0 Gardados para despois

“Televisar os partidos fixo aumentar a tensión nos derbis”

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Non foron Djalminha nin Mostovoi. E non gozaron das épocas douradas de Deportivo e Celta, pero poucas persoas poden explicar mellor que eles o sentimento dun derbi, sobre todo daqueles cheos de tensión que na Segunda disputaron os dous grandes galegos nos anos 80. Javier Maté, mítico porteiro celtiña,  acumula máis de dez encontros de rivalidade ás súas costas. Carlos Ballesta, conta varios como futbolista, pero aínda máis como segundo adestrador, ben con Eusebio Ríos ou con Arsenio. “Rivalidade e tensión hóuboa sempre, pero dentro do campo”, coinciden.

E os dous estiveron naquel encontro que moitos sitúan como o inicio dunha rivalidade mal entendida. A transformación da tensión no campo e nas bancadas na violencia exercida “por algunha xente nova”. O 6 de xuño de 1987, Deportivo e Celta enfrontaranse en Riazor nunha xornada do play-off a Primeira. Se os coruñeses gañaban, tiñan pé e medio na división de honra; se os celtiñas vencían, as súas opcións de ascenso incrementábanse moito. Ballesta era o segundo adestrador de Eusebio Ríos no banco local.  “Aí non tiveron culpa ningunha os equipos, por suposto tampouco o Celta; a culpa foi do árbitro, que asubiou un penalti metro e medio fóra da área que nos deixou sen o ascenso”, lembra o aínda técnico. “A tensión viña de antes, pero ese ano disputamos demasiados encontros de rivalidade; ese era o cuarto e xa eran dabondo, igualiño que o que lles pasou a Barça e Madrid non hai moito”, lembra Maté, que cre que o incremento da tensión entre as afeccións non se debeu só ao polémico partido, senón á súa repercusión.

"Naquel derbi do 87 os equipos non tiveron culpa; a culpa foi do árbitro, que asubiou un penalti metro e medio fóra da área"

“A TVG e a Radio Galega comezaron a emitir en 1985 e o aumento da cobertura dos medios nos derbis incrementou a tensión arredor del”, explica. O derbi retransmitiuse en directo, ao igual que as pedras que voaban desde as bancadas, os enfrontamentos dos seareiros coa Policía e a dureza no campo. Todo nun estadio con masiva presenza de afeccionados celestes mesturados cos deportivistas. Sen problemas. Coincidencia ou non, nese mesmo ano naceron os Riazor Blues e os Celtarras. “Nos túneles e nas entradas aos vestiarios sempre houbera moitos piques e pequenos problemas, pero ese ano a dureza foi maior pola característica dos xogadores; o Deportivo tiña a José Luis e nós tamén varios macarras”, bromea Maté, que consideraba ao falecido capitán branquiazul “un tipo moi competitivo que che facía odialo como rival”. “Fóra do campo, tíñaslle aprecio compañeiro”, matiza. 

"Os cornos de Paco Vázquez e a actitude de Leri incrementaron os problemas"

O Celta gañou e o Deportivo, tras os graves altercados, foi sancionado e tivo que xogar en Lugo o seu seguinte partido, no que prescindiu de varios titulares. Desde Vigo din que para prexudicar o seu equipo; desde Coruña negárono sempre. “Acusáronnos de deixarnos perder, pero non foi así; o problema veu todo daquel penalti”, lembra Ballesta. Maté si considera aquel partido como un dos máis tensos e máis recordado, pero advirte de que a tensión estaba agromando desde había uns aniños. E non por culpa dos políticos. “Algún tempo antes, aquela foto do alcalde Francisco Vázquez botando os cornos causou indignación en Vigo, ao igual que as continuas declaracións que facía Leri, o líder localista vigués”, aclara.

Os dous, Ballesta e Maté, deixan entrever que en moitos daqueles derbis, a tensión era maior no campo que nas bancadas, aínda que tamén a había, sobre todo a partir de finais dos 80. “Eu tamén vivín situacións problemáticas, saín escoltado do estadio algunha vez ou agochados, igual que lles pasaría aos do Celta”, recoñece. Maté recorda os derbis “con cariño, malia as hostias que nos dabamos”. “Logo riámonos xuntos de todo o vivido xuntos”, engade un porteiro que aposta por un derbi de confraternidade. “Oxalá puidese convidar aos afeccionados ou ex xogadores deportivistas a tomar unhas cañas o domingo e recordar anécdotas xuntos, entre amigos”, reclama. “Viaxar da Coruña a Vigo e de Vigo á Coruña tiña que ser unha festa”, insiste Ballesta, que cre que a rivalidade mal entendida está centrada “na xente nova”. “O 95% dos afeccionados non fan uso da violencia verbal nin física”, recorda.

"Deámonos de hostias no cuadrilátero, pero fóra todos somos amigos"

“A min non me molesta que veñan rapaces aos derbis, incluso que piquen, que insulten un pouco... Son cousas de xente nova, pero hai que pór un límite”, insiste Maté, ao que “o único” que lle molesta realmente é que as descualificacións pasen a raia. Refírese ás mofas de xogadores como Alvelo, que sufriu un grave accidente de tráfico (“iso si que me rebenta”, di), ou á lesión de Manuel Pablo. “Quen inventou este deporte fíxoo para divertirse e divertir; deámonos de hostias no cuadrilátero, pero fóra todos somos amigos”, remata.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.