O Granada frustra o Celta

Nolito, no partido ante o Granada © celtavigo.net

O Celta empatou 0-0 onte pola noite contra un Granada correoso que lle impediu desplegar o seu mellor xogo. Non foi quen de superar o armazón de Caparrós. A primeira metade foi insulsa e con poucas ocasións, mentres que na segunda o partido puido caer para calquera dos dous lados. O Celta dominou durante a meirande parte do choque, pero o Granada gozou das dúas ocasións máis claras en dúas contras de Rochina.

Así pois, despois do triunfo no Camp Nou e da convocatoria de Nolito con España, a afección de Balaídos con puido completar a festa con outra vitoria. O empate, unido o triunfo do Málaga, supón que descende ó sétimo posto con 20 puntos. Ademais, o rexistro de partidos seguidos marcando detense en 16, e se queda a un da marca histórica do EuroCelta de Víctor Fernández.

Berizzo repetiu o mesmo ‘once’ que gañou o pasado fin de semana en Barcelona. Así pois, o xa recuperado Fontás quedouse no banco, Jonny actuou no lateral esquerdo polo mancado Planas e Pablo Hernández volveu deixar no banco a Álex López. A primeira metade foi moi espesa, con moito centrocampismo e pouco xogo.

O Celta controlou, tivo o balón e tamén as mellores ocasións, pero o rocoso Granada presionou ben e impediu que o Celta movera o balón con tanta velocidade e precisión como acostuma. O conxunto celeste non atopou a fluidez doutros días, aínda que tamén é certo que o Granada apenas inquietou a Sergio nos primeiros 45 minutos.

Incluso comezou mellor o Granada e apertou ó principio, pero pronto o Celta se fixo do control do partido. No minuto 10 o colexiado anulou correctamente un gol en claro fóra de xogo de Sergi Gómez tras unha deixada de cabeza de Orellana. Cinco minutos despois o propio chileno roubou un balón ó meta galego do Granada Roberto cando se dispoñía a sacar. Pablo Hernández non puido precisar o disparo co porteiro fóra do marco e desperdiciou unha ocasión moi clara.

Pasada a media hora de partido, tivo algunhas ocasións o Celta, especialmente un remate de cabeza de Sergi Gómez á saída dun córner que se atopou cunha extraordinaria resposta de Roberto. Pouco despois Orellana desaproveitou un libre indirecto dentro da área tras unha controvertida cesión de Babín a Roberto. Primeiro disparou contra a barreira e despois moi alto. De novo o chileno, moi activo durante o partido, tivo outra boa ocasión cun disparo coa esquerda que detivo ben Roberto na última chegada da primeira parte.

O Celta quixo irse máis arriba e se pareceu máis a si mesmo durante o principio do segundo tempo. Nolito, máis gris que noutros partidos, gozou doutra ocasión, pero Roberto atallou ben o seu disparo. Non obstante, realizou dous trocos no ataque Caparrós que reactivaron ó seu equipo. Os dous dianteiros, primeiro El Arabi e despois Córdoba, deixaron o seu sitio a Success e a Rochina.

O Celta, cada vez máis volcado, deixaba máis espazo ás costas da defensa e Caparrós quixo explotalo con dous dianteiros frescos e rápidos. A velocidade de Success puxo en dificultades á zaga céltica e Rochina tivo as dúas máis claras da segunda parte. O Celta perdeu o control, o partido abriuse e converteuse por uns minutos nun ida e volta permanente, nun toma e daca.

Primeiro, antes de ser substituído, tívoa o colombiano Córdoba, despois Larrivey en dous reversos, e no minuto 62 de partido Rochina gozou da primeira clarísima cun disparo franco dentro da área que se marchou desviado despois da loita polo balón de Sucess con Cabral e Hugo Mallo.

Berizzo quixo recuperar o centro do campo e meteu a Augusto, que volvía de lesión, por Pablo Hernández. O arxentino situouse na dereita e foi Orellana quen xogou por dentro. Tívoa nun disparo cruzado Nolito, ata que no minuto 71 Cabral sacou baixo paus a segunda clarísima de Rochina, que xa regateara a Sergio. Balaídos respirou.

O Celta non se conformou co empate e seguiu buscando a vitoria. Incluso coa entrada de Álex López por Hugo Mallo, Augusto rematou de lateral dereito. Pola contra, o Granada decidiu dar por bo o punto. Roberto, mancado nun lance anterior con Larrivey, parecía que non podía seguir pero salvou un man a man contra Orellana na ocasión máis clara dos últimos minutos. Nos seis minutos de desconto o equipo celeste seguiu acosando a portería rival sen atopar premio. Pequena decepción polo empate pero orgullo pola entrega dos xogadores célticos foi o que deberon sentir os máis de 17.000 espectadores que acudiron a Balaídos nunha noite fría e chuviosa.

Nolito, no partido ante o Granada © celtavigo.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.