Larrivey guía o Celta a postos europeos

Un momento do Celta-Levante © LFP

O Celta gañoulle este venres 3-0 ó Levante no partido que abría a novena xornada de liga. Larrivey encamiñou a vitoria marcando os dous primeiros goles célticos, o primeiro en posición dubidosa, nos minutos 27 e 83 de partido. Álex López, que foi suplente, pechou a conta nos últimos minutos tras un erro do gardameta vigués do Levante Diego Mariño.

O Celta tivo a posesión do balón durante boa parte do choque, pero custoulle crear ocasión claras de perigo ante un Levante ben pechado atrás no que se estreou Lucas Alcaraz. O conxunto celeste suma 16 puntos e volve superar o Vilarreal pola sexta praza, á espera de que os amarelos xoguen o seu partido desta xornada contra o Sevilla.

O conxunto celeste suma 16 puntos e volve superar o Vilarreal pola sexta praza, á espera de que os amarelos xoguen o seu partido desta xornada contra o Sevilla

Berizzo realizou algúns cambios no ‘once’ para o encontro. Ademais das entradas de Sergi Gómez polo mancado Fontás e de Santi Mina polo sancionado Orellana, Jonny e Pablo Hernández relevaron a Planas e Álex López no lateral zurdo e no centro do campo respectivamente.

Saíu o Celta moi dominador ante un Levante repregado esperando a súa oportunidade á contra. Intentaba facer dano sobre todo pola esquerda con Nolito, e así chegou a primeira ocasión: un disparo alto de Pablo Hernández no minuto 7. Pouco despois o propio chileno rematou desviado tras un córner. Avisou o Levante nos seguintes minutos cun cabezazo de Diop a unha falta lateral que atrapou Sergio tras varios rexeites.

O Celta dominaba e trataba de atacar, pero non conseguía sorprender ó entramado defensivo do conxunto granota. Non o conseguía ata que o conseguiu. Boa xogada de Santi Mina, canteirán sen apenas oportunidades este curso, que viu da dereita ó centro e deixou para Pablo Hernández. O chileno asistiu e Larrivey fixo o primeiro da noite no minuto 27. A posición é moi axustada, pero semella que o dianteiro está en liña co último defensor. Desde logo, se existe fora de xogo é milimétrico.

Tralo gol non cambiou a tónica do partido: dominio do Celta e pouco perigo nas áreas. De novo Pablo Hernández, tan activo como pouco afortunado, tivo outra ocasión nun disparo alto. Puido marcar o Celta o segundo no minuto 41 cun remate demasiado cruzado de Larrivey tras unha incursión e asistencia de Nolito pola esquerda.

Moveu ficha no descanso un Alcaraz que por momentos se desesperaba na banda. Meteu a un dianteiro, Víctor Casadesús, e a un home de banda, Xumetra, polos dous extremos que empezaran o partido, Rubén García e Morales. O Levante estirouse, tratou de presionar máis arriba e discutiulle o balón ó Celta. O equipo vigués baixou o pistón e o partido volveuse menos vistoso. Nese escenario puido empatar o Levante cun disparo durísimo desde fora da área de Ivanschitz ó longueiro no minuto 26 da segunda metade.

Antes xa movera o banco Berizzo metendo a Levy Madinda por Santi Mina nun troco defensivo para reforzar o centro do campo. Esgotou trocos Alcaraz coa entrada de Sissoko polo amoestado Simao Mate e tras un último intento de Pablo Hernández, Berizzo substituíuno para dar entrada a Álex López.

Os afeccionados celestes, máis de 19.000 nunha noite de venres de Balaídos, celebraban o triunfo entoando “O andar miudiño”

Foi importante o último cambio do Levante porque pouco despois mancouse o central Héctor Rodas, que volveu ó céspede pero variou a súa posición para non correr riscos atrás. Mentres os granota se recolocaban, Nolito aproveitou ese oco, viuse favorecido por un despexe da zaga e disparou a porta. Mariño despexou, pero deixou un rexeite franco para que Larrivey marcara o segundo de cabeza. A falta de sete minutos, o Celta sentenciaba o choque. O dianteiro arxentino deixaba o seu sitio a Charles.

Non obstante, aínda habería tempo para outro gol. Contra o minuto 90, o ingresado Álex López cazou un balón en tres cuartos e disparou a porta. O balón escapóuselle das mans a Mariño e foi para dentro. Cousas que adoitan pasar cando as cousas van mal, neste caso, para o Levante. Mentres, os afeccionados celestes, máis de 19.000 nunha noite de venres de Balaídos, celebraban o triunfo entoando “O andar miudiño”. Este Celta ilusiona e vai facendo camiño para conseguir canto antes os 42 puntos que dan a permanencia.

Un momento do Celta-Levante © LFP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.