Verónica Boquete: "O fútbol feminino avanzou máis en tres anos que nos últimos quince"

Verónica Boquete, nunha concentración da selección galega © FGF

Verónica Boquete (Compostela, 1987) afronta as vacacións logo dunha intensa tempada que acabou coa decepción de perder unha final da Liga de Campións nos penaltis e coa sorpresiva non convocatoria por parte da selección española para un amigable ante o Brasil previo á Eurocopa do vindeiro verán. Con experiencia nas ligas española, estadounidense, rusa, sueca, alemá e agora francesa, quédalle un ano máis de contrato co PSG antes de decidir onde continuar a súa exitosa carreira. Cun palmarés que inclúe a Champions, varios campionatos nacionais e mesmo unha Medalla Castelao, a galega reflexiona aquí sobre o futuro e a evolución do fútbol feminino e o enorme cambio que, tanto no deporte como na sociedade, está a axudar as rapazas que teñen o balón como modo de vida. 

Como lle sentou non ter sido chamada para este amigable a pouco da Eurocopa do verán?

Vestir a camisola da selección é sempre un pracer; confío en estar nesa lista definitiva e xogar a Eurocopa. O meu traballo está feito, deportivamente pouco máis podo facer

Perdeu a final da Champions co PSG por penaltis e despois de caer tamén na da Copa de Francia. Quédalle un sabor agre da tempada?

Si, queda. Gañando a Champions poderiamos dicir que a tempada foi moi boa, pero se non gañas títulos, chegar á final parece que non conta. Perdemos as dúas finais dunha forma cruel, pero o que conta de verdade é o resultado final e ese foi unha derrota. Empaña bastante a tempada, aínda que debemos valorar todo e non só o final. En liñas xerais, non foi mala. 

"Non es igual de recoñecida se perdes; din que o importante é participar, pero nunha final, a xente queda co que gaña"

Vostede sempre foi moi ambiciosa, pero cun só penalti pode pasarse do éxito á decepción. Séntese igual de recoñecida malia perder?

Non, a verdade é que non. Estamos afeitas a que no deporte che digan que o importante é participar e estar aí, pero cando xogas unha final, co que queda a xente é co que gaña. Do mesmo modo que gañar cambia absolutamente todo, perder tamén o cambia. Nun equipo como o PSG quizais non tiñamos tanta presión por gañar títulos porque era unha tempada de transición, pero estás nun grande de Europa e o que conta ao final son as copas. 

Ten 30 anos e quédalle un ano de contrato no PSG. Pensa xa en que próxima competición vai xogar ou volverá á Liga española?

Agora só podo pensar no que teño, que é un ano máis en París. A partir de aí, verei. Non descarto ningunha cousa, nin seguir alá, nin cambiar de aires, nin regresar á Liga española. De todas formas, terei que esperar aínda varios meses para pensar e decidir. 

"A Liga española é cada vez mellor, hai máis rapazas xogando e as condicións son tamén mellores; o presente é esperanzador"

Clubs tan grandes na súa sección masculina como o Bayern ou o PSG sono tamén no seu equipo feminino?

Si son, si. As condicións son moito mellores que noutros lugares porque son clubs que hai tempo xa que apostaron polo fútbol feminino. Danche a tranquilidade de estar nun sitio onde sabes que están 100% comprometidos co equipo, onde intentan facerche sentir partícipe da entidade e onde te tratan como unha profesional. Se o comparas con outros clubs aínda hai unha gran diferenza, pero se reparamos na liña que está a seguir o fútbol feminino nos últimos anos vemos como vai encamiñado a que cada vez máis equipos grandes teñan sección feminina e cada vez a coiden máis. 

Na Liga española mudou moito. Na última década o cambio foi moi grande.

Nos últimos anos houbo un gran cambio. Se cadra non desde hai dez anos, non tanto, pero a evolución do fútbol feminino nos últimos tres, catro ou cinco anos é moi grande e evidente. Quizais nos últimos tres anos conseguimos e avanzamos máis que nos últimos dez ou quince. Iso ilusiona, cada vez a Liga española é mellor, hai máis rapazas xogando ao fútbol e as condicións van mellorando. O noso presente é moito mellor e esperanzador. 

"Hai un cambio de mentalidade na sociedade, a xente ten a mente máis aberta; queda camiño pero estamos na boa dirección"

O apoio de empresas, do público... Descendeu tamén a discriminación que sofren as mulleres neste deporte?

Está habendo un cambio de mentalidade que era necesario pero que leva o seu tempo. É un cambio de varias xeracións, porque as maneiras de educar de antes eran diferentes ás de agora. Iso é o que está a axudar: estamos a mudar a forma de ver as cousas, a xente ten unha mente moito máis aberta e estamos a conseguir unha igualdade máis real e non só teórica. Aínda queda camiño por andar pero estamos na boa dirección. 

Verónica Boquete, nun adestramento coa selección galega en Vilagarcía de Arousa / © FGF

O Deportivo formou un equipo feminino, ten un filial e fixo varios contratos profesionais. Que lle parece a aposta polo fútbol feminino en Galicia?

En Galicia pasa como en España. Nos últimos anos está a haber un grande avance; cada vez hai máis equipos, máis rapazas xogando e máis referentes femininos, que é algo que tamén axuda. Os clubs estanse comprometendo. O caso do Deportivo é o máis destacable porque xunto ao Celta é un referente en Galicia. Ogallá o Celta se sume e sexan dous, pero que polo menos un dos grandes clubs galegos aposte polo fútbol feminino é moi bo, pola referencia que supón como entidade, pola masa social que move pero, sobre todo, polas infraestruturas e por todo o que pode achegar a un equipo de rapazas. Isto facilita todo bastante. 

"O paso que deu o Deportivo é moi bo, pola referencia que supón como club, pola masa social que move e, sobre todo, polas infraestruturas"

Terá que subir o Deportivo a Primeira para que vostede volva xogar en Galicia na elite...

[Risas] Xa non só por iso, senón porque Galicia merece e precisa un equipo na Primeira División para poder reter as nosas grandes xogadoras e as que vaian saíndo. É necesario ter un equipo na máxima categoría. Non é doado porque hai que gañar unha liga e logo superar a fase de ascenso, pero confío que nun futuro próximo o Deportivo estea na elite; así será máis fácil para as que estamos fóra poder volver e para as que están comezando non ter que saír de Galicia. 

"Confío en que nun futuro próximo o Deportivo estea na elite; sería máis fácil volver para as que estamos fóra e máis fácil quedar para as que empezan"

A asistencia de público ao último partido da selección galega nada en Vilagarcía foi moi importante, nada que ver con hai anos. 

O cambio é abismal, tanto neste partido da selección galega como en moitos partidos femininos en Galicia, na Liga Iberdrola ou da selección española. Antes, poucas veces tiñamos afluencia importante e agora, ademais, anímase máis. As televisión tamén se están achegando o fútbol feminino a máis casas, crean referentes e dan un retorno aos patrocinadores. Todo isto fai xirar a roda, polo que cada vez irá a máis. 

Vostede derrubou moitos muros non hai tanto tempo. Foi a súa loita e a da súa familia máis ou menos importante que as que houbo antes polo fútbol feminino?

Todas as portas ou muros que se derruben son importantes. Eu non tería derrubado os meus se outras non o fixesen antes ca min. As que virán despois atoparán unha situación mellorada grazas ás que están agora. Todas e cada unha das que abriron portas son importantes. Teño isto sempre moi presente e o único que podo facer para agradecérllelo ás que viñeron antes é facer todo o que poida polo meu deporte e todo o tempo que poida. Debemos transmitir todo ese agradecemento e esa loita para que as que cheguen máis tarde valoren o traballo e o esforzo das demais.

"Hai anos era impensable que as marcas pensasen en nós, pero aínda precisamos máis axuda delas e non só das deportivas" 

Vostede sae nun vídeoclip de Igor Paskual, outras compañeiras están protagonizando campañas publicitarias. Pensou que algún día terían esta repercusión?

Hai anos era algo totalmente impensable. Nese sentido, aínda precisamos máis axuda das marcas, e non só das deportivas, a nivel publicitario, pero pouco a pouco chegarán. O fútbol feminino é máis importante e as súas xogadoras van virando en referentes, polo que tamén serán importantes referentes publicitarios. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.