Relatos solidarios para "rebaixar a tensión" do derbi galego

Unha das fotografías que ilustrou un libro solidario sobre o derbi © Jorge Lens

Un libro solidario, co derbi galego como protagonista e coa participación de máis de setenta profesionais dos medios de comunicación.Os centros de El Corte Inglés de Vigo e o da Coruña acollen este xoves 12 de abril a presentación da obra Relatos sobre el derbi Celta-Depor, unha iniciativa solidaria e cuxos beneficios irán destinados á Fundación Andrea, unha entidade galega sen ánimo de lucro que apoia os cativos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. Co encontro entre os dous grandes do fútbol galego como pano de fondo. 

O libro custa 10 euros e toda a recadación vai destinada á Fundación Andrea, que apoia a nenos enfermos

Os dez euros aos que se venderá cada exemplar nos catro centros de El Corte Inglés en Galicia irán destinados integramente a esta Fundación para axudar aos rapaces e ás súas familias, que se ven golpeados por algunha doenza. É unha iniciativa que xunta 58 xornalistas, 12 fotógrafos, ilustradores e deseñadores gráficos galegos que colaboran por unha boa causa, pero tamén con varios obxectivos. O periodista Juan Luis R. Cudeiro, un dos impulsores deste libro, destaca por riba de todos o de "colaborar coa Fundación Andrea e cos rapaces galegos". "É unha entidade que non ten demasiada visibilidade, así que á marxe do apoio económico que lles supoña a recadación, tamén é importante que isto sirva para que se lle recoñeza o seu mérito", asegura, ademais de aclarar que o obxectivo é que a idea "teña continuidade no futuro e en colaboracións con outras organizacións semellantes". O propósito é que cada ano os xornalistas se unan para escribir e colaborar con asociacións que procuran o ben común.

Pero hai máis. Juan Luis R. Cudeiro recoñece que, nesta ocasión, os xornalistas intentan tamén "poñer o seu gran de area para rebaixar a tensión que adoita existir nos derbis galegos". "Os que escribimos sobre esta rivalidade temos unha responsabilidade", recorda. Entre elas, lembrar "que a rivalidade extrema dos últimos anos foi fomentada moito desde os políticos dun e doutro lado, por puro localismo". Do mesmo xeito, o impulsor desta iniciativa ve o libro tamén como "un xeito de dignificar a profesión xornalística". "Nestes tempos de crise , de desidos e nos que parece que calquera pode facer periodismo, é importante apoiarse e xuntarse para reivindicarnos", di, tras recoñecer o mérito, especialmente, daqueles compañeiros de radio e televisión que por unha vez pasaron á prensa escrita para colaborar coa iniciativa.

"A rivalidade extrema dos últimos anos veu fomentada polos políticos e o localismo" 

A idea deste libro xurdiu pola iniciativa semellante que en Cataluña levan a cabo desde hai anos varios xornalistas deportivos. Ademais, a obra conta co apoio de varias empresas como El Corte Inglés, Fundación La Caixa, Begano, Sanbrandán, Estrella Galicia ou a editorial Galinova. A presentación, que contará coa presenza de Borja Oubiña en Vigo e de Valerón na Coruña, será o día 12 de abril ás 13 horas en El Corte Inglés da cidade olívica (Ámbito cultural. Sétima planta) e ás 19,30 en El Corte Inglés de A Coruña-Ramón y Cajal (Restaurante. Sótano 1).

No libro pódense atopar relatos de todo tipo, pero todos eles co derbi galego como nexo de unión e escritos por xornalistas galegos, entre os que tamén haberá representación de Praza Pública. Ademais, inclúense varias ilustracións e fotografías, tamén co encontro de rivalidade como tema fundamental. 

Unha das fotografías que ilustra o libro solidario sobre o derbi © Roberto Berdini

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.