"Para acabar coa violencia no fútbol tamén hai que darlle voz á bancada"

Afección deportivista, en Riazor ante o Athletic © SonRadiofusión

Manuel González Ramallal é doutor en Socioloxía pola Universidade da Coruña e actualmente profesor no Departamento de Socioloxía da Universidad de La Laguna, nas Canarias, e membro do Instituto Universitario de CCPP e Socioloxía. A socioloxía do deporte, en en especial o vínculo existente entre este e os medios de comunicación, centran as súas investigacións. É oz autorizada para analizar a violencia no fútbol e todos os comportamentos que o rodean, máis aínda en todo o debate xurdido tras o asasinato en Madrid do afeccionado ultra do Deportivo. El, membro da Asociación Española de Investigación Social Aplicada ao Deporte, coruñés, deportivista e habitual da bancada de Riazor, coñece como poucos o tema.

Enterouse dos graves incidentes a primeira hora da mañá. "O primeiro que me invadiu foi a tristura e certa impotencia de que sigan pasando. Logo, co tempo, todo se foi transformando porque chegan informacións dun e doutro sentido e un non ten unha opinión formada, nin tan sequera agora mesmo, de por que suceceu ou de como se pode minimizar a violencia. E digo minimizar porque a violencia é un problema social de moi dificil solución. Houbo demasiado ruído, moito del mediático, con informacións moi sesgadas e completamente diferentes dependendo da procedencia, case tomando paratido por unha cor ou outra. E non quero entrar na cor exacta da información. Hai dúas historias paralelas".

Estará no medio a versión mais achegada á realidade do que pasou?

Seguramente o punto medio será o máis axeitado, pero falta moita información. Os discursos están capados porque chegan sobre todo das institucións: da Comisión Antiviolencia, da Liga ou da Federación, aínda que esta non se implicou e tampouco parece normal. Os que non falaron foron os afeccionados, que en parte sufriron as consecuencias. E non me refiro aos seareiros radicais, senón aos afeccionados que sofren as consecuencias en forma de certas medidas represivas que se están a tomar, non consensuadas, moi ao paso da alarma social e do acontecemento cando este tema nunca foi tratado cando debeu ser tratado. Agora, tras un asasinato, tómanse medidas que son unha fuxida cara a adiante.

"Agora, e despois dun asasinato, estanse tomando medidas que son unha fuxida cara a adiante"

A que medidas se está a referir?

Ao peche da bancada en Riazor, ás propostas de que os equipos poidan descender se teñen certa conivencia cos ultras... E dígoo porque estamos falando de cousas que non están definidas. Onde establecemos o límte dunha afección con sentimento de identidade, como atmosfera, ese límite que determina que nun mesmo espazo ocupan sitio unha minoría violenta e outras que só van a divertirse, a animar? Hai moita indefinición aínda como para tomar medidas moi pouco reflexivas e non consensuadas por parte de todos os protagonistas.

Di que falta darlle voz aos afeccionados.

Sempre me preocupou a falta de voz do afecionado, e non daquel que se comporta de maneira violenta, senón da gran masa. Desde a UE estanse intentando artellar canles para unha interlocución formal coa bancada. Os afeccionados teñen que deixar claro que non son potenciais delincuentes, que por ir ao fútbol e beber dúas cervexas non son potencialmente agresivos. Falta elaborar aínda un certo consenso. Hai unha democratización incompleta do fútbol español, sen dúbida.

"Falta elaborar un consenso e falta darlle voz á afección; a democratización do fútbol español é incompleta, sen dúbida"

Cales son os problemas desas medidas?

Un dos problemas é que todas estas medidas aplícanse de igual maneira a todos os supostos grupos radicais, que ademais están indefinidos porque non se sabe moi ben quen son, nin uns nin outros. Moitos dos rapaces que foron ao fútbol desde pequenos en Riazor socializáronse na mesma bancada que ocupan os Riazor Blues, que tiña un ambiente basicamente san, pero un non é cego e ve que dentro dese grupo, como noutros, hai xente que comete actos violentos.

"O límite debe estar no delito relacionado co acontecemento deportivo, que deberia supor unha sanción máis aló da económica"

Pero ten que haber un límite, non si?

Eu creo que o límite debe estar no delito, no ter cometido algún tipo de delito relacionado co acontecemento deportivo. Aí debería estar a fronteira e iso, dependendo do tipo de delito, debería supor algún tipo de sanción, incluso máis aló da económica ou incluso a través de actividades sociais.

Hai modelos en Europa que funcionaron á hora de reducir en moito a violencia. A onde hai que mirar?

Hai modelos que se poden mirar e dos que se pode aprender, como o inglés. E tamén en Alemaña, onde conseguiron unir a tradición da inchada de sempre que anima co fútbol moderno, onde os intereses económicos e das televisións tamén importan. En España, desde o ano 1995, chegaron os cartos das televisións e tamén operacións financeiras moi opacas. Equipos como o Mérida, o Extremadura, o Salamanca... Onde están agora? Tiñamos un modelo de Liga das Estrelas que non ía a ningures, non era un modelo concreto, senón un modelo que se sostiña baixo unha riqueza puntual do fútbol, pero agora non se sabe cara a onde vai. Hai competicións absolutamente rancias como a Copa tal e como está montada ou unha Liga onde a emoción brilla pola súa ausencia e cunha centralización en dous ou tres equipos como moito. E ao resto que lles queda? Sentir as cores, animar e ir ao campo porque saben que van ver gañar pouco ao seu equipo e o xogo tampouco os vai apaixonar. Van porque é o equipo da súa cidade ou da súa terra. Por iso moitas destas medidas que se queren aplicar deben ser moi matizadas en cada caso e moito máis reflexivas, dándolle voz aos afeccionados que non son radicais nin violentos e que teñen dereito a expresarse.

"As medidas que se aplican para acabar coa violencia deben ser moito máis matizadas e reflexivas e dándolle voz aos afeccionados non violentos"

Hai xente que se pregunta por se o ambiente no fútbol se resentirá con estas medidas...

E esa é unha pregunta que eu tamén me fago. O outro día escoitei nalgúns medios que non pasara nada porque o fútbol seguía, pero para os que cremos que o fútbol é algo máis que velo pola televisión e que é tamén ambiente, é moi triste. Tense que chegar a unha solución de consenso onde non se borre de vez todo o que representa unha afección que anima. E non só falo da Coruña e de Riazor, senón de moitos casos. A policía ten que facer un esforzo en non aplicar medidas indiscriminadas, senón tratar de seleccionar e afinar. Unha vez identificado un elemento violento, hai que practicar as vixilancias e medidas oportunas. Non é de recibo que non se declarase partido de alto risco o do pasado domingo e esta fin de semana si se declare un Tropezón-Oviedo. Non teñen sentido as reaccións que están a xurdir.

Parece obvio que a marca Riazor Blues queda en cuestión tras varios episodios conflitivos.

As palabras teñen un sentido e un simbolismo. Estar detrás dunha pancarta que pon Riazor Blues, se se queren facer lecturas sesgadas, vai supor un problema para os que alí se sitúen. Quizais o de borrón e conta nova é unha solución, pero cóstame moito traballo analizar porque todo está moi recente. Hai que agardar para tomar solucións, pero o problema da marca está aí e iso é algo innegable, porque unha bufanda dos Riazor Blues lévaa un Blues pero tamén unha persoa maior. E o problema é cando pasamos de bufandas a outras cousas. Claro que ten que ver co fútbol cando se utilizan unhas cores para darse labazadas, pero por outro lado o fútbol é paixón e moitas persoas non entenderiamos este deporte se non existise esa paixón, pero unha paixón controlada, que ten que ter certos límites, pero non desde logo criminalizar os que senten o fútbol dunha maneira diferente aos que se conforman con ver o fútbol pola televisión.

"Moitos non entenderiamos o fútbol sen a paixón, pero controlada; non se pode criminalizar os que o senten de maneira diferente aos que se conforman con velo na televisión"

Tamén parece obvio que a política ten moito que ver nestas liortas ou problemas entre grupos ultras. Hai moitos que temen que a unión dos ultras denominados antifascistas non axude para resolver o problema da violencia.

Un dos catalizadores destas persoas que entran nestes conflitos é este contacto ideolóxico. Ao final é o que hai detrás como construcion pseudoideolóxica, pero non creo que se trate dun discurso político construído, senón un discurso moi emocional, entre bos e malos. Pero este é o argumento que manexan, o que xustificaría para eles o conflito ao dividir entre fascistas e nazis e esquerdistas e perroflautas. Tamén serve isto a determinados grupos radicais para unirse, para sentirse parte de algo e efectivamente, baixo ese paruagas paraideolóxico moitas persoas van seguir este camiño. Polos indicios que hai, parece que así vai ser.

Como afeccionado e habitual de Riazor moitos anos, que cre que pasará no estadio a partir de agora?

Sería facer case de agoreiro, pero creo que se a curto prazo non hai conflito grave ningún, tamén haberá un maior control policial. Moitas persoas que ían tranquilamente a ese fondo vanse sentir moi observadas, o cal pode incomodar tamén. Se non pasa nada grave nestas próximas semanas, e creo que non vai pasar, probablemente todo volva ao seu lugar. Haberá algunha selección de determinadas persoas ás que lles impedirán ir ao estadio ou aos desprazamentos, pero todo continuará como está se non se desde as institucións non se estuda con profundiade o tema e se establecen matices. Os matices son moi importantes. Non é o mesmo unha gran cidade que unha como A Coruña, onde se percibe un sentimento de tristura porque é un lugar pequeno onde os sentimentos se comparten. En Madrid, seguramente, hai xente que non sabe nin o que pasou e á maioría daralle igual o tema dos ultras. E non digo que uns sexan mellores que outros, pero si que hai matices sobre o grao de violencia histórica dos diferentes grupos. Hai que valorar todo e ver o significado social de cada movemento.

"Club, autoridades e afección deben facer un esforzo compartido para identificar os que non os representan e provocan problemas"

Pero algo hai que facer, non si?

Deberíase facer un esforzo desde o club, as autoridades e a propia afección para identificar esas personaxes que non os representan, que están a provocar problemas e que llelos poden provocar a eles mesmos. Debe ser un esforzo compartido e que non pode ser dun día para outro. O propio grupo dos Riazor Blues debería facer un debate interno e reflexionar sobre o que foron, o que son e o que queren ser e a partir de aí ver a pertinencia ou non de continuar coa marca.

Manuel González Ramallal CC-BY-SA Praza Pública
Afección deportivista nun derbi galego en Riazor © Roberto Berdini

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.