Os éxitos olímpicos galegos: do fútbol en 1920 á lenda de David Cal

Selección española de fútbol en Amberes 1920 Dominio Público Praza Pública

Catorce galegos afrontan finalmente os Xogos Olímpicos de Rio que se inauguran este venres -aínda que a competición de fútbol leva días disputándose- e dos que Galicia agarda algunha medalla que engadir ao seu palmarés. A auga, nos canais de piragüismo e no mar coa vela, volven ser as grandes esperanzas dunha delegación que perdeu a súa principal baza coa lesión a última hora do triatleta Javier Gómez Noya, firme aspirante non só a metal senón ao ouro olímpico. 

Máis dunha ducia de metais acumula Galicia na historia dos Xogos Olímpicos, tendo a David Cal como o deportista español con máis medallas olímpicas (5), nunha xeira que comezou en Atenas 2004. Aló, o padexeiro do Hío (Cangas) converteuse no primeiro campión olímpico galego tras vencer na final de C-1 1.000 metros. Tan só uns días máis tarde, obtivo a prata no C-2 500 e converteuse xa no olímpico máis laureado no Estado.

David Cal, con cinco medallas, aínda é o deportista español con máis metais olímpicos

En Pequín 2008, onde foi o abandeirado do equipo español, conseguiu dúas pratas en C-1 500 e 1.000 metros, pasando a ocupar xa un lugar privilexiado. En Londres 2012, en C-1 1.000 engadeu outra prata ao seu palmarés. Cinco metais que aínda son historia, a mesma que tamén no piragüismo fixera en Montreal 1976 o padexeiro Luis Gregorio Ramos Misioné.

Acadou a medalla de prata no K-4, nun equipo que compartía con José María Esteban Celorrio, José Ramón López Díaz e Herminio Menéndez. En Moscú 1980, o galego volveu colgarse unha medalla, desta vez o bronce xunto a Herminio Menéndez no K-2 1.000 metros. En Los Ángeles 84 tocoulle ao padexeiro de Tui Enrique Míguez, que gañou o bronce en C-2 500 metros xunto a Narciso Suárez Amador.

O piragüismo, con Cal, Misioné, Míguez e Pérez Rial, encheu de medallas o palmarés da Galicia olímpica

Ademais, en Pequín 2008, o galego Carlos Pérez Rial, Perucho, e o catalán Saúl Craviotto sorprenderon na final do K-2 500 levando o ouro e engadindo outro metal a Galicia, que suma case cada vez que comite nos canais de piragüismo. 

Tamén na auga, pero desta vez no mar, Fernando Echávarri, cántabro asentado en Galicia desde cativo, e o galego Antón Paz, colgáronse a medalla de ouro en vela en Pequín. A súa vitoria na clase tornado foi a recompensa xusta a un traballo de anos por parte dos dous regatistas. Hai catro anos, en Londres, foron Sofía Toro e Támara Echegoyen as que subiron ao máis alto do podio. 

Echávarri, Paz, Sofía Toro e Echegoyen suman catro metais para a vela galega nos Xogos

Antes, moito antes, tres galegos estrearon o palmarés olímpico para o país. Foi no fútbol, en Amberes en 1920. Ramón González, Moncho Gil e Luis Otero gañaron a prata coa selección española de fútbol nun equipo no que había históricos como Ricardo Zamora ou o mesmo Pichichi. O equipo gañou a Dinamarca e perdeu con Bélxica, pero na fase de consolación venceu a Suecia, Italia e os Países Baixos para acadar o segundo lugar no podio.

Na seguinte cita olímpica, o galego Pedro Cea -nado en Redondela segundo algunhas fontes ou xa no Uruguai segundo outras- formou parte da heroica selección de fútbol que gañou o Mundial de 1930 ante Arxentina, pero tamén da que logrou dúas medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de París, en 1924, e en Ámsterdam, en 1928. Ademais, conserva a marca de ser o único xogador da historia que marcou nunha final dunha Copa do Mundo e duns Xogos Olímpicos.

Os futbolistas González, Gil e Luis Otero estrearon o palmarés olímpico de Galicia en 1920; outro galego, Pedro Cea, gañou dous ouros co Uruguai

Tamén nun deporte equipos, a viguesa Begoña Fernández liderou unha selección española en Londres 2012 que acadou o seu maior éxito na historia vencendo na final polo bronce a Corea do Sur logo de dúas prórrogas. Varios anos antes, en 1984, noutra xornada histórica, o coruñés Fernando Romay tocou metal. Foi un dos integrantes dunha selección española de lenda  que acadou a prata no baloncesto, tras perder a final contra os Estados Unidos de Michael Jordan por 96 a 65. O segundo posto foi toda unha vitoria, logo de vencer a poderosa Iugoslavia (74-61).

Como triunfo foi o de Javier Gómez Noya, que en Londres 2012 acadou a prata logrando situarse entre os irmáns -e anfitrións- Brownlee. En Atenas 2004, onde o ferrolán non foi seleccionado, José Antonio Hermida, fillo de galegos e catalán de adopción, conseguiu a medalla de prata en ciclismo de montaña.

En total, máis dunha ducia de medallistas olímpicos que poderían aumentar coas bazas que Galicia presenta en Río. Miguel Alvariño, en tiro con arco, comezou xa a competir e buscará un metal, ao igual que Támara Echegoyen, Fernando Echávarri, Cristian Toro, Rodrigo Germade, Óscar Carrera, Iago López e Teresa Portela, as opcións máis fiábeis. Ademais, Vanesa Rial e Paula Medín no rugby, María Vilas na natación e Alessandra Aguilar, Jean Marie Okutu e Frank Casañas no atletismo procuran tamén dar a sorpresa. 

Javier Gómez Noya, nunha foto de arquivo CC-BY-NC-SA Adolf Boluda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.