E se vivimos o derbi como galegos?

Unha das fotografías que ilustrou un libro solidario sobre o derbi © Jorge Lens

Aos poucos e moi paseniñamente, hai cousas que van cambiando no derbi galego. Malia que o partido en Balaídos deste martes -unha vez máis- foi declarado de alto risco, as previas desta histórica rivalidade van perdendo un chisco a linguaxe bélica que adoitaba predominar dun e doutro lado. O amigable que Celta e Deportivo disputaron en agosto en Pontevedra, e onde os seareiros conviviron nas rúas sen incidente ningún, fixo ver en moitos a esperanza do inicio doutro tipo de encontros, diferentes aos que se levan vivindo nos últimos trinta anos.

A cordialidade nas rúas no último derbi amigable fixo ver en moitos a esperanza do inicio doutro tipo de rivalidade

Queda moito por facer e as minorías adoitan ser as que máis berran. Ninguén quere acabar coa paixón, as bromas ou a retranca tan propia, pero si coas pedras, as viaxes escoltadas por policías e as camisolas agochadas tras as cazadoras nos bares. As federacións de peñas celtistas e deportivistas levan tempo avogando por unha rivalidade sa e sen incidentes e analizan aquí as razóns dalgúns comportamentos violentos e a xenreira que leva tempo instalada. Con máis ou menos optimismo, os dous coinciden nun propósito que, polo momento, segue a ser utópico: "Soño con chegar á outra cidade e botar o día na rúa, de viños e tapas, cada un coa súa camisola". Como o derbi vasco. Hai anuncios de destacadas cadeas de supermercados que teiman unha e outra vez en "vivir como galegos". Con festa, optimismo e orgullo. Sen enfrontamentos. Por que non tamén no fútbol?

"Soño con botar o día na outra cidade, de viños e tapas, e cada un coa súa camisola", reivindican os dirixentes das peñas

José Méndez, presidente da Federación de Peñas do Celta, non é demasiado optimista sobre o futuro e, malia o mellor ambiente vivido nalgún dos últimos encontros, cre que "botar unha ollada ás cousas que se din nas redes sociais" abonda como para pensar "que vai ser difícil acabar con este tipo de rivalidade extrema". "O partido deste martes, polo día e a hora á que é, axuda a que non haxa problemas porque haberá menos xente nas bancadas e menos afeccionados que viaxen desde A Coruña", asegura resignado.

"Sempre hai os mesmos problemas e ao final pagamos as consecuencias os que levamos anos viaxando por aí adiante sen conflito ningún, sexan do Deportivo ou do Celta", engade Antonio Rama, directivo da Federación de Peñas dos branquiazuis e o máis veterano do colectivo, nunha reflexión na que coincide co seu compañeiro celtiña.

"Nas federacións de peñas nunca houbo problemas; os conflitos veñen doutros lados"

"Nas federacións de peñas nunca houbo problemas e tampouco entre peñas, os problemas veñen dos que non están integrados na federación", di Méndez, en referencia clara aos Riazor Blues e aos Celtarras, pero aclara que "tomar medidas drásticas" sobre algún comportamento extremo "non depende de nós". "Supoño que algo se podería facer e o que non pode ser é que busquemos solucións ou nos botemos as mans á cabeza cando ocorre algún incidente", comenta Rama.

"Nas federacións temos compartido programas en varios medios, xuntámonos e avogamos pola cordialidade... Nunca fixemos nada malo nin nada que puidese crear mal ambiente, pero o problema é a receptividade; se non se é receptivo a estas mensaxes, de pouco valen. Hai que concienciarse e iso, moitas veces, é cuestión de cultura e educación, nada máis", insiste Méndez, que coincide con Antonio Rama nunha ilusión: "A nós o que nos gustaría é ir todos xuntos da man".

Ambos os dous miran ás directivas, que cren que van polo bo camiño pero ás que lle piden un paso adiante "Vén de haber un cambio de presidente e directiva no Deportivo e parece que o camiño é o da cordialidade", asegura o directivo das peñas celtistas. "Deberían facer algo máis, implicarse, fomentar a cordialidade, publicitalo ben, xuntarse ante os medios... Iso axuda", insiste o compañeiro branquiazul.  Pero é que nin os xogadores puxeron todo da súa parte nalgunha ocasión. Hai comportamentos máis que cuestionables. Polo momento, desta vez ninguén meteu a zoca.

"Todo cambiou para peor en 1986, xusto cando había dous políticos [Leri e Paco Vázquez] moi propensos a enviar mensaxes equivocadas"

Pero para os presidentes das peñas, a maior responsabilidade (e se cadra tamén os maiores erros) está na clase política, á que si que piden con claridade que se implique máis nunha causa que debe ser común. Tanto antes como agora, sempre houbo quen levou a rivalidade a unha pelexa localista ou partidista. E fixo moito dano. José Méndez ten boa memoria. "As cousas comezaron a cambiar, para peor, en 1986 xusto cando había dous políticos que eran moi propensos a esas mensaxes equivocadas, un era Leri [Antonio Nieto Figueroa], que xa faleceu, e o outro xa non está moi metido en política", di, en referencia a Francisco Vázquez, ex alcalde da Coruña. Dun e doutro lémbranse xestos, declaracións e provocacións propias dos futboleiros máis radicais, coa diferenza de que eles representaban o pobo e empregaban o apoio que recibían en votos para atacar o veciño. Foi a mediados dos 80 cando viaxar co teu equipo a Riazor ou Balaídos se converteu nun problema. En 1987 fundáronse as dúas peñas máis radicais en ambos dous campos.

"Os políticos, e sobre todo os alcaldes, deberían facer moito máis pero nin o intentan", reivindican as peñas

"Os políticos, e sobre todo os alcaldes, deberían facer algo; en vez de declarar o partido de alto risco, sería moito máis proveitoso que quedasen xuntos e comparecesen ante a prensa, que promovesen unha campaña publicitaria concienciando a xente... Hai moitas cousas que se poden facer pero que nin se intentan", propón Antonio Rama, que non lembra viaxe ningún a Balaídos no que non tivese que ir escoltado ou con certo temor. "E o mesmo pasa ao revés, claro, que eu non penso desculpar a ninguén", advirte.

"Ao final, o problema resúmese nunha pelexa cidadá; eu son de Arbo e a min non me provoca nada que haxa quen cante puta Vigo... Igual se cantan puta Arbo si que me amola, pero así non; e igual ocorrerá aos deportivistas que non son da Coruña cando insultan a cidade...", di entre risas, tras advertir tamén que "se poden facer moitas cousas", pero que é complicado levalas adiante "se non hai complicidade e se non se ten esa boa intención".

"Gustaríanos ir tomar os viños xuntos e non baixar do bus ao estadio e volver a el escoltado... Esa non é viaxe de pracer ningunha"

"O que nos gustaría é chegar á Coruña e facer un acto de irmandade como facemos con outras afeccións. Logo gañará o que gañe, pero todo debe seguir igual; ao final, o resultado depende dunha pelota", conclúe José Méndez, que soña con "ir de viños e tapas" pola Coruña coa súa camiseta como fai noutras moitas cidades. "Gustaríame ir tomar os viños e pasear por aí, como en tantos outros lados, e non coller o bus, baixar no estadio e volver subirme nun autocar escoltado... Esa non é viaxe de pracer ningunha, nin moito menos", reflexiona Rama, que pide aos medios que destaquen as numerosas e beneficiosas actitudes "positivas" que se dan en moitos afeccionados e non tanto o malo. "Pasan os anos e seguimos lembrando os incidentes, pero case nunca o bo ambiente ou a ausencia deles e iso tamén inflúe", conta.

Tras o partido deste martes, José Méndez e Antonio Rama seguirán sendo celtista e deportivista respectivamente. Pase o que pase. E seguirán soñando con ir ver o derbi xuntos. Entre risas, bromas e uns viños. Sen problemas. Como galegos. Co espírito de Vilalba.

Afección deportivista nun derbi galego en Riazor © Roberto Berdini
Seareiros celestes en Balaídos © Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.