"Mostovoi puxo Vigo no mapa"

Rafa Valero e Víctor López CC-BY-SA Alberto Ramos

Os xornalistas Rafael Valero e Víctor López veñen de publicar con Producións Peludas Diez años sin el 10, a biografía autorizada dun futbolista icónico do mellor celta da historia: Alexander Mostovoi. Agora que se cumpre unha década do retiro afdo Zar, os autores lanzan este libro na que máis de trinta persoas da contorna profesional e persoal do xogador ruso, quen tamén participa comparte as súas lembranzas cos biógrafos. “É un libro colectivo, de voces”, asegura Valero, quen tamén destaca a longa lista de colaboradores, xornalistas recoñecidos e fotógrafos de calidade que achegan as súas instantáneas e os seus artigos para formaren este volume, que enche un baleiro na bibliografía deportiva do celtismo. As sinaturas de Xabier Fortes, Bea Pino, Pedro Pablo Alonso, Juan Villar ou os obxectivos de Lalo Villar, Óscar Vázquez, Xulio Villarino ou Queimadelos únense a este libro que se pode adquirir na tenda oficial del Celta, nas librarías vigueses Librouro e Cartabón e na compostelá Miranda. Tamén pola rede, en www.tiendacelta.com.

No libro contan vostede coa colaboración dun feixe de compañeiros de oficio que achegan os seus artigos sobre Mostovoi. Como se incorporan estes textos na estrutura do libro?

VÍCTOR LÓPEZ (VL): A estrutura foxe do proceso lineal, dese mecanismo habitual de contar a vida dende cativo até o retiro. Nós intercalamos capítulos da súa vida celeste con outros do seu pasado en Rusía, Francia, Portugal ou tamén na selección rusa. Despois, cada articulista realiza un texto relacionado cun capítulo determinado. Pola súa banda, Relaño, director do AS, e Segurola, director adxunto do Marca, falan nos seus prólogos das súas sensacións sobre a idea de que se realice un libro sobre Mostovoi e as impresións que teñen do xogador. Ademais, temos unha serie de reporteiros gráficos, media ducia deles, que ceden instantáneas que consideran representativas de Mostovoi, quen tamén nos achega varias imaxes persoais. O libro está asinado por nós, pero é unha obra moi colectiva e que non tivo apoio institucional nin privado. De entrada, nós tiramos para adiante co proxecto e, francamente, poder contar con todos estes compañeiros  é para nós unha honra.

RAFAEL VALERO (FV):  É un libro moi coral, e sería imposible sen a colaboración xa non só dos 14 articulistas e dos fotógrafos, senón de preto de trinta persoas que estiveron presentes na traxectoria de Mostovoi e que nos achegaron os seus testemuños. Todas as súas palabras serviron para acompañar, naturalmente, o propio testemuño de Mostovoi. Este é un libro de moitas voces. 

"Como calquera película, Diez años sin el 10 ten a súa propia banda sonora. Aí está Nico Pastoriza con ese tema, Zar, que fixo para o libro"

Non é habitual a publicación deste tipo de libros no ámbito galego. Poucos títulos podemos incluír nunha sorte de bibliografía ou literatura futbolísticas, biografías de xogadores tan icónicos coma o propio Mostovoi.

VL: No caso do Celta si é clarísimo que hai moi pouca bibliografía, no caso do Dépor hai máis, hai unha biografía de Fran, feita por Álex Centeno, e algúns libros do Depor si que se elaboraron. Pero do Celta, sendo un club de máis de noventa anos de historia, practicamente non hai nada. É algo que o propio Club reclamaba. Cando falamos co Celta do libro, amosaron o seu interese para vender a obra na tenda do club. Eles non tiñan nada que ofrecer nese aspecto. No Celta había esa carencia, unha lagoa importante. No caso do fútbol en xeral, hai outros exemplos de títulos como no caso da Selección Galega de Fútbol. Pero este tipo de libros non tiveron demasiado impacto, seguramente porque hoxe vender libros é cada vez máis difícil. Despois hai outra cousa que podemos ver como innovadora neste volume: a música. Como calquera película, Diez años sin el 10 ten a súa propia banda sonora. Aí está Nico Pastoriza con ese tema, Zar, que fixo para o libro.

"Este libro, ao seu xeito, é unha homenaxe a unha xeración de futbolistas que formaron parte do mellor Celta da historia"

RV: Ademais, hai outra cousa que tentamos facer con esta biografía. Este libro, ao seu xeito, é unha homenaxe a unha xeración de futbolistas que formaron parte do mellor Celta da historia. O Celta carecía, como xa dixemos, desa bibliografía. Nós cubrimos un pouco unha eiva sobre esa etapa gloriosa, pero só un pouco... É que queda moito por analizar desa era e doutras etapas do club. Por outra banda, tamén pensamos que agora mesmo en Balaídos hai unha parte considerable do público que con vinte  ou vinte cinco anos non ten grandes lembranzas da época de Mostovoi, que non o viron xogar ou que non ían con regularidade ao estadio. Nós achegámonos a esa época moi recente, pero que o público novo non viviu de forma directa. Este libro pode unilos con esa época. É unha forma trasladárllela. Con este libro tamén buscamos ese obxectivo. 

VL: Tamén é certo que Mostovoi precisaba unha homenaxe porque saíu un pouco pola porta de atrás. É un xogador referencia para o Celtismo e saíu do club dun xeito triste, xa que foi un ano complicado para el e o equipo acabou descendendo.

"Mostovoi precisaba unha homenaxe porque saíu un pouco pola porta de atrás. É un xogador referencia para o Celtismo e saíu do club dun xeito triste"

O libro publícase unha década despois de que o futbolista deixara o equipo. A perspectiva que dá a marxe do tempo é necesaria para unha obra coma esta?

RV: Este libro había que facelo cando pasase un certo tempo, non se podía facer un ano despois. Consideramos nese sentido que unha década é suficiente para marcar a perspectiva imprescindible na análise desa época e determinar que significaba a figura de Mostovoi no Celta.

VL: Antes, Mostovoi sería incapaz antes de falar coa claridade sobre asuntos complexos e situacións persoais que viviu sobre todo no último ano, no que sofre problemas físicos e emocionais. Pensa que nese derradeiro ano no Celta divórciase da súa segunda muller e toda esas circunstancias trasladáronse ao terreo de xogo. Mostovoi chega a recoñecer que mentalmente se borraba do equipo, que non estaba en condicións. Falar diso un ano despois resulta imposible. Dez anos permiten que se poida abrir.

"Nós quixemos facer un libro sobre Mostovoi e el aceptou iso. Pero o que sabía dende o comezo é que era un libro sobre Mostovoi, non de Mostovoi"

Esta é unha biografía autorizada de Mostovoi. O termo autorizada sempre pode botar para atrás, restar credibilidade e rebaixar a pegada dunha biografía, xa que o lector pode pensar que hai censura ou que se edulcora a realidade ao gusto do personaxe...

VL: Por iso non me gusta que se chame “biografía autorizada.” Imos ver, el si que estaba de acordo con que fixeramos o libro, pero respectou en todo momento a nosa liberdade, xa que confiaba no que se ía facer. El sabía que non ía saír mal parado no título, que ten bastante de homenaxe, pero ollo, hai moitísimas voces e hai xente que dixo o que pensaba sobe moitos asuntos. E falan de cousas nas que Mostovoi non queda en tan bo lugar. Cousas das que o propio xogador se arrepinte. A min non me gusta ese termo de biografía autorizada, porque nela se escoitan moitas voces diferentes e Mostovoi, no que dixeron esas voces, non entrou para nada. Tivemos liberdade para facer o libro que consideramos oportuno.  Nós quixemos facer un libro sobre Mostovoi e el aceptou iso. Pero o que sabía dende o comezo é que era un libro sobre Mostovoi, non de Mostovoi.

RV: El ten confianza en nós pola boa relación que mantivemos e cede fotos e testemuño para a obra. A partir de aí, desentendeuse. Só quixo saber como ía ser a portada e pouco máis. El sabía que no libro ían falar Víctor Fernández, Patxi Salinas, Futre, con que coincidira no Benfica, con varios árbitros que o expulsaron... E se o sabía non é porque o preguntase, senón porque llo iamos comentando nós. El non dixo nin quixo dicir nunca iso de “isto non o poñades”, “aquilo de alá mellor deixalo fóra”, “deixemos isto”, el mantívose á marxe nese sentido. Confiaba en que faríamos o noso traballo. Biografía autorizada? De acordo, é a terminoloxía habitual; pero non é unha biografía ao ditado.

Falamos de Mostovoi, pero no libro retrátase ao Celta. Dalgún xeito, este xogador é a dínamo para contar unha época brillante do club?

VL: Si, facemos un percorrido desa época cun fío que sempre é Mostovoi. O que vén no libro céntrase en como foi a vida e a traxectoria de Mostovoi, que en gran parte se vincula a esa era do Celta. Loxicamente tamén por iso é falar dese Celta grande, do meirande de toda a historia.

"Cambiou a historia do celta, hai un antes e despois con Mostovoi"

Como definirían vostedes a Mostovoi?

RV: É o xogador que cambiou a historia do Celta, sen ningún xénero de dúbidas. Un xogador que puxo Vigo no Mapa porque grazas ao equipo, todos os anos Vigo xogaba en Europa. De feito, o último ano, o equipo participa na Champions e Vigo, que está nese recanto do mapa do estado español, foi coñecido por todo o mundo. E niso xogou un papel fundamental Mostovoi. Cambiou a historia do celta, hai un antes e despois con Mostovoi.

VL: Para min é un xenio, un artista incomprendido, é un xogador adiantado ao seu tempo. Se Mostovoi nacera dez anos despois, chegaría ser un xogador moitísimo máis valorado. Porque o fútbol que el facía, o que estaba na súa cabeza, a meirande parte dos compañeiros non o entendía. Un xogador moi brillante. Fíxate como son as cousas, Mostovoi segue a espertar unha admiración incrible. Non só nos que participaron no libro, senón tamén nos seareiros. A venda de libros vai a un ritmo extraordinario e pasa por iso. Na retina do celtismo sempre estarán vivos eses pases de Motovoi e esa música que lles puxo.

"Para min é un xenio, un artista incomprendido, é un xogador adiantado ao seu tempo. Se Mostovoi nacera dez anos despois, chegaría ser un xogador moitísimo máis valorado"

A súa foi unha despedida do fútbol pouco memorable...

RV: O último ano foi o peor, posiblemente xunto ao primeiro no que tardou en adaptarse a Vigo e ao Celta. Curiosamente nese último ano, marcado para el polos problemas persoais, o Celta participa na Champions e el resulta pouco partícipe na competición. SI, é unha despedida fea, porque o seu último partido foi en Riazor cun 3-0, o Celta descendía así no campo do eterno rival. É substituído no descanso e monta unha liorta cando lle din que non vai xogar. Nunca recibiu ningunha homenaxe tras a súa marcha e Mostovoi non entende como puido saír así do Club. 

Despois enrólase nunha aventura durante un mes no Deportivo Alavés despois dunha chamada de Piterman. Só xogou un partido, uns dez minutos e curiosamente mete un gol nese tempo. Despois, decide colgar as botas tamén mancado polas lesións. A súa saída da selección tamén foi triste. Na Eurocopa de Portugal, expulsárono en medio da competición a raíz dunhas declaracións moi críticas co corpo técnico. É dicir, pecha a súa carreira xogando dez minutos co Alavés, uns meses antes saíu do Celta pola porta de atrás e bótano da selección. Non é o mellor epílogo para un xogador excepcional.

VL: Pero quizais si é un epílogo que lle pode gustar á xente. Quero dicir, Mostovoi era un loser, un perdedor e a xente gústalle ese tipo de historias, porque son deses heroes con pés de barro que non chegan ao que merecía.

"Mostovoi era un loser, un perdedor e a xente gústalle ese tipo de historias, porque son deses heroes con pés de barro que non chegan ao que merecía"

A Mostovoi  perdíalle a boca ás veces e algunhas polémicas viviu, lembremos por exemplo a liorta con Djalminha, que tamén tiña o seu carácter...

RV: Curiosamente, agora ten unha boa relación con Djalma. Coincidiron varias veces e rin daquel episodio en Riazor, no que despois da labazada que lle dáo do Deportivo, o ruso fai xestos de mono. Si, si que hai polémicas, declaracións, etc. El daba titulares aos periodistas porque dicía as cousas claras, dicía o que pensaba.

"Curiosamente, agora ten unha boa relación con Djalma. Coincidiron varias veces e rin daquel episodio en Riazor, no que despois da labazada que lle dáo do Deportivo, o ruso fai xestos de mono"

Dende Mostovoi, o celtismo está orfo dun xogador icónico, dun referente tan potente?

VL: Imos ver, pensemos en Iago Aspas. El quería levar o 10 porque ese era o dorsal de Mostovoi e era o seu ídolo. Tamén leva agora o 10 Nolito, que agora mesmo é un pouco o referente nesta temporada. Ningún deles chega á presenza de Mostovoi, porque seguramente o club non está en condicións de igualar aquela época. É dicir, o Celta de agora non xoga en Europa cada ano nin chega a ser líder da Liga como si pasaba co Celta de Mostovoi. O mundo do fútbol é diferente para o Celta e non só para o Celta. Pensemos que ese ano á formación vigués fora acompañada na Champions por equipos coma o Dépor ou a Real Sociedade. Que eses tres equipos coincidisen hoxe na Liga de Campións resulta impensable. Pero si, o Celta segue a esperar por unha figura, por ese novo crack... E se chega a saír, non virá de fóra, sairá de acó. Deuse un xiro total e agora o Celta valora moito máis a canteira e o equipo está cheo de galegos. Se chega saír un xogador desa calidade, será da canteira.

"O Celta segue a esperar por unha figura, por ese novo crack... E se chega a saír, non virá de fóra, sairá de acó"

RV: Hai un capítulo no libro que se chama O legado de Mostovoi. Nel ten especial protagonismo Oubiña, quen fala da admiración que sente por Mostovoi e que é o único xogador do Celta de hoxe que compartiu vestiario con el. E tamén fala Iago Aspas que é o único profesional non contemporáneo de Mostovoi e fala tamén dese. Sobre o que dixo Víctor, coincido en que cambiaron moito as cousas, que o Celta é un club en crecemento, non é o desa época. E nese contexto, o legado de Mostovoi entre os celtistas e os xogadores que o admiraban segue aí, persistindo.

Falamos da canteira e da súa importancia na actualidade. Resulta unha pena que nese Celta glorioso a presenza galega fose reducida?

RV: Era testemuñal. Naqueles anos apenas había xogadores da canteira. Michel Salgado e despois Borja Oubiña e pouco máis. Agora cambiou totalmente, dende hai tres ou catro anos apóstase polas categorías de base. O fútbol cambiou. O fútbol dos grandes contratos televisivos, das fichaxes nas que se desbaldían... Iso é pasado para case todos os equipos. Agora, o fútbol tenta estar máis axustado á realidade.

"Dende hai tres ou catro anos apóstase polas categorías de base. O fútbol cambiou. O fútbol dos grandes contratos televisivos, das fichaxes nas que se desbaldían... Iso é pasado para case todos os equipos"

VL: Pero non pasa só no Celta, pasa tamén no Dépor. Nese Dépor histórico, agás Fran, eran todos xogadores de fóra. Agora, buscan na canteira. No resto pasa exactamente igual, agás no Madrid ou no Barcelona.

Podería ser que Mostovoi, algún día, seguise a estela de todos eses xogadores que rematan adestrando?

RV: A el encantaríalle dirixir o Celta algún día, o que pasa é que non se preocupou de ter o título de adestrador. El pensa que é bo xogador e por iso cre que lle teñen que dar o título sen necesidade de pasar un proceso de formación como fai o resto de compañeiros. Non se preocupou diso, pero si que  lle gustaría formar parte dun corpo técnico, de traballar con rapaces, de adestrar. Pero para iso ten que decatarse de que precisa unha fase de formación que non quere.

VL: Pachi Salinas asegura que Mostovoi daría para un excelente director deportivo, que tería moitas posibilidades de volver a vencellarse ao fútbol. El ten ganas de que iso suceda, pero agora ten a súa vida en Moscova, lonxe do contexto onde foi máis recoñecido: o fútbol europeo. Quero dicir, el era un xogador que triunfou en Rusia, que gañou títulos e tivo repercusión, pero hai que ter en conta que marchou aos 21 anos de Rusia. Pasaron moitísimos anos e todo iso quedou no esquecemento. Cousa que aquí, en Vigo, non vai pasar.

Rafa Valero, Víctor López, Víctor Fernández e Nicolas Pastoriza CC-BY-SA Alberto Ramos
Capa do libro © Producións Peludas
Alexander Mostovoi © Celta de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.