Toda esa merda deportiva

Dominio Público Praza Pública

Teño un respecto inmenso polos xornalistas deportivos porque, como fun un deles (e, a verdade, soño cada día con volver selo), sei que para o posto non vale calquera. Para facer xornalismo deportivo de verdade, quero dicir: para contar historias con paixón e con estilo, para sacar petróleo literario onde moitas veces non hai, sen deixarse levar polo vantaxismo e sabendo que, no fondo, o que se narra é terriblemente intrascendente.

Non sei se tiveron a ocasión de ler algunha das magníficas pezas do xénero que fixo nos setenta Hunter S. Thompson. Baixo a súa mirada a Superbowl ou unha carreira de cabalos convértense en espectáculos orxiásticos nos que o que menos interesa é a acción, como é de esperar. Thompson non tiña moito aprecio nin polo deporte nin polos xornalistas que o cobren. Para ser un deles, dicía, hai que ter "1, un desexo cego de crer todo o que che conten os adestradores, enlaces de prensa, troleiros e demais voceiros oficiais dos donos dos equipos, que che dan priva gratis... e 2, un dicionario de sinónimos para evitar usar os mesmos verbos e adxectivos dúas veces nun parágrafo".

Duro e á enxiva, Thompson contaba na Rolling Stone dos setenta que durante uns anos el se dedicara a facer reportaxes sobre competicións "non porque crese en toda esa merda deportiva, senón porque escribir sobre deportes era a única cousa pola que alguén parecía querer pagarme. E a ningún dos personaxes sobre o que escribín lle importaron un carallo as parvadas que puña sobre eles, mentres fosen emotivas".

Thompson nunca chegou a entregar peza ningunha narrando a "pelexa da selva", así que igual o choio non era tan fácil.

Nos setenta, despois de publicar Hell's Angels e Fear and Loathing in Las Vegas, era xa toda unha celebridade incapaz de apartarse das súas propias historias. Nestas, a Rolling Stone mandouno a Zaire a cubrir a famosa pelexa entre George Foreman e Muhammad Ali. O escritor adoraba a Ali e mesmo afirmaba que era parente del por unha vía tan intricada coma a súa prosa. No documental Gonzo: The Life and Work of Dr. Hunter S. Thompson, de Alex Gibney, Tom Wolfe di que Thompson estaba convencido de que Ali sería derrotado, así que preferiu quedar no hotel a noite do evento. Nunha gravación de audio da época escóitase ao pai do xornalismo gonzo queixándose de que non quere ir ao combate, protestando e choromicando. Despois emite un son que parece o dun nariz aspirando cocaína e ponse a dar berros coma un orangután en celo. Aforro dicir que Thompson non saíu do hotel: mentres tentaba baixar o colocón na piscina, Ali derrotaba a Foreman nunha das noites máis recordadas da historia do deporte.

Thompson nunca chegou a entregar peza ningunha narrando a "pelexa da selva", así que igual o choio non era tan fácil.

Hunter S. Thompson (esquerda), co seu avogado Dominio Público Fonte: https://i.gal/DDdgY

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.