O aniversario da revolución liceísta

© Roberto Gómez

O Porto volveu este sábado a Riazor. E non ao estadio de fútbol, senón ao Palacio dos Deportes. Regresou para disputar un novo partido da Liga Europea (venceu 2-3, pero os coruñeses manteñen opcións de estar na final a oito) e rememorar así aqueles míticos encontros de hockey nos que o Liceo acadaba os seus primeiros títulos continentais hai xa máis de vinte anos. Eran tempos nos que este deporte sobre patíns competía co fútbol en popularidade na Coruña. Tempos gloriosos para un club que celebra este ano os 40 anos da súa fundación e os 30 do seu primeiro título.

Efemérides dunha revolución nun deporte de berce e raizame catalá. Malia a dificultade de vivir na cidade á sombra dun Deportivo con 25.000 abonados, o Liceo continúa na gloria. É o actual campión de Europa e pode seguir presumindo de ser o club máis laureado de Galicia. Porque non todo vai ser fútbol.

“Somos os actuais campións de Europa e segundos na OK Liga. Nos últimos anos gañamos a Copa CERS, numerosos títulos en categorías inferiores e temos internacionais en varias seleccións... A nosa canteira e o primeiro equipo son un estandarte de Galicia e do deporte galego”, presume o presidente Eduardo Lamas, que continúa a senda que abriu hai 40 anos Augusto César Lendoiro, actual presidente do Deportivo, un dos fundadores e máximo dirixente do club liceísta nas épocas douradas.

Aqueles tempos de ouro forxáronse a principios dos 70, cando arredor do Colexio Liceo La Paz naceu un club de hockey que acabaría sendo referencia mundial. Tras acadar o ascenso á División de Honra, e só dez anos despois da súa fundación, o conxunto verde e branco levantaba o seu primeiro título: unha Copa do Rei ante o Reus en Alcoi, que se completaría nesa mesma tempada cunha Copa CERS, a UEFA do hockey.

Tras acadar o ascenso á División de Honra, e só dez anos despois da súa fundación, o conxunto verde e branco levantaba o seu primeiro título: unha Copa do Rei ante o Reus en Alcoi, que se completaría nesa mesma tempada cunha Copa CERS

Naquel equipo exercía de capitán Carlos Gil, actual adestrador liceísta. Tamén estaban Areces, Agüero, Zabalía ou o mítico Martinazzo. Eles foron artífices non só dos títulos, senón da gran revolución histórica no hockey sobre patíns. Ata daquela, ningún club que non fose catalán alcanzara un campionato no Estado. Nun deporte considerado nacional en Cataluña (un só dato: o adestrador da selección española adoita falar en catalán cos seus seleccionados) a irrupción do equipo galego supuxo toda unha revolta. Unha afronta para os puristas dunha modalidade co berce na xeografía catalá, pero cun recuncho da súa historia na Coruña, onde non é difícil ver rapaces cun stick ao lombo camiño do colexio.

Porque dos 42 títulos da Liga española disputados ata a data, 36 foron conseguidos por equipos cataláns. Das 69 copas do Rei, 59 viaxaron tamén cara a Catalunya. Do resto, seis títulos de Liga e nove de Copa para o Liceo e outro máis do torneo do KO para o Dominicos, outro club coruñés nado nun centro escolar que se rebelou contra o poder establecido nos anos 90.

A selección catalá gañou o Mundial B, estivo a un paso da oficialidade internacional e posúe tamén títulos da Copa América. Pero o Liceo gañou o respecto

Aquela irrupción inesperada do hockey galego segue doendo en Catalunya, onde o hockey serve tamén de reivindicación política. A selección catalá gañou o Mundial B, estivo a un paso da oficialidade internacional e posúe tamén títulos da Copa América. Pero o Liceo gañou o respecto. “Non somos un equipo moi ben visto, pero a xente enche as canchas para vernos porque teñen en conta a nosa historia”, recoñece o actual capitán do Liceo, curiosamente de nome catalán, Josep Lamas, ao igual que o seu irmán, Eduard, dous dos galegos dun equipo que basea o seu éxito na canteira e no recrutamento de prometedores xogadores.

“Temos case o 50% do plantel da canteira e somos os actuais campións de España infantís. Formamos outro equipo, que está en Primeira, no que todos os xogadores son galegos e temos 1.000 cativos na base”, lembra o presidente, que insiste en que o obxectivo é sempre “mesturar rapaces da casa con xente de fóra que veña axudar”. Foi así sempre. Con esa fórmula chegaron Martinazzo, Mario Rubio, Huelves, Pujalte, Figueroa, Canalda, Joan Carles ou Facundo Salinas. E todos acumularon títulos e máis títulos. Ademais das ligas (6) e copas (9), o palmarés verde e branco é inimitable en Galicia: 5 copas de Europa, 3 copas Cers, 2 recopas, 5 supercopas de Europa e 4 copas intercontinentais.

Os tempos nos que o Liceo dominaba sen case oposición o hockey europeo quedan lonxe. Por iso, ser o actual campión de Europa e continuar sumando títulos ten se cadra máis mérito

Pero os tempos nos que o Liceo dominaba sen case oposición o hockey europeo quedan lonxe. Por iso, ser o actual campión de Europa e continuar sumando títulos ten se cadra máis mérito. O FC Barcelona posúe máis orzamento que todos os equipos da OK Liga xuntos, e adoita fichar os mellores xogadores. Sexan de onde sexan. “No Barça están agora tres rapaces formados no Liceo: Marc Gual, Reinaldo García e Pablo Álvarez, unha estrela arxentina que chegou á Coruña con 16 anos”, lembra Eduardo Lamas. “Non podemos competir contra eses presupostos; levan os mellores xogadores dos equipos que lles fan sombra”, recoñece o capitán Josep. Pero están orgullosos. “Temos  unha saúde deportiva e económica envexable e que xa quererían outros equipos”.

E, malia as dificultades financeiras, o Liceo non baixa da elite. “A crise afecta a todos e a situación é complexa porque dependemos da iniciativa privada e das institucións públicas”, recoñece o mandatario dun club que, malia a competencia do fútbol, xunta uns 1.000 espectadores de media e conta tamén con preto dun milleiro de socios. “A asistencia media non para de medrar, pero a competencia co fútbol é unha batalla perdida”, asegura Josep Lamas, que cre que o hockey engancha a quen o proba por ser “un deporte divertido e moi dinámico”. Non son aqueles tempos de bancadas supletorias e máis de 7.000 espectadores, pero non  hai queixa.

Para o presidente Lamas, o Liceo “é un exemplo para a sociedade e para o mundo empresarial galego de como usar a imaxinación para facer ben as cousas”.

Para o presidente Lamas, o Liceo “é un exemplo para a sociedade e para o mundo empresarial galego de como usar a imaxinación para facer ben as cousas”. “A nosa mensaxe é que Galicia debe sacar todo o potencial que ten dentro, como fixo o Liceo”, asegura. Porque para o máximo dirixente liceísta, o equipo é un club de país. “Temos unha vocación galega importante”, insiste unha e outra vez. Abonda con escoitar o seu himno. Malia todo, quéixase do escaso apoio que recibe. “Sentímonos pouco recoñecidos e iso doe moito porque os rapaces teñen un mérito extraordinario; dá a impresión que para certos medios non existimos, pero os galegos somos sabios e sabemos por que ocorre todo isto”, lamenta con dureza. “Deberiamos tomar exemplo doutros lugares nos que se coida e se mima o que os representa e os enorgullece; os galegos sempre estamos aí, pero tamén temos que saber petar na mesa de cando en vez”, reclama.

“Que club pode presumir de ter 1.000 rapaces na canteira e de ser o mellor de Europa na súa disciplina? Ás veces semella que se quere agochar a realidade”

“Que club pode presumir de ter 1.000 rapaces na canteira e de ser o mellor de Europa na súa disciplina? Ás veces semella que se quere agochar a realidade”, reivindica Eduardo Lamas, que advirte, entre risas, que “se non existise o Barça, o Liceo sería campión de case todo”. De momento, ninguén lle quitará a honra de ser o mellor club de Galicia. Desde hai meses, loce con orgullo o galardón de campión de Europa, un título acadado o mesmo día no que o Deportivo consumaba o seu descenso a Segunda. Curioso paradoxo.

© Roberto Gómez
Nova do primeiro título do Liceo, a Copa do Rei de 1982 © El Mundo Deportivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.