O Coruxo segue coa súa xeira triunfal na 2ºB

Un momento do Coruxo-Langreo CC-BY-SA Alexandre Boubeta

O Coruxo sumou esta tarde a súa cuarta vitoria consecutiva no grupo I da segunda división B ó gañar por 2-1 ó Langreo no campo do Vao. A súa bagaxe é de catro triunfos e un empate en cinco xornadas, isto é, 13 de 15 puntos que lle serven para superar ó Guijuelo e colocarse segundo cos mesmos puntos que o líder Oviedo.

O Coruxo derrotou esta tarde ó Langreo, que acaba de ascender da terceira asturiana, grazas ós dous goles do enrachado Salinas, que leva cinco dianas en cinco xornadas. Anotou o primeiro no minuto 10, e, cando o encontro se complicara co empate de Ortiz para o Langreo, deu os tres puntos ós seus con outro tanto no 75 de partido. O Coruxo dominou boa parte do choque, pero tivo uns minutos de desconexión a comezos da segunda metade que case lle custan a vitoria.

A súa bagaxe é de catro triunfos e un empate en cinco xornadas, isto é, 13 de 15 puntos que lle serven para superar ó Guijuelo e colocarse segundo cos mesmos puntos que o líder Oviedo

O equipo vigués, adestrado por Rafa Sáez, comezou o encontro disposto a facerse co dominio do esférico. Tivo a primeira no minuto 2 por medio do extremo Rafa Mella, ata que no 10 o capitán Antúnez atopou nun pase interior a Salinas, que xirou e marcou o primeiro nunha gran manobra de dianteiro centro. Foi xusto despois de que o Langreo dera o susto cun mal rexeite do meta Fernando que non aproveitou Acebal.

Non obstante, o dominio e as ocasións eran do Coruxo, que tocaba e chegaba á área rival con certa facilidade. Pouco despois do gol de novo Salinas tivo un man a man que despexou o meta visitante Javi Díaz a córner.  Outra boa combinación rematou cun disparo alto do centrocampista Álex Fernández. O Langreo, que gozara doutra boa ocasión nun man a man do activo Robi, amagou con reaccionar contra os 25 minutos de partido, pero sen xerar demasiado perigo a un Coruxo que estaba cómodo no terreo de xogo. Só inquietou cun disparo desviado do lateral Manu Blanco.

As conducións do lateral esquerdo do Coruxo Aitor Aspas, primo de Iago, pero sobre todo do lateral dereito Ángel, que tiña unha autoestrada por diante, foron unha constante ante a debilidade defensiva do Langreo. Os dous centrais visitantes remataron o primeiro período con cartón amarelo. Entre as interrupcións, o Coruxo seguía inquietando ó marco rival. Salinas non chegou a rematar un centro de Pardavila para empuxar o segundo, e Álex Fernández tívoa por dúas veces cun remate de cabeza e cun disparo que detivo Javi Díaz.

Cambiou completamente o guión no segundo tempo. Espertou o Langreo, inocente e sen pegada no primeiro acto, e o Coruxo desconectouse do partido. Avisou Robi cun remate desviado, avisou Ortiz cun man a man que sacou maxistralmente Fernando, avisou Nacho Méndez cun disparo desviado, ata que, no minuto 62, Ortiz aproveitou unha pelota franca no punto de penalti para facer o empate superando por baixo a Fernando.

Entón reaccionou Rafa Sáez desde o banco metendo a Cifuentes por Pardavila para darlle vigor ó centro do campo. Adiantou a súa posición Aitor Aspas e Álex situouse de lateral zurdo. Cando menos, o partido equilibrouse. Intentouno o Langreo cun remate de cabeza do central Otero que detivo Fernando, pero o que matou foi o Coruxo. O lateral Ángel saíu á contra nunha fabulosa galopada e cedeu a Salinas, que, por baixo, de disparo seco,  bateu a Javi Díaz para alegría da grada do Vao. O Coruxo estaba de novo por diante.

O Vao despediu ós seus cunha cálida ovación. Sen dúbida, este Coruxo ilusiona

O técnico visitante, José Antonio Redondo, introduciu dos homes de ataque por dous centrocampistas. Aínda que o Langreo apertou nos últimos minutos, o Coruxo apenas pasou apuros. Houbo algunhas interrupcións para atender ós locais Ángel e Moscardó e varios cartóns amarelos para ámbolos dous equipos. Rafa Sáez esgotou trocos nos últimos minutos, e mesmo o Coruxo puido sentenciar cunha incursión de Aitor Aspas que despexou o Langreo na área pequena. O Vao despediu ós seus cunha cálida ovación. Sen dúbida, este Coruxo ilusiona.

Un momento do Coruxo-Langreo CC-BY-SA Alexandre Boubeta
Un momento do Coruxo-Langreo CC-BY-SA Alexandre Boubeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.