Unha vítima do xadrez

Dominio Público Praza Pública

Disque practicado en exceso calquera deporte é malo coma un vicio, aínda o deporte mental. Se buscan en Internet imaxes de Marcel Duchamp é tan doado atopalas do artista fumando coma xogando ao xadrez, unha actividade que o obsesionaba ata límites insospeitados. Despois da Primeira Guerra Mundial, sendo un dos creadores máis afamados do mundo, deixou de dedicarse á arte para converterse no mellor xadrecista de Francia.

Parece ser que descubriu bastante pronto que nunca chegaría a ser un dos grandes, pero a teima seguiu medrando. “Agora xa me conformo con xogar. Aínda son unha vítima do xadrez”, dixo nunha conferencia en 1952. Para entón levaba xa decenios fóra do circuíto da arte: deixárao moi ao principio dos vibrantes anos 20, mentres as vangardas estoupaban e o resto dos grandes pintores que o veneraban facían carreira, para entregarse en corpo e alma aos 64 cadriños. Durante anos, Duchamp dedicouse unicamente a participar en torneos, escribir manuais, redactar crónicas para xornais, competir vía postal con varios correspondentes, deseñar taboleiros e mesmo idear xogos para levar nas viaxes.

Ao principio dos vibrantes anos 20, mentres as vangardas estoupaban, Duchamp deixou o circuíto da arte para entregarse en corpo e alma aos 64 cadriños

Unha das testemuñas máis curiosas da monomanía de Duchamp e da melancolía que o embargaba despois de xogar é Enrique Irazoqui, un home cunha vida desas que, escritas nunha novela, non pasarían o filtro do público por seren demasiado fantasiosas. Irazoqui estudou ciencias económicas, pero a súa profesión oficial é a de experto en máquinas que de xadrez, árbitro e organizador de torneos. Estivo presente no maio do 68 parisino e, entre outros filmes, protagonizou O evanxeo segundo San Mateo de Pasolini, facendo de Xesús.

Irazoqui vive desde hai moitos anos en Cadaqués, onde tivo oportunidade de xogar con xenios como Dalí, John Cage ou o mesmo Duchamp. Hai uns anos anos, nunha entrevista con ChessBase, dubidaba que a este último as partidas lle prestasen realmente. "Para min era un pracer xogar con el, pero non creo que a el lle fixese moi ben", dicía Irazoqui, "porque sempre acababa moi desgustado. Teeny, a súa muller, pediume que non xogase máis con el porque despois non era capaz de durmir polas noites. Era un tipo moi tenro e dalgún xeito moi fráxil". Unha vítima do xadrez, como el mesmo dicía.

Duchamp e as pezas do xadrez Dominio Público Fotografía de Arnold Rosenberg / Smithsonian National Portrait Gallery

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.