A selección galega volverá en Riazor con Fran e Míchel Salgado de adestradores

Anuncio do partido entre Galicia e Venezuela © Federación Galega de Fútbol

A reestrea da selección galega de fútbol xa ten escenario e adestradores. Riazor será o estadio que acolla a volta de Galicia, o vindeiro venres 20 de maio ante Venezuela. No banco sentarán Fran e Míchel Salgado, dúas das principais figuras do futbol galego das últimas décadas. "Os dous están encantados e orgullosos", advertiu Rafael Louzán, presidente da Federación Galega, nunha comparecencia na que deu máis detalles sobre un partido que supón o regreso da Irmandiña logo de máis de sete anos de ausencia. 

Fran e Míchel Salgado serán os adestradores da selección galega o 20 de maio en Riazor

Finalmente, as obras que se están a acometer no estadio vigués inclinaron a decisión cara á Coruña. "Había dúas posibilidades: unha era Riazor e outra Balaídos, pero Balaídos ten neste momento un problema, as obras que van ter unha boa resolución final, por iso nos decantamos por Riazor", explicou Louzán, que agradeceu a "magnífica predisposición do Deportivo" de cara a colaborar na organización do encontro, así como a colaboración da directiva do equipo branquiazul e do Celta. 

Fran e Salgado relevan así a Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez, últimos seleccionadores da selección galega nos catro partidos celebrados entre 2005 e 2008. Ademais, o encontro podería servir tamén para homenaxear o raposo de Arteixo. Ambos os dous, Fran e Míchel, debutarán nun banco, aínda que o ex deportivista xa posúe o título de nivel 3 da UEFA, co que podería adestrar en Primeira, e o ex celeste o de nivel 2. 

Malia a ausencia dos xogadores de 2ª, os técnicos poderán contar con futbolistas como Aspas, Lucas Pérez, Mosquera, Falque ou Mallo

Terán á súa disposición un excelente cadro de xogadores, moi diferente aos tempos nos que nin tan sequera completar unha convocatoria era doado. Aínda así, non será completa. Ese venres terá rematado xa a Primeira División, pero a Segunda disputará aínda as súas últimas xornadas. Futbolistas como Insua, Rubén, Raúl García, Dani Abalo, Manu Barreiro, Vila, Bouzón, Jonathan Pereira, Manu, Pita, Seoane ou José Juan non poderán unirse á selección galega. Tampouco o poderían facer os de 2ªB nin Lucas Vázquez (Real Madrid) ou Denís Suárez (Villarreal) no caso de que os seus equipos alcancen a final da Liga de Campións ou da Europa League.

En todo caso, si poderán estar Diego López, Sergio Álvarez, Hugo Mallo, Jonny, Roberto Lago, Bergantiños, Jota Peleteiro, Iago Falque, Lucas Pérez ou Iago Aspas, entre moitos outros. 

Venezuela, que enmarca o partido na preparación para a Copa América, non cobrará pola súa participación no amigable

Segundo adiantou Rafael Louzán, Venezuela xogará contra Galicia pero desde a Federación ou Administración non haberá compensación económica ningunha ao equipo latinoamericano, que enmarca o encontro na súa preparación de cara á Copa América. Tal e como aclarou o dirixente, o custo do encontro será menor ao que supuxeran os partidos da época do bipartito. Ademais, insinuou que o presidente Feijóo está de acordo coa celebración deste amigable que fora suspendido pola Xunta desde a volta do PP ao goberno. 

Ademais, Louzán tamén asegurou que os billetes para os partidos terían prezos populares e que, no caso de que haxa colaboración de empresas privadas, intentaríase organizar desprazamentos desde varias cidades galegas para acudir a Riazor. 

 

Freada dende 2009

O anuncio, xestións e mesmo a linguaxe de Louzán contrastan moi notablemente coa actitude e críticas lanzadas polo PP tanto na oposición ao Goberno de PSdeG e BNG como tras o seu retorno ao poder, cando pola vía dos feitos deixou a selección en vía morta tras o último partido co bipartito, en 2008 fronte a Irán. Aínda que os responsables da Federación cando Feijóo chegou á presidencia admitiron que durante o bipartito os encontros da selección eran financiados por patrocinadores, sen apenas impacto nas arcas públicas, Feijóo escudouse na "austeridade" para a eliminación detes encontros. "Temos que elixir, e a verdade é que aquel equipo da selección galega custou un millón de euros, e eu non estou para gastar un millón de euros niso", xustificaba o presidente.

O PP cualificara os partidos da selección galega de "circo identitario" con "nulo valor deportivo"

Os pretextos económicos foron acompañados dende a banda popular por duras críticas políticas, mesmo obviando que a selección chegou a ser animada por cargos do PP dende o palco de autoridades cando o bipartito a recuperou en 2005. Así, dende o actual goberno chegouse a cualificar os partidos do combinado galego de "circo identitario" con "nulo valor deportivo", caricatura de trazo groso que ligaba directamente coas trazadas polos populares na oposición, que chegaron a vincular a selección directamente coa violencia.

Así, por exemplo, poucos días despois do partido disputado pola Irmandiña no Nadal de 2007 o daquela voceiro do PP en materia cultural e deportiva e actual delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, respondía ao encontro da selección galega "solicitando de forma oficial" que a consellería de Cultura solicitase a celebración dun partido da selección española en Galicia. "Os afeccionados ao fútbol teñen todo o dereito a gozar dun partido entre seleccións nacionais" tras o "espectáculo lamentable" da galega, indicaba.

Ademais, agregaba López Chaves, cabía preguntarse se existía "algún tipo de relación" entre a daquela conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo (BNG), e os incidentes de "grupos extremistas violentos" previos aos encontros.

Xogadores da selección, celebrando un gol © Vieiros

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.