Praza Pública

Unha ducia de escándalos financeiros

Desde a chegada da crise, son moitos (demasiados) os escándalos financeiros que agromaron no mundo e, especialmente, no conxunto do Estado español. O vergoñante caso das tarxetas black de Caja Madrid tan só é o último dunha lista que parece interminable. Aquí van algúns dos máis reprobables e coñecidos. Collan alento.

  1. 01

    Lehman Brothers, onde todo empezou (ou onde se empezou a saber)

    O 15 de setembro de 2008, hai xa máis de seis anos. Foi luns negro en Wall Street. Lehman Brothers, que como moitos outros bancos perdera xa miles de millóns de dólares polos seus negocios con créditos inmobiliarios de alto risco, declárase insolvente. Merrill Lynch é venrdido ao Bank of America e AIG solicita un multimillonario crédito ponte da FED. As bolsas afunden e o paso dos meses iría destapando o escándalo que se reproduciría, en termos semellantes, noutras entidades de todo o mundo.

  2. 02

    As indemnizacións dos directivos das caixas galegas

    Foron os que pilotaron a fusión das caixas galegas, que provocou unhas perdas de 8.200 millóns para todos os contribuíntes. Agora, a Audiencia Nacional ve indicios de delitos de estafa ou administración desleal contra Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Óscar Rodríguez Estrada, Gregorio Gorriarán Laza e Javier García de Paredes. Todos, menos o ex director xeral de Caixanova, cobraron case 19 millóns de euros por marchar. El está acusado por autorizar estas indemnizacións e percibe case 700.000 euros anuais de pensión. É só un dos escándalos que rodean o sistema financeiro galego. 

  3. 03

    Os escuros negocios de Méndez e Caixa Galicia

    A sombra sobre a xestión das caixas galegas e sobre as operacións paralelas levadas a cabo polos seus dirixentes no seu presunto beneficio escurecen acotío o sistema financeiro galego. Documentación anónima recibida polo sindicato CIG desvelou hai pouco supostas vendas irregulares de inmobles pertencentes á corporación de Caixa Galicia á muller de José Luis Méndez, daquela director xeral da entidade. Segundo eses documentos, as transaccións leváronse a cabo presuntamente por baixo do valor da taxación e cando xa se coñecía a fusión das extintas caixas galegas. En total, as operacións ascenderían, cando menos, a 1,8 millóns de euros.

  4. 04

    CCM, a primeira en caer

    A finais de 2008 apareceron os primeiros síntomas de crise en Caja Castilla-La Mancha (CCM), polo que se intentou a fusión con Ibercaja e logo con Unicaja (sóalles?). En marzo de 2009, o Banco de España decidiu intervir a entidade, destituír a todo o seu consello de administración e nomear tres administradores, garantindo os depósitos da caixa co Fondo de Garantía de Depósitos. A falta de liquidez era consecuencia dos seus investimentos de risco no sector da construción e da crise inmobiliaria. Foi a primeira, pero para nada a última.

  5. 05

    Cajasur, a caixa dos curas

    Imprudencia, descontrol e nada de virtudes cristiás. A cordobesa Cajasur, baixo a órbita da Igrexa católica, ata que foi intervida polo Estado en 2010 e logo vendida ao BBK. A Audiencia Nacional confirmou logo en varias sentenzas multas de 2,5 millóns de euros a 38 ex directivos, entre eles un bispo. As irregularidades foron múltiples e variadas.

  6. 06

    O indulto ao banqueiro que non podía faltar

    Alfredo Sáenz, conselleiro delegado do Grupo Santander, fora condenado a tres meses de prisión e inhabilitación por un delito de acusación falsa cometido en 1994 contra acredores de Banesto cando era presidente da entidade. Foi indultado polo consello de ministros do goberno saínte de Zapatero en novembro de 2011, cando xa estaba en funcións.

  7. 07

    Os soldos de Caixa Catalunya

    En 2013, a Fiscalía pediu a imputación de 54 ex conselleiros de Caixa Catalunya, incluído o ex vicepresidente do Goberno central, Narcís Serra, pola suba de soldos no consello de administración en 2010, cando a entidade recibiu por primeira vez axudas públicas por valor de 1.25 milóns de euros. A entidade catalá recibiu máis de 12.000 millóns, un rescate só superado polo de Bankia. 

  8. 08

    A CAM, un exemplo de corrupción a grande escala

    A Caja de Ahorros del Mediterráneo (CAM) era un símbolo centenario das finanzas na Comunitat Valenciana. Pero coa chegada ao goberno autonómico de Francisco Camps, empregouse para financiar megaproxectos como a Ciutatl de les Arts, a Ciudad de la Luz ou Terra Mítica. Afectada pola crise inmobiliaria e antes de ser intervida en xullo de 2011, o seu director xeral e outros catro altos executivos aseguráronse un retiro dourado con elevadas prexubilacións de case 13 millóns de euros en total. Un modus operandi ben coñecido. 

  9. 10

    A estafa masiva das preferentes

    A estafa das preferentes, da que poucas entidades se libraron. Unha fraude bancaria na emisión e venda de accións preferentes por bancos e caixas de Aforros de todo o Estado que desde os anos 1990, incrementándose en 2003 e co punto álxido no período 2009 a 20111 -época que comprende a burbulla inmobiliaria e a crise económica española de 2008-2014- colocaron este tipo de accións a uns 700.000 clientes. Foi sen a ebida transparencia, xa que non podían entender o produto pola súa complexidade, foron enganados e polo tanto descoñecían o risco que implicaba a súa adquisición. En Galicia, sabemos ben do que falamos. Milleiros de estafados e moitos deles aínda sen recuperar os cartos.

  10. 11

    As continuas polémicas arredor do Santander

    Tres grandes multas millonarias en España, numerosas xestións legais no estranxeiro e moreas de acordos personalizados forman a factura coa que Banco Santander atravesa a crise financeira. A entidade presidida agora por Ana Botín estivo implicada nos casos de abusos máis complicados desde que estoupou a burbulla das hipotecas subprime, aínda que as excelentes habilidades negociadoras do seu equipo de avogados conseguiron que todo iso apenas faga ruído mediático. Tan só un exemplo: a multa de case 17 millóns de euros que lle impuxo a CNMV pola comercialización de Valores Santander, pola que 130.000 clientes tiveron que asumir perdas do 50% do seu investimento.

  11. 12

    ... E o que aínda queda por ver

    O FROB remitirá á Fiscalía "nos vindeiros días" unhas vinte operacións "potencialmente irregulares" detectadas en Catalunya Caixa e en Novagalicia Banco para a súa investigación. Anunciouno esta semana o ministro de Economía, Luis de Guindos, durante a sesión de control ao Goberno no pleno do Congreso. Pase o que pase, parece que nada nos poderá sorprender xa. Ou si.