Un partido de fútbol homenaxeará a Bebel, "zurdo para xogar e para pensar"

Presentación do I Memorial “Irmáns da Lexía”, este venres no vello cárcere da Coruña © Xermolos

"Bebel é zurdo para xogar e para pensar. No estadio, pon a camisola do Dépor. Á saída do estadio, pon a camisola das Xuventudes Socialistas...". Así comeza o relato que Eduardo Galeano lle dedicou a Bebel García García en Espejos, una historia casi universal, un breve texto no que o autor uruguaio relata o fusilamento deste futbolista coruñés e no que comenta o detalle de que, xusto antes de ser asasinado, mandou deterse ao pelotón de fusilamento para poder mexar por última vez.

Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 Bebel foi detido, recluído no cárcere provincial (recentemente recuperada e reaberta), xulgado por rebelión militar e finalmente fusilado o 29 de xullo no Campo da Rata. Tiña 22 anos. Canda a el foi executado tamén o seu irmán France, de 24 anos. Un terceiro irmán, Jaurés, tamén foi encarcerado e aínda que nun comezo non foi fusilado por ser menor de idade, finalmente apareceu morto no Campo da Rata. Un cuarto irmán, José, de 25 anos, foi xulgado por sedición pero conseguiu fuxir nun barco pesqueiro e uniuse ás tropas republicanas; trala remate da guerra, exiliouse a Sudamérica. Nacidos en Ribadeo, eran alculmados "Os da Lexía", xa que traballaban nunha fábrica de produción e distribución de lixivia, un negocio familiar creado polo seu pai.

Foi executado xunto co seu irmán France o 29 de xullo de 1936. O seu irmán Jaurés sería asasinado no Campo da Rata pouco despois

Bebel pertencía ás Xuventudes Socialistas Unificadas, formou parte das milicias antifascistas, participou na defensa do Goberno Civil e moi activamente na defensa da cidade contra os sublevados, por exemplo protexendo o Goberno Civil, sobre o que disparou unha batería de Artillería colocada no Parrote. Tamén trasladou a milicianos a puntos de defensa e a feridos ao hospital Labaca e fixo chegar alimentos a este hospital. Foi detido o 25 de xullo pola Garda Civil en Guitiriz, mentres tentaba poñerse a salvo en Asturias.

Bebel e os seus irmáns serán homenaxeados o vindeiro 26 de agosto en Guitiriz, precisamente, no denominado I Memorial "Irmáns da Lexía". Na homenaxe haberá, por suposto, fútbol. Primeiro cun partido alevín e xuvenil no Campo Suso Cruz entre equipos da Coruña e de Guitiriz. E, ademais, cun enfrontamento entre un combinado dos Riazor Blues e o propio equipo do Guitiriz.

A continuación, realizarase unha ofrenda floral no monumento erixido aos Irmáns da Lexía e na foxa común de Santa Mariña de Lagostelle. Alí intervirán Selva García, filla de José García (Pepín da Lexía), e Alfonso Blanco Torrado, da Asociación Cultural Xermolos. A xornada completarase cun xantar colectivo e cos concertos de Nuada e Bloquinho de Xermolos. Os actos foron presentados este venres no vello cárcere provincial da Coruña por representantes das tres entidades que organizan a homenaxe: Irmandade Manuel María, Xermolos e os Riazor Blues.

Bebel pertencía ás Xuventudes Socialistas Unificadas, formou parte das milicias antifascistas, participou na defensa do Goberno Civil e moi activamente na defensa da cidade contra os sublevados

Bebel non foi o único deportista da familia. Pepín destacou en atletismo e ciclismo e France en boxeo. Dende hai uns anos os Irmáns da Lexía contan cunha rúa en Monte Alto, a carón do cárcere provincial, precisamente.“Era un tipo genial, una gran persona, oro de ley, muy valiente, todo un idealista. Lo quitaron de en medio por eso. Antes de que le dispararan se puso a mear delante del pelotón (….) Bebel siempre hablaba de lo mismo, había que transformar el mundo porque es injusto con los oprimidos”, destaca unha das testemuñas recollidas no blog Memorias do Cárcere.

 

Bebel García © memoriadocarcere.com
Monumento aos represaliados polo franquismo na comarca da Coruña. Detalle cos nomes dos irmáns García García CC-BY-SA Jglamela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.