelamente o soldo medio dos corredores tamén se incrementou, dos 190.000 € en 2009 aos 264.000€ de 2012; aínda que cómpre recordar que dentro dos equipos hai unha marcada diversidade salarial entre os membros.

Cando se asinou a súa defunción, os orzamentos do equipo andaban polos dous millóns e medio de euros. Unhas cifras que palidecen cos volumes que agora se manexan

Podemos considerar os datos da UCI como demasiado triunfalistas? Existen voces que sinalan que xa se acadou o teito e que, por exemplo, as televisións están deixando de pagar prezos astronómicos polas retransmisións. Dous casos recentes disto son que TVE conseguiu os dereitos da Vuelta ata 2016 por un 25% menos, e o plante que fixeron grandes operadoras de tv europeas ao Mundial de 2013 que terá lugar en Florencia: prefiren non retransmitilo que pagar demasiado.

Pero malia a eses indicadores, estamos ante unha carreira orzamentística. Os grandes equipos son empresas con máis de setenta empregados (ciclistas, técnicos, persoal sanitario, masaxistas, conductores e, nalgún caso, homeópatas) que precisan recursos para poder ofrecer bos contratos e reter/fichar aos mellores. Pero tamén parte dos presupostos son consumidos polo staff  técnico e se algo sabemos os que facemos ciclismo é que os recambios e compoñentes da bici non son baratos (fagan un cálculo, o Sky consume anualmente máis de 600 cadeas e poñan que cada unha sexan uns 20€).

Existe unha quebra económica no pelotón porque non todos poden seguir esa liña. O Euskaltel-Euskadi, modelo oficioso de inspiración de moitos outros equipos apegados a un territorio, desaparece despois de que fracasaran as negociacións de compra con Fernando Alonso; tamén morrerán o francés Sojasun e o holandés Vacansoleil por perderen os seus patrocinios. A esperanza de vida dos equipos ciclistas é moito máis curta que a das formacións doutros deportes, dura o que o patrocinador quere. A maioría das sociedades que se meten como mecenas buscan aumentar o seu coñecemento entre os clientes, pero a popularidade chega un momento no que non pode ser rebasada e nese intre é cando se inicia a búsqueda dun novo patrocinador e se non se atopa, o equipo desaparece. Co ascenso dos costes dos sponsors, a lista de interesados en meter o seu nome tamén se fai máis elitista: máis do 70% dos 321 millóns de euros que fixo a suma dos presupostos dos equipos profesionais de ciclismo de 2012 procedía de tan só sesenta e unha empresas. Moitas delas son as propias empresas de bicicletas que incluso están apostando por controlar equipos como pasou co BMC, Trek (copatrocinador con Leopard e RadioShack) e máis recentemente con Cannondale.

Ante un ciclismo que non está en crise económica, parece complicado pois poder asomarse cun equipo a ese pelotón plagado de grandes marcas, mentres podemos repensar os camiños que se seguiron ata agora para melloralas

Ante un ciclismo que non está en crise económica, parece complicado pois poder asomarse cun equipo a ese pelotón plagado de grandes marcas, mentres podemos repensar os camiños que se seguiron ata agora para melloralas. Parece que se albisca un futuro sen moito soporte público polo que será noutros lares onde haberá que buscar e, a priori, a opción de darlle pulo á unha competición autóctona parece atractiva. E ata que ese momento chegue, se é que chega, deberemos seguir sacando tallada das oportunidades que nos brindan, tamén coa Vuelta a España.

Chegada á meta da derradeira etapa da XII Volta a Galicia. Vitoria para José Antonio de Segovia do Froiz. © Elos e Canelas
Ciclistas da Volta a Galicia cos distintos premios: maillot amarelo, Gregori, de maillot celeste G. Rodríguez; F.Clavijo do Andalucía, maillot verde da montaña; D. Francisco do Gomur-Cantabria co maillot vermello, mellor nas metas volantes © Elos e Canelas
O vixente gañador da Volta a Galicia, Pedro Gregori do Aluminios Cortizo-C.C Padronés; co Secretario Xeral para o Deporte, Lete Lasa. © Elos e Canelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.