O Breogán leva #oderbidomiño máis fraternal

Os xogadores do Breogán, celebrando o triunfo Dominio Público Praza Pública

O Breogán levou finalmente #oderbidomiño... Ou o #oderbidopolbo, como se queira. Os lucenses gañaron o partido no Pazo Paco Paz da cidade das Burgas nun final moi axustado (73-75) ante un COB Ourense que foi por diante durante todo o encontro. Só a tres minutos para o final o Breogán tomou a dianteira no marcador. Nos últimos segundos, un tapón de Samb impediu o empate do Ourense e a prórroga. con esta vitoria, o Breogán segue colíder da Adecco Ouro, empatado co Ford Burgos, cando só quedan catro xornadas para rematar a liga regular. O COB é terceiro.

Foi un derbi exemplar. As contas de Twitter de ambos os dous equipos botaron fume durante a semana previa a este partido histórico no que dous dos grandes do baloncesto galego se enfrontaron no máis alto da táboa da LEB e loitando por ocupar os postos que dan acceso ao ascendo á Liga ACB. E non botaron fume para quentar o ambiente ou excederse coas súas palabras, senón para usar a retranca máis galega e o saber estar para promover un enfrontamento en harmonía. 

Responderon os clubs e responderon as afeccións, con actos de irmandade entre as peñas que incluíron partidos de baloncesto no que os xogadores dos equipos cambiaron de rol. Da cancha á bancada para animar aos seus. Aos seus que desta vez non estaban berrando nas bancadas, senón sentíndose xogadores por un día. 

"Con ter contentas ás afeccións e que o derbi sexa a festa que debe ser, creo que o Breogán e máis nós nos damos por satisfeitos", dicía o COB Ourense na súa rede social poucas horas antes do partido deste sábado, que comezou co himno galego. "Boas noites dende Lucus Augusti.  Aquí tamén soñaremos co #derbidomiño e con repetilo moi pronto en ACB", desexoulle o equipo lucense ao ourensán na véspera do enfrontamento. Un exemplo de convivencia e de derbi que -quen sabe- se cadra volve para o ano na ACB e xunto ao Obradoiro. 

Xogadores de Breogán, na previa de #oderbidopolbo Dominio Público @CBBreogan
Os xogadores do Breogán, celebrando o triunfo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.