O Cangas saca un empate nun partido igualadísimo

Imaxe do Cangas-Ademar CC-BY-SA Alexandre Boubeta

O Balonmán Cangas empatou este sábado pola tarde no Gatañal 30-30 contra o Ademar de León nun partido extremadamente equilibrado. De feito, a diferenza no marcador case nunca superou ós tres goles. Os dous equipos dominaron durante algunhas fases, pero os rivais sempre conseguían reaccionar. O conxunto leonés tivo a vitoria no último ataque, pero o Cangas puido aguantar sen encaixar e sacar un punto.

Con este empate, o equipo cangués baixa á quinta praza da Asobal, empatado a 12 puntos co Benidorm, cuarto. Aínda así, o Cangas mantén a súa excelente xeira: só perdeu un partido dos últimos cinco. Algo tremendamente meritorio para un equipo humilde como o que adestra ‘Pillo’.

Con este empate, o equipo cangués baixa á quinta praza da Asobal, empatado a 12 puntos co Benidorm, cuarto. Aínda así, o Cangas mantén a súa excelente xeira: só perdeu un partido dos últimos cinco

O central Alberto Casares asumiu galóns ante a ausencia por lesión do marabilloso David García e foi o máximo goleador dos locais con 10 tantos, seis deles desde os sete metros. Axudaron a engordar o marcador cangués outros xogadores como Rosales ou Amarelle. Mentres, o equipo visitante castigou ó Cangas polos extremos. O noruegués Kristensen, autor de nove goles, e Carrillo, que rematou con seis, fixeron moito dano á zaga local, xunto co internacional Mikel Aguirrezabalaga.

Comezou o partido no Gatañal cun ritmo frenético e os dous equipos anotando con certa facilidade. No minuto 3 xa campaba un 3-2 no marcador, con dous goles de Casares. Chamou a atención a suplencia do capitán e emblema do Cangas Suso Soliño, que non ingresou na pista ata o minuto 17.

Baixou o ritmo, o Cangas apertou en defensa, e coa achega do porteiro Mijuskuvic, a partir do 4-4 abriu vantaxe no marcador. Anotou catro goles consecutivos, tres deles de Rosales, para poñer o 8-4 no minuto 12. Entre medias un membro do banco visitante vira o cartón marelo por protestar e se levara os asubíos do Gatañal.

A exclusión do propio Rosales truncou a dinámica e deu ás a un Ademar que mellorou notablemente. Mesmo chegou a empatar a 9 no minuto 17 nunha contra de Carrillo tras unha perda de Rosales. O extremo visitante, máximo goleador do seu equipo este curso, estaba facendo estragos na defensa local. Cos dous equipos moi erráticos de cara á porta, sobre todo un Cangas que fallou varios goles cantados ante o acerto do meta visitante Llamazares, o marcador mantívose nese 9-9 durante cinco minutos.

Se a primeira metade foi igualada, a segunda moito máis. Ningún dos dous equipos conseguiu despegarse no marcador case en ningún momento

O Cangas aproveitou a exclusión do xogador macedonio do Ademar Dimitrievski para poñer o 10-9 por medio de Alen Muratovic. Non obstante, o Ademar rematou moito mellor o primeiro tempo e foise ó vestiario 13-14. Ante a falta de ideas do ataque cangués, ‘Pillo’ substituíu a Casares por Rubén Soliño, e cando menos freou a sangría dun Ademar que marcara dous goles consecutivos do 11-11 ó 11-13.

Se a primeira metade foi igualada, a segunda moito máis. Ningún dos dous equipos conseguiu despegarse no marcador case en ningún momento. Como no primeiro tempo, ó principio os goles sucedéronse nas dúas porterías. O Cangas mantívose firme pese á exclusión de Amarelle, pero non aproveitou a seguinte do visitante Mellado.

A diferenza para o Ademar oscilaba entre un e dous goles, e o extremo noruegués Kristensen converteuse nun pesadelo para a zaga canguesa. Despois do 16-18 de Mikel Aguirrezabalaga, espertou o Cangas e gozou dos seus mellores minutos no partido. Axustou a defensa, apareceron actores secundarios como Simes ou Suso Soliño, Aguirrezabalaga foi excluído, público e equipo conectaron e o Cangas puxo o 21-18 tras un parcial de 5-0. O Gatañal, que berraba “Arriba, arriba”, cría máis que nunca na vitoria.

Non obstante, como sempre no partido, chegou a reacción do Ademar, que, cun Kristensen de novo inspiradísimo, endosoulle ó conxunto galego un parcial de 4-1 e puxo o empate a 22 no minuto 15 da segunda metade. A partir de entón, a igualdade foi máxima: gol do Cangas, gol do Ademar, gol do Ademar, gol do Cangas. Casares, Alen Muratovic, que a miúdo sufría marcaxes individuais, e Rosales, golpeaban para o Cangas; Kristensen, Carrillo e Aguirrezabalaga respondían para os visitantes. Así se chegou ó minuto 26 con empate a 29.

O conxunto leonés dispuxo da última posesión para levar os dous puntos. Pero a firmeza defensiva do Cangas permitiu polo menos sacar un punto nun final cheo de emoción

Os nervios invadiron o Gatañal, que se viu arriba coa parada de Salazar, ingresado na portería canguesa durante o segundo tempo, e o gol de Casares (30-29). Non obstante, empatou Carrillo para o Ademar desde os sete metros e, tras unha parada do porteiro Bioscas, tamén incorporado no segundo tempo, ante Suso Soliño, o conxunto leonés dispuxo da última posesión para levar os dous puntos. Pero a firmeza defensiva do Cangas permitiu polo menos sacar un punto nun final cheo de emoción.

Por outro lado, tamén cabe salientar que nos prolegómenos do partido o Cangas otorgou unha homenaxe ó limpador Santi Soliño, familiar dos irmáns Suso e Rubén, que recibiu unha placa do concello de Cangas e unha pelota asinada polos xogadores. Tamén se gardou un minuto de silencio por Alicia Fernández Romero, xogadora de baloncesto de 16 anos do CB Benidorm falecida o venres por morte súbita.

Imaxe do Cangas-Ademar CC-BY-SA Alexandre Boubeta
Imaxe do Cangas-Ademar CC-BY-SA Alexandre Boubeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.