"Se o fútbol fose racional, non habería nacionalistas do Real Madrid, pero non o é"

Dominio Público Praza Pública

O escritor Eduardo Galeano dixo non hai moito que o fútbol era a súa “verdadeira paixón, por riba da literatura”. Ao autor dun dos mellores libros publicados nunca sobre o balompé (El fútbol a sol y sombra) atribúeselle tamén aquela frase que di que este deporte de masas tan só é “o máis importante do menos importante”. Non se agocha o intelectual uruguaio cando recoñece a súa afinidade por un espectáculo detestado en tantas ocasións polo mundo da cultura e da esquerda. Quizais tamén porque a presenza da literatura nos vestiarios dos equipos profesionais adoita ser tan estraña como a do propio fútbol na literatura.

Pero habelos hainos. Alfonso Eiré (Chantada, 1955) engade unha obra máis a unha compilación ben curta en Galicia, pero importante pola súa dimensión. El mesmo é autor d'O fútbol na sociedade galega, un ensaio revolucionario que hai catorce anos deulle unha volta á relación entre pobo e balompé, e agora volve cunha novela, O penalti de Fuco (Baía Edicións), protagonizada por un porteiro galego e de aldea. A historia dun gardameta que afronta unha pena decisiva nunha final de Copa entre o Real Madrid e o Barcelona e á que se lle engaden unha chea de datos históricos e curiosos “que serven para analizar o fútbol tal e como foi e tal e como é hoxe”.

"O fútbol é un espectáculo e un negocio que vén moitas veces das comisións dos axentes e das apostas que se fan desde os palcos"

E como é o fútbol hoxe? “O fútbol é un espectáculo e un negocio que está moitas veces nas comisións dos axentes dos xogadores e nas apostas que se fan desde os palcos”, sentencia Eiré, tan fanático deste deporte como crítico coa súa deriva actual, e que xustifica que a súa novela se centre nun Madrid-Barça e non nun Deportivo-Celta. “Para analizar as multinacionais non podes centrarte en pequenas empresas e as concomitancias que teñen os dous grandes do Estado non a ten un derbi galego, do mesmo xeito que as interrelacións políticas e económicas non son as mesmas... España gobérnase desde o palco do Bernabéu e había que situar a acción nun partido destas características”, di un escritor que se move nunha tripla e presunta contradición: vigués de adopción e deportivista, nacionalista e simpatizante do Real Madrid, literato e amante do fútbol.

Pero Eiré quere rachar tópicos infundados e lembra a paixón futbolística de Miguel Hernández, Galeano, Celaya, Galeano, Nabokov ou Albert Camus que, coma el, destacou no fútbol como porteiro. “Hai unha visión simplista deste tema, pero o que hai que facer é darlle á xente elementos de xuízo para desmontar estas ideas falsas”, explica o autor, que lembra a diferenza entre o fútbol de antes e de agora e como o celtista Pahíño ou o deportivista Acuña foron afastados da selección española polas súas ideas antifranquistas e galeguistas. “Bóveda xogou nun equipo e Castelao colaborou na fundación do Eiriña”, engade quen era considerado un becho raro cando intentaba analizar e aproveitar a relevancia social deste deporte no ámbito do nacionalismo galego. Xa en 1920, Víctor Casas teimaba na importancia de crear equipos galegos de fútbol. “Semella que hai quen non quere recordar que foi a xente galeguista a que fundou o Celta, que foron tamén galeguistas os que crearon o Compostela ou que foron galeguistas e republicanos os que fundaron o Deportivo”, insiste.

"Hai quen parece non querer lembrar que foron os galeguistas os que fundaron o Celta, o Compostela ou o Deportivo"

“A xente de esquerdas, nacionalista e comprometida tiña o fútbol como algo de xente bruta, paleta ou de dereitas, por iso hai moi pouca literatura sobre este deporte; e claro que as dereitas utilizaron o fútbol, como utilizaron todo”, engade Eiré, que insiste en que “as coplas ou sevillanas” tamén foron empregadas por Franco, o que non quere dicir “que non lle poidan gustar a calquera”.

Tamén a ditadura franquista se apoderou da imaxe do Real Madrid, “pero só cando empezou a gañar, ao igual que quixeron manipular a Massiel malia ser de esquerdas”. E pódese ser nacionalista e afeccionado merengue? “Se o fútbol fose racionalidade, non poderías ser nacionalista e do Real Madrid, pero non o é”, di Eiré, que recoñece o madridismo dalgún coñecido líder nacionalista galego e que asume tamén a súa simpatía polo equipo branco. “Podes cambiar de relixión, de muller e de partido político, pero non de equipo; o fútbol é paixón e de pequeno tomas unha decisión por unha serie de circunstancias; no meu caso, simpatizaba e simpatizo co Deportivo e era fanático de Amancio, que me regalou unha camiseta con catro anos. Logo, marchou ao Madrid, ao igual que Veloso, e máis tarde Miguel Ángel, que tiña un fondo sentimento galeguista... Eu fíxenme do Madrid polos seus galegos”, asegura como xustificándose.

"O Real Madrid representa hoxe o puro nacionalismo español porque é o que representa o seu presidente"

No entanto, non nega “que o Real Madrid si que representa hoxe o puro nacionalismo español, moito máis que antes”. “Por ideoloxía representa a españolidade expresamente, porque é o que representa o seu presidente, que ten moito que ver coa ideoloxía de Esperanza Aguirre e deste novo Estado que queren construír onde manda o gran capital”, reflexiona Eiré, que lembra cando o ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, “tivo que levantar o teléfono para dicirlle ao presidente do Madrid que deixase a Salgado vir xogar coa selección galega”. “Florentino tiña moitos negocios en Galicia...”, deixa caer quen bota de menos no Deportivo e no Celta a identificación co seu país e a súa cultura “que si teñen Barcelona e Athletic”.

"Ás directivas de Deportivo e Celta sempre lles faltou identificación con Galicia e coa súa cultura"

“Sempre lles faltou esa identificación con Galicia e nunca esquecerei como ambas as dúas directivas torpedearon o intento por un primeiro partido da selección galega hai xa máis de trinta anos malia o compromiso de moitos xogadores galegos da época”, di. Fala do deportivista Pousada, de Pereira, que foi despedido do Valencia por manifestar as súas ideas nacionalistas; de Amador, de Agustín, Iglesias, Suso, Santomé...

Pero Eiré segue loitando porque o fútbol galego sexa máis galego e por rachar cos tópicos que intentan afastar sen remedio o balompé da literatura e das elites culturais. Con O penalti de Fuco, o que puido ser porteiro de elite (xogou en Terceira e no Rayo Promesas) volve reflexionar sobre este espectáculo. E non lle ten medo ao penalti nin ás críticas, porque hai demasiados futboleiros (a maioría) e porque “a vida enteira cabe nun partido de fútbol”.

Alfonso Eiré © Baía Edicións
Capa da nova obra de Alfonso Eiré © Baía Edicións

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.