David Lombao

Unha ducia de días de outono

Alá vai o verán. Foi un verán con case máis auga que sol e, polo tanto, con pouco lume. Aínda así, agora comezan a minguar os días, a chover (máis aínda) e a friaxe achégase inexorablemente. Iso non quere dicir, nin moito menos, que o outono sexa para botarse a chorar. Ben ao contrario, hai cousas ben relevantes, senlleiras e mesmo gozosas que pasan ou pasaron no outono. Velaquí algunhas delas.

  1. 01

    O San Froilán

    As festas "máis belas do outono galego", segundo deixou escrito don Álvaro Cunqueiro. Do 4 ao 12 de outubro Lugo bascula entre as vellas feiras do San Froilán e as celebracións contemporáneas nunhas festas que lograron algo ben difícil: congregar multitudes con independencia do seu programa. Con polbo a esgalla, claro.

  2. 02

    As San Lucas

    Consideradas as festas máis antigas do país, celébranse dende 1156 e teñen a súa orixe nunha feira cabalar que aínda pervive. Os cabalos baixan do monte ata a praza da Catedral de Mondoñedo, un espectacular momento que este ano poderá ser seguido ao vivo e a traveś dunha pantalla. O programa dura, desta volta, dende o día 16 ata o 20 de outubro.

  3. 03

    O Samaín

    De festa en festa. O Samaín estaba antes que o seu Halloween, perforación de cabazas incluídas. Celébrase na noite do 31 de outubro e pode servir para dar medo e facer festa a partes iguais. 

  4. 04

    O día de ir apañar castañas

    Ese día no que volves á casa cunha bolsa de castañas e te sentes case como un mozo ou moza pioneira por ir apañar o teu propio alimento. Ollo con picalas ben, que despois veñen os sustos.

  5. 05

    O magosto

    Consecuencia lóxica do anterior. O país acolle centos de magostos ao longo de todo o outono, algúns só con castañas e viño, outros con chourizo, churrasco e vaian vostedes saber que máis. A non perder, cando menos un.

  6. 06

    O debate de política xeral

    Non vai ser todo festa, non se me emocionen. Despois de anos celebrándose noutras datas o tamén coñecido como Debate do Estado da Autonomía (ou da Nación) regresou ao outono, como en tempos de Fraga. Este ano, previsiblemente, será entre o 7 e o 9 de outubro.

  7. 07

    O 9-N

    Aínda non sabemos exactamente o que, pero o certo é que algo vai pasar en Catalunya o 9 de novembro, data fixada pola Generalitat para o referendo de autodeterminación que é convocado esta fin de semana e que o Goberno de España recorrerá ante o Tribunal Constitucional. 

  8. 08

    O 20-N

    O 20 de novembro de 1975 produciuse o que o aparello franquista chamaba eufemisticamente "feito biolóxico", isto é, que o que unha paisana ou paisano galego resumiría explicando que "o levou o demo".

  9. 09

    O aniversario da constitución...

    ... do Partido Galeguista, fundado en Pontevedra 6 de decembro de 1931. 

  10. 10

    O día que cambian a hora

    Nesta ocasión será o 26 de outubro cando nos lembren iso de que "ás 3 serán as 2", un cambio horario que nestas latitudes transtorna un chisco e aforra tirando a nada.

  11. 11

    O primeiro paraugas roto

    Aínda non o sabes, pero chegará. Non sabemos se no primeiro temporal do outono ou nun refacho traizoeiro, pero ha chegar. 

  12. 12

    O aniversario do Estatuto

    Tan galego que se colocou nun marco, o que separa o outono do inverno. O 21 de decembro de 1980 o pobo galego votou con escaso entusiasmo e ningún fervor popular o vixente Estatuto de Autonomía.