As peticións de camisolas coa bandeira galega desbordan o Dépor

Segunda equipación do Deportivo, coa bandeira galega © Deportivo de La Coruña

A pasada primavera a nova directiva do Deportivo de La Coruña realizaba todo un xesto cara á súa afección anunciando que a segunda equipación do equipo seria branca cunha franxa azul, inspirándose na bandeira de Galicia. Cadrando co Día das Letras o club coruñés puxo en marcha a campaña #asnosascores, que incluía un sistema de reservas para que quen desexase mercase a camisola. Aínda que o prezo da elástica non é precisamente anti crise -custa case 70 euros- a expectación xerada entre a afección deportivista xa ficou clara nas primeiras vinte e catro horas cando, segundo datos do club, se recibiron "case 1.000" reservas. Tres meses despois, no inicio da Liga, a demanda de camisolas supera, con moito, a oferta dispoñible.

Moitas das persoas que reservaron a camisola da bandeira, coa que o Dépor comezou a temporada ante o Granada, están a recibir correos electrónicos nos que o club pide comprensión polo atraso. "Dende o primeiro instante o Deportivo quixo atender o máis rápido posible a demanda" e "garantir que ningún afeccionado quedase sen camiseta" e, polo momento, aseguran, xa conseguiron "garantir que toda a demanda se vai cubrir", se ben "o provedor só puido surtir o Real Club Deportivo o 10% o total das reservas", unha cantidade que nin sequera representa "a demanda completa da primeira xornada de reservas".

Na primeira xornada de reservas, o Día das Letras, reservouse case un milleiro de camisolas

Neste escenario, a medida que as vai recibir o club entrega as camisolas "por rigorosa orde de reserva", se ben o proceso non se completará, calculan, ata "outubro ou novembro". "En canto se faga entrega de todos os pedidos a segunda equipaxe porase á venda" na tenda oficial do Deportivo e nun centro comercial da cidade, xa que, á vista do éxito, "o Deportivo solicitou unha produción a maiores da inicialmente programada para poder atender toda a demanda xerada". 

O club, conclúe a comunicación aos siareiros e siareiras, fixo "todos os esforzos que están na súa man para atender de maneira ordenada e eficaz todas as reservas", pero foron "circunstancias alleas" as que provocaron o atraso, sinala. En todo caso, esta "espectacular acollida" é, para a directiva deportivista, unha mostra de "fidelidade e paixón ás nosas cores", afirman.

O Dépor, coa segunda camisola no inicio de Liga ante o Granada © Deportivo de La Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.