O deporte feminino completa outra tempada de éxito en Galicia

Xogadores do Star Center Universitario Ferrol © Uni Ferrol

Malia a falta de apoios publicitarios en moitos casos, a menor repercusión e mesmo a desigualdade en canto a medios, o deporte feminino segue enchendo de éxitos Galicia ano tras ano. O ronsel dos triunfos dos últimos anos do Burela Pescados Rubén ou do Ourense no fútbol sala, do CRAT da Coruña no rugby, do Guardés no balonmán ou os de figuras como Verónica Boquete ou Ana Peleteiro, entre outras, continúa. Desta vez, en forma de ascensos, meritorias temporadas e títulos para a selección do país. 

O deporte feminino enche de éxitos Galicia cada tempada; desta vez, Universitario Ferrol, Emevé ou Ensino son os mellores exemplos

A boa nova da pasada fin de semana foi o ascenso do Durán Maquinaria Ensino á elite do baloncesto feminino, completando un ano máxico para o deporte lucense. Na fase de ascenso, o equipo da capital luguesa derrotou o Gran Canaria (84-65) e, a base de triplas, garantiu derbi galego para a vindeira tempada na Liga Día, onde se atopará co Star Center Universitario Ferrol. 

O equipo ferrolán, que o ano pasado non puido xogar competicións europeas por falta de apoio económico, repetiu a boa campaña pasada e só caeu nas semifinais de play-off polo título e ante o campión Avenida despois doutra excelente fase regular. Quen tamén fixo unha meritoria tempada foi o Celta Zorka, que non puido acadar o ascenso tras caer co equipo anfitrión dos partidos polo ascenso, o Valencia, por tan só dous puntos. 

O ascenso do Ensino garante derbi galego na elite do baloncesto para a próxima tempada tras outra exitosa campaña do Universitario Ferrol

A festa foi en Lugo para o Ensino e só unha semana despois de que o Emevé, tamén da cidade, conseguira o ascenso á Superliga feminina de voleibol, completando o ano marabilloso do deporte lucense tamén en categoría masculina, co ascenso do Breogán á ACB e a permanencia do CD Lugo na Segunda División do fútbol profesional. 

Emevé, Deportivo ou Ensino, tres dos equipos femininos que destacaron nas súas competicións esta tempada

Desa categoría quixo saír o Deportivo da Coruña feminino, que completou unha tempada case perfecta que, no entanto, non lle chegou para loitar polo ascenso á Liga Iberdrola. Malia perder tan só un partido e empatar outro, o revirado sistema de competición impide que as rapazas disputen a fase de ascenso ao ser superadas no partido clave polo Oviedo. Con 147 goles a favor e unicamente 11 en contra, o Dépor loitará a vindeira campaña pola ansiada chegada á elite despois de completar a campaña coa vitoria na final da Copa de Galicia deste pasado martes ante o Atlético Matamá. 

O Deportivo feminino vén de gañar a Copa Galicia logo dunha Liga na que marcou 147 goles e tan só perdeu un partido

Os resultados desta tempada non fan máis que confirmar a boa saúde do deporte feminino en Galicia. En balonmán, o vixente campión da Liga Guerreras Iberdrola é o Mecalia Atlético Guardés, que está arestora empatado a puntos no liderado co Bera-Bera e mantén as posibilidades de repetir título a falta de tan só catro xornadas nunha Liga que tamén disputa o Porriño. 

En fútbol sala, o Burela Pescados Rubén, que xa ten un importante palmarés, pelexa aínda nos postos altos da clasificación nunha competición que comparte co Ourense, campión de Copa o pasado ano, o Poio e o Cidade das Burgas, que consumou o seu descenso. En hóckey sobre patíns, o Liceo loita por non descender da elite, mentres que en rugby, o CRAT non puido desta vez optar por un título na División de Honra que acadou en 2015.

Selección galega feminina de rugby seven, campioa de España / © Federación Española de Rugby

Si alzou o título a selección galega de rugby seven, nutrida maioritariamente por xogadoras do CRAT, que vén de proclamarse campioa de España na modalidade olímpica tras vencer a Madrid 5-0 na final celebrada na localidade de Cullera (Comunitat Valenciana). Algunha das xogadoras empregou as redes para reivindicar, con ironía, unha maior presenza dos seus éxitos nos medios de comunicación

A selección galega feminina de rugby vén de proclamarse campioa de España na modalidade olímpica

Unha manchea de éxitos con nome e esforzo feminino, de equipos de mulleres que, nalgúns dos casos, vense obrigadas a reclamar axudas para poder disputar as competicións que alcanzaron co seu esforzo deportivo e que lles son negadas por falta de apoios económicos. Mentres, continúan gañando. Como o fixo Ana Peleteiro, bronce en triplo salto nos Mundiais en Pista Cuberta e Birmingham, ou a coruñesa Irene Martínez, tamén bronce no Campionato de Europa de halterofilia que se disputou en Bucarest. Como fan acotío Solange Pereira ou Támara Echegoyen, pioneira na volta ao mundo en vela. 

Ao tempo, a Asociación Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá) convoca os VI Premios ao Deporte Feminino de Galicia e vén de abrir o prazo para a presentación de candidaturas para as mellores deportistas, técnicas, entidades, árbitras, equipos e clubs do pasado ano 2017. Estes galardóns serán entregados no transcurso dunha gala que se celebrará en Vigo a finais do mes de xuño, organizada pola Deputación de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.