0 Gardados para despois

O Ourense Baloncesto pega primeiro (83-52)

Redacción | @prazapublica

O Club Ourense Baloncesto iniciou a serie final dos play-off de ascenso gañando e convencendo, e mesmo metendo algo de medo. Os ourensáns derrotaron o Breogán de Lugo por un contundente 83-52. 1-0 para o COB. O domingo ás 19 horas, tamén no Paco Paz ourensáns, asistiremos ao segundo partido da serie, deste #derbidomiño, caracterizado pola boa relación entre os dous clubes e as dúas afeccións. Unha delas estará na ACB o vindeiro ano, acompañando ao Obradoiro compostelán.

O factor campo e o apoio do público local (máis de 4.500 persoas encheron o pavillón) foi sen dúbida determinante no dominio ourensán, que xa gañaba 19-11 ao remate do primeiro cuarto cun excelente Markos Suka. Porén, foi no segundo cuarto cando o COB marcou diferenzas que, ao cabo, serían definitivas. Ao descanso o Ourense dobraba os luceses no marcador, gañando 40-20.

No terceiro cuarto, o Breogán intentou recortar as diferenzas, con intensidade e buscando as posibles debilidades da defensa do COB. Porén, a fortaleza defensiva do Ourense Balonceso foi incontestable, o que unido ao acerto de Marcos Suka e Chase Fieler, fixo que a marxe se seguise ampliando. 62-37 a dez minutos do final. O Breogán non baixou os brazos, pero estaba claro que o partido e o primeiro punto da serie quedaban na casa, cunha renda que, ao final, superou os trinta puntos (83-52).

Markos Suka sumou 13 puntos e 5 asistencias, con 22 de valoración; e Chase Fieler acabou con 16 tantos anotados, 10 rebotes e 22 de valoración. Guillermo Rejón e Cristian Díaz tamén completaron un bo partido para o COB. Polo Breogán, tan só Osvaldas Matulionis (13 puntos), Daniel López (10) e Alejandro Llorca (9) mantiveron os lucenses vivos. O domingo, máis.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.