Santiago Domínguez: "Dubido que Louzán crea na selección galega"

Galicia-Ecuador, en Riazor en 2007 © Siareir@s Galeg@s

Santiago Domínguez foi director xeral para o Deporte da Xunta de Galicia entre 2005 e 2007 e un dos principais impulsores das seleccións galegas que en diferentes disciplinas agromaron naqueles anos do bipartito no Goberno galego. Nove anos despois da reestrea da selección de fútbol contra o Uruguai en Compostela, a Irmandiña cumpre xa seis anos sen disputar o encontro amigable do Nadal e cumprirá sete se a Administración autonómica e o novo presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, non o remedian. O novo dirixente do deporte rei no país di querer o "regreso" do combinado pero só se iso non supón "confrontacións políticas", uns supostos problemas que o actual concelleiro do BNG en Vigo nega unha e outra vez nesta entrevista na que rebate os argumentos dos populares contra a festa do fútbol galego. "O argumento económico é absolutamente falso; foi un problema político mal entendido polo PP", di.

Que sente ao ver pasar outro Nadal sen partido amigable da selección galega?

Sinto mágoa porque é unha pena que puideramos ver este domingo un partido entre dúas seleccións como a de Euskadi e a de Cataluña, que poden gozar dos seus xogadores e dos seus equipos, mentres ves que da selección galega xa non queda nada.

"O argumento económico é falso; a selección galega non só non custou cartos, senón que chegou a dar superávit"

A Xunta, desde a volta do PP, xustificou a súa negativa a impulsar o partido polo importe económico que supuña...

É unha absoluta falsidade o argumento do tema económico. A selección galega non só non custou cartos á administración pública, senón que chegou a dar superavit. Tiñamos importantes patrocinadores, como Caixanova e Gadisa, e as súas achegas, xunto coa venda de entradas, permitíannos sufragar os gastos. Ademais, lembro que o partido da reestrea en Compostela contra Uruguai, en 2005, foi o programa de máxima audiencia en todas as canles de televisión e iso poucas veces se ten en conta. Non había un problema económico, senón un problema político mal entendido para o PP. Cando decidimos levar adiante as seleccións galegas, non só a de fútbol, non o fixemos cunha motivación política, senón deportiva porque criamos que os seareiros galegos tiñan dereito a vero os seus deportistas representando o seu país.

Pero Feijóo chegou a cifrar nun millón de euros o gasto por cada un daqueles partidos...

Iso é falso, absolutamente falso. A Xunta o único do que tiña que facerse cargo era do desprazamento e aloxamento da selección rival, pero iso naquel primeiro partido xa foi cuberto cos cartos que achegaron os distintos patrocinadores e máis os billetes que se venderon ao público. Insisto: o primeiro partido deu superávit e nos outros quedouse practicamente a pre. Pero a Xunta e Feijóo tiveron que empregar eses argumentos para xustificar a desaparición de todos aqueles símbolos que non lles gustaban.

"Calquera partido da selección tiña un 80% menos de orzamento do que supón traer unha etapa da Vuelta, onde non hai un só galego"

Era un gasto asumible?

Calquera partido da selección galega tiña de orzamento un 80% menos do que supón hoxe para a Xunta traer unha etapa da Vuelta Ciclista a España. Aí o Goberno non ten reparo en gastar eses cartos nunha competición onde non corre ningún equipo galego -ao contrario do que sucedía antes co Xacobeo Galicia- e onde non hai nin un só ciclista galego que nos represente. Cun 80% menos facíanse dous partidos da selección galega, masculina e feminina, onde máis de 22 deportistas se daban a coñecer, porque o escaparate que aquilo supuxo tamén foi moi importante, especialmente para as rapazas.

Verónica Boquete defendía a importancia e necesidade da selección galega para as mulleres e non tan para os homes.

E era verdade que así era, pero outros non quixeron nin ver esa vantaxe naqueles partidos. Agora todo o mundo se apunta aos éxitos do deporte galego, pero aquelas seleccións galegas e aqueles partidos internacionais tamén lles serviron de escaparate a moitos deportistas e no caso do equipo feminino de fútbol foi un pulo moi importante. Houbo quen nin tan sequera o entendeu así ou non o quixo entender así.

"Non había problema político ningún; destacados deputados do PP saltaban e vibraban coa selección no palco"

En definitiva, o PP entendeu que aquilo era un problema político ou de politización?

Entendérono así, pero problemas non houbo ningún. O claro exemplo de que daquela non había tema político é que no palco daquel primeiro partido en San Lázaro non só estabamos representantes públicos do goberno bipartito, senón deputados moi ilustres do PP que viron o partido, saltaron e vibraron cos goles da selección galega. É obvio que non houbo politización e que aquilo serviu para unir a todos os galegos, independentemente do que pensasen. E iso tamén era unha achega moi importante dos partidos amigables de Galiza. Vendo todo o que está a pasar coa violencia no fútbol, hai que ter en conta que aquela selección foi quen de xuntar dúas afeccións como a do Celta e a do Deportivo baixo unha mesma bandeira, unidas e animando un mesmo equipo, pero tamén a do Lugo, do Compostela, do Pontevedra, do Ourense, do Racing... Os Riazor Blues e os Celtarras uníronse por un mesmo equipo e aquilo tamén era unha contribución moi importante.

"É de risa que desde a Xunta e o PP se diga que non se debe politizar o deporte despois do visto na Federación Galega de Fútbol"

Sorprende un pouco escoitar o da "politización do fútbol" despois de que destacados membros do PSdeG e do PP fosen os candidatos ás eleccións da Federación Galega.

É de risa que desde a Xunta ou desde o PP se diga que non se debe politizar o deporte cando un destacadísimo membro dese partido e presidente da Deputación de Pontevedra se presenta a esas eleccións. Pero non só iso. Os mesmos que falan de que se politiza o deporte son os que coas súas decisións provocan recortes nas bolsas económicas a moitos deportistas galegos ou as dificultades que pasan deportistas paralímpicos, discriminados pola falta de axudas do Goberno galego. Pero eses mesmos, como Feijóo ou o director xeral para o Deporte, son os primeiros que sacan as fotos con eles cando conseguen medallas en importantes torneos.

Pois Louzán insiste en que só regresará a selección galega "se o partido non é unha confrontación política".

Insisto en que non houbo nunca problemas políticos. Que me digan no PP cales foron esas polémicas ou confrontacións que se crearon cando no palco ou na bancada había deputados dos tres principais partidos de Galicia. O que ten que facer Louzán, se cre na selección galega -algo que dubido- é facer o que fixemos nós: coordinarse coa Dirección Xeral para o Deporte e organizar un encontro amigable no vindeiro Nadal. Que non se poñan desculpas sobre hipotéticas confrontacións políticas cando nunca houbo nada diso.

"Se Louzán quere o partido do Nadal, que se coordine coa Xunta e o organice e non busque desculpas sobre hipotéticas confrontacións"

O que é obvio, e entendible, é que quizais aquel que se sente máis nacionalista ou galeguista poida vibrar máis coa selección galega...

Pero nin tan sequera ocorría iso porque dos milleiros de espectadores que viron os partidos pola TVG, estou ben seguro que non eran todos nacionalistas. Oxalá o fosen, pero non era así. Aqueles amigables non foron ningún problema político porque a xente, a diferenza do que lle pasao aos dirixentes populares, saben diferenciar as cousas. Se imos animar un equipo galego significa iso que todos somos nacionalistas? Por suposto que non. Simplemente, hai persoas que lle teñen apego ao seu, ao que somos, ás súas cores e ás súas sinais de identidade e os equipos galegos, e tamén a selección, son unha das sinais de identidade, independentemente da súa adscrición ou preferencia política. Cando todos os futbolistas galegos e todos os equipos se xuntan nun é normal que os galegos o apoien e iso é o que algúns non acaban de entender.

Arsenio Iglesias, Pili Neira e Vázquez, seleccionadores galegos © Vieiros
Santiago Domínguez CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.