David Lombao

Unha ducia de imprescindibles do San Froilán

Dicía don Alvaro Cunqueiro que no "outono galego" non hai "festa máis cabal nin días máis fermosos" que os do San Froilán. Festas no país hai moitas e, sen entrar a xulgar cal é a mellor, a que comeza este sábado en Lugo e se estende ata o vindeiro día 12 é unha das que máis sona ten e das que mellor conserva os ingredientes de esmorga urbana combinados con algúns dos da feira rural na que ten a súa orixe. Velaquí algúns dos seus ingredientes de sempre e algúns outros deste ano.

  1. 01

    A familia Pelúdez

    Creada polo escritor Xosé Trapero Prado, a familia Pelúdez representa a todos os festeiros e festeiras que se achegan a Lugo nestes días. Co seu fillo, Peludeciño, e a súa dona, Filomena, reaparece cada ano pola cidade fisicamente e nas páxinas da prensa local. O patriarca, Pelúdez mesmo, adoita practicar o galeguísimo costume de levar o paraugas pendurado do pescozo da chaqueta, por se a chuvia se suma á festa.

  2. 02

    O polbo

    O polbo é sinónimo de San Froilán dende hai moitas décadas. Contan os maiores que noutrora compartía protagonismo coas anguías, actualmente moito máis escasas. Nas casetas do recinto feiral, pero tamén en múltiples lugares fóra delas, lucenses e visitantes réndenlle culto ao cefalópodo como se o fosen prohibir. Neste 2014, ademais, a mellor polbeira ou polbeiro terá premio.

  3. 03

    As rúas inzadas de xente

    As mareas de festeiras e festeiros asolagando as rúas lucenses son unha das estampas máis clásicas do San Froilán. Aínda que existen algúns localizadísimos focos de tristura que botan en falta os anos nos que por estas festas se camiñaba sen dificultade ante a falta de visitantes, non é pouca a veciñanza de Lugo á que lle arde o peito ao ver ateigada a gran feira da cidade.

  4. 04

    O recinto feiral

    Ou "as barracas", no caso de seres de Lugo. Un dos recintos feirais máis extensos do país no que conviven as atraccións de feira cos postos de venda, este ano ampliados cunha feira de artesanía, e toda caste de lambonadas. Inclúe, por suposto, as casetas do polbo.

  5. 05

    O desfile de gando

    Recuperado hai seis anos como vía para ligar a festa contemporánea coa feira que a orixinou alá polo século XVIII, cando se lle concedeu a Lugo a posibilidade de celebrar unha feira franca -libre de impostos- e despegou a celebración e a propia economía da cidade. Este ano celébrase o sábado, primeiro día das festas, dende as 11 da mañá.

  6. 06

    A homenaxe a Rosalía de Castro

    Desta volta, o domingo día 12 ás 12:30 da mañá. Coma sempre, ante o monumento que lembra a poeta padronesa no parque que lle dá nome, o principal da cidade. Esta homenaxe é sempre unha reivindicación dos dereitos das mulleres e da arte; nesta ocasión estará protagonizada pola artista Luz Darriba acompañada pola gaiteira Susana Seivane.

  7. 07

    O Domingo das Mozas

    O 5 de outubro, día de San Froilán, é a xornada grande das festas. Pero non é menos grande o domingo seguinte, neste caso o día 12, celebrado dende tempo inmemorial como Domingo das Mozas. Contan as maiores de Lugo que esta era a xornada na que a xente nova do rural cercano aproveitaba para poñer a mellor roupa e mocear sen o control directo das nais e pais, que xa foran facer negocios á feira o día 5. Na actualidade esta é tamén a xornada dedicada ao traxe tradicional galego.

  8. 08

    A festa na rúa

    A peonalización, primeiro, e a rehabilitación, despois, devolveu o San Froilán a boa parte das rúas do casco vello da cidade. A contorna da Praza do Campo, en pleno burgo medieval lucense, é escenario de múltiples actuacións musicais, previstas ou improvisadas, especialmente se o tempo acompaña.

  9. 09

    O adeus de Buena Vista Social Club

    Se nos achegamos ao programa concreto deste ano unha das pezas máis destacadas é a parada en Lugo da xira Adiós de Buena Vista Social Club. Os lendarios músicos cubanos rematan percorrido artístico o vindeiro ano na súa illa, polo que, sinalan dende a organización do San Froilán, é moi posible que esta sexa a derradeira oportunidade para velos en Galicia. Tocan o día 10 ás 21:30 na Praza Horta do Seminario.

  10. 10

    O Festiclown

    O Festiclown vólvese achegar a Lugo, desta volta espallado por todo o programa do San Froilán cunha morea de actividades para ver, pero tamén para participar.

  11. 11

    Marful

    A despedida do Buena Vista Social Club non é a única que terá o San Froilán como escenario. Tamén Marful, o grupo encabezado por Ugia Pedreira, está a se despedir e faino facendo boa música na súa Xira Surreal. O mércores, día 8, ás nove da noite na Praza de Santa María.

  12. 12

    Os Funky Style Brass

    O sábado 11 ás 12 da noite chegan á Praza de Santa María, directamente dende Toulouse, os membros deste grupo difícil de definir. Os Funky Style Brass xa cautivaron a non pouco público galego en festivais de verán como Revenidas ou Reperkusión e agora prometen incendiar o comezo da derradeira xornada do San Froilán 2014.