O Cangas logra o triunfo da fe

Os xogadores do Cangas no Gatañal © A. B.

O Balonmán Cangas Frigoríficos do Morazo logrou onte pola tarde unha valiosa vitoria contra o Villa de Aranda 28-24 no Gatañal. O conxunto cangués foi a remolque na meirande parte do partido, incluso estivo sete goles abaixo de xeito continuado na primeira metade, pero, grazas ó apoio dun público de novo inconmensurable, ós goles de Muratovic e ás paradas de Mijuskovic, conseguiu unha remontada épica e acabou logrando o triunfo. Así, o Cangas empata a 7 puntos co Villa de Aranda e sitúase sétimo na Asobal tras seis xornadas disputadas.

O primeiro tempo do Cangas foi para esquecer. O conxunto de 'Pillo' non tivo ideas para superar a unha defensa moi intensa e ordenada.  Non era casualidade que o Villa de Aranda chegara ó Gatañal invicto e coa terceira mellor defensa da Asobal. Sempre se anticipaban e os xogadores locais apenas podían armar o brazo para tirar. Cando o conseguían, aparecía Javi Santana, ex porteiro do Cangas que fixo unha fabulosa primeira metade e que se levou unha cálida ovación do seu antigo público.

Así pois, comezou o partido coas defensas impoñéndose ós ataques. 'Sera' abriu o marcador para os locais no minuto 3, pero cedo o Villa de Aranda imporía un dominio autoritario. Os visitantes lograron un parcial de 5-1 con dous goles do pivote vigués Tomás Moreira e outros dous do brasileiro de incrible salto Patrianova. Por se as cousas non ían ben, o cangués 'Sera' sufriu a primeira exclusión de dous minutos do partido.

Aínda que Rosales puxo o 3-6 tras sete minutos sen marcar, o Villa de Aranda seguía impoñendo o seu ritmo demoledor. Desesperado no banco, o adestrador cangués 'Pillo' prescindiu do central Alberto Casares, incapaz de dirixir ataques perigosos, e deu entrada a un dos homes máis importantes do equipo, David García. Aínda así, o conxunto visitante puxo a directa cun parcial de 4-0 que o puxo 4-11, sete goles arriba no minuto 22 da primeira parte. Cos seus homes altos e con Moreira desde o pivote, os burgaleses estaban a facer moito dano.

Tras unha exclusión por cada equipo e varias decisións controvertidas dos árbitros que lle custaron os asubíos do Gatañal, o Cangas empezou a meterse no partido. Polo menos conseguiu maquillar o desastroso inicio e se puxo a cinco goles dos visitantes grazas ós tantos de Suso Soliño, capitán que xa conta 39 anos, Amarrelle e Ángel Iglesias. 8-13 ó descanso.

Tralo descanso o Balonmán Cangas mostrou unha cara ben distinta e o partido cambiou notablemente

Tralo descanso o Balonmán Cangas mostrou unha cara ben distinta e o partido cambiou notablemente. Entrou nunha frenética vórtice de ataques rápidos e goles nas dúas porterías que acabou beneficiando o Cangas. Javi Díaz, porteiro do Rosal, non estivo tan atinado como seu tocaio Santana na meta visitante, mentres que no Cangas emerxeron dúas figuras: a do meta Mijuskovic e do lateral Muratovic. Os dous montenegrinos foron fundamentais no triunfo cangués.

Precisamente a segunda metade comezou con gol de Muratovic. Unha nova exclusión para o Cangas, de Santi Gallego, non alterou o guión: ataques veloces e moitos goles. A diferenza mantívose en torno ós tres ou catro goles durante uns minutos, ata o 14-18 de 'Sera'. 'Pillo' alternou coa defensa 4-2 con marcas individuais sobre Camino e Patrianova, e cedo os locais conseguiron un parcial de 3-0 que os metía de cheo no partido: 17-18 no minuto 12 do segundo tempo.

O Villa de Aranda aproveitou a segunda exclusión de 'Sera' para volver abrir diferenzas. No ecuador da segunda parte o marcador reflectía o 18-21 para os visitantes. Pero non era momento de renderse, nin para o Cangas, que estivera moito peor, nin para o público do Gatañal, que aínda cría na remontada. Entón chegou a reacción local: os partidos no Gatañal fanse moi longos. O Cangas puxo o empate a 21, favorecidos por dúas exclusións rivais e porque o gardameta Mijuskukuvic detivera un sete metros.

Suso Soliño puxo o 22-21 para delirio da parroquia local. O partido mantívose igualado por uns minutos, ata que apareceu Rosales para anotar dous goles consecutivos vitais. A falta de catro minutos, o Cangas gañaba de dous: 25-23. Apareceu a desesperación no bando visitante, que se vía por debaixo tras ir gañando case todo o partido. O Gatañal, que acabou berrando “Esta é a afición dun equipo campión” vivía o éxtase do momento. Os tres últimos goles dos cangueses, obra de Suso Soliño, Casares e Eijo, remataron por romper definitivamente o partido e puxeron o 28-24 final que lle da un triunfo máis que sufrido ó cadro galego.

Os xogadores do Cangas no Gatañal © A. B.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.