Cen anos de Delio Rodríguez, o home das 38 etapas na Vuelta a España

Delio Rodríguez, co maillot do Real Club Deportivo da Coruña © Asociación Ciclistas Galegos

O 19 de abril de 1916, hai hoxe exactamente 100 anos nacía en Ponteareas Delio Rodríguez, posiblemente o mellor ciclista galego da historia (con permiso de Álvaro Pino, Óscar Pereiro e Ezequiel Mosquera). Onde non hai discusión é no récord que posúe, sendo o corredor que máis etapas venceu na Vuelta a España, un total de 38, moi por riba das 20 de Alessandro Petacchi ou das 18 Laurent Jalabert. Rodríguez gañou a rolda española en 1945 e nas súas seis participacións estivo 32 días de líder (tan só Zülle e Heras o superan), uns números que terían sido aínda máis espectaculares de non ter coincidido a traxectoria de Delio (1936-1950) coa Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, que obrigaron a suspender seis edicións da carreira.

Delio Rodríguez, que faleceu en 1994, formou parte dunha familia de grandes ciclistas, xunto cos seus irmáns Emilio, Manuel e Pastor. Emilio gañou a Vuelta a España en 1950, edición na que o seu irmán Manuel foi segundo. E tanto Emilio coma Manuel dous correron o Tour de Francia. Este 19 de abril, ademais, celébrase casualmente o Día Mundial da Bicicleta.

Apenas unha curiosidade máis. Delio Rodríguez corría no equipo ciclista do Real Club Deportivo da Coruña. Naquel tempo era habitual que os clubes de fútbol contasen con seccións de ciclismo. Por exemplo, no ano 1942 o Deportivo, no que militaba Delio, pero tamén Julián Berrendero, gañador final, foi segundo por equipos, detrás do F.C. Barecelona. Hai unhas semanas a Asociación Ciclistas Galegos comentaba esta circunstancia no seu perfil de Facebook, animando os clubes galegos a poñer en marcha algunha iniciativa neste senso. Tendo en conta, ademais, que en Portugal o Porto recuperou este ano o seu equipo de ciclismo e que o Benfica o fará o ano que vén.

 

Delio Rodríguez, co maillot do Real Club Deportivo da Coruña © Asociación Ciclistas Galegos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.