Marcos Pérez Pena

Unha ducia de pontes entre Galicia e o Brasil

Este domingo celébrase a segunda volta das eleccións presidenciais brasileiras. Dilma Rousseff e Aécio Neves chegan moi igualados nas sondaxes nuns comicios que marcarán o futuro deste xigante emerxente. Un país co que Galicia comparte moitas cousas, ademais da lingua. Entre elas unha moi numerosa emigración, nos dous sentidos, que deixou pegada a unha e outra beira do Atlántico.

  1. 01

    Emigración galega no Brasil

    Moitos e moitas galegas emigraron ao Brasil, supoñendo despois das migracións portuguesa e italiana a máis importante do país. Foron tantos que aínda hoxe no brasil chámanlles galegos ás persoas loiras ou de pel clara, unha denominación que se orixinou no Nordeste de Brasil coa chegada dos primeiros emigrantes de Galicia ou do norte de Portugal.

  2. 02

    Agora tamén compartimos cervexa

    Dende este verán Estrella Galicia tamén se fabrica no Brasil, sendo a primeira vez na centenaria historia desta cervexa que embotella o seu produto fóra da Coruña. Espera facturar máis de 300 millóns de euros o vindeiro ano e acadar o 10% do mercado brasileiro en 2020.

  3. 03

    'Son Brasilego'

    Sérgio Tannus deu co concepto clave desta ducia: o brasilego, que dá nome ao seu último álbum. "Unha vez preguntáronme se despois de 6 anos vivindo en Galicia xa me sentía galego, e a miña resposta foi que si, pero que non deixaba de ser brasileiro. Díxenlles que eu era brasilego. E eses foron os primeiros pasos deste Son Brasilego", dicía na súa presentación.

  4. 04

    Manuel Augusto de Cervantes

    Manuel Augusto de Cervantes (Chantada 1928 – Brasil 1988). Traballaba como axente inmobiliario en Sao Paulo, pero a finais dos cincuenta comezou a realizar algún pequeno papel no cinema co nome de Augusto Pereira. Dende os sesenta convértese en produtor, sendo até os oitenta un dos produtores de cinema independente máis importantes de Brasil, especializado en spaghetti westerns, filmes de terror e películas pornográficas. Títulos como Como consolar viúvas, A fome de sexo, Noite em chamas ou Senta no meu que eu entro na tua destacan na súa extensa produción

  5. 05

    Alfonso Graña, rei dos xíbaros

    Ildefonso Graña Cortizo, coñecido polo nome de Alfonso Graña, nado en Amiudal (Avión) en 1878 e finado en Iquitos (Perú) en 1934, foi un aventureiro e explorador galego, coñecido tamén polo alcume de rei dos xíbaros ou de Alfonso I do Amazonas, chegando a reinar sobre cinco mil destes indíxenas

  6. 06

    Galícia de Bahia

    Outra de fútbol (e de migracións). O Galícia Esporte Clube fundouse o 1 de xaneiro de 1933 por emigrantes galegos, sendo o seu primeiro presidente Eduardo Castro de la Iglesia. Actualmente compite na Segunda División da Liga baiana de fútbol.

  7. 07

    Bebeto e Mazinho

    Dicimos Bebeto e Mazinho como poderíamos citar a tantos outros grandes xogadores brasileiros que nos últimos anos pasaron por clubes galegos, sobre todo polo Dépor (Mauro Silva, Donato, Djalminha...) pero tamén polo Compos (Fabiano) e o Celta (Amarildo, Baltazar). Bebeto deixou na Coruña unha pegada máis fonda que ningún outro xogador e Mazinho, ademais do seu xogo, deixou dous grandes xogadores que tamén podemos chamar galegos: Thiago e Rafinha.

  8. 10

    "Meu tío baila en Pelotas no mes de abril"

    Quen non cantou algunha vez esta canción de Ana Kiro (titulada, por certo, A Banana)? Un hit popular que mesmo deu lugar a varios vídeos máis ou menos virais, dende o Van Damme bailando até esta mestura: DJ Kiro en Playa Club

  9. 11

    José Armando Ufarte

    José Armando Ufarte, un galego de Pontevedra, é aínda hoxe un dos grandes ídolos da afección do Flamengo. Chamado O espanhol, foi un extremo que compartiu en 105 partidos equipo con Joel, Gerson ou Dida.

  10. 12

    Ciborgue Moreno

    Migración de ida e volta. Primeiro unha galega (Paula Sanmartín) marcha vivir a Brasil durante uns anos. De volta trae non só unha parella na vida e na música, Túlio, senón tamén unha formación musical, Ciborgue Moreno, que mestura a electrónica co ssons tradicionais da Brega, propios do norde do Brasil.

  11. 13

    A lingua

    “Uma língua que chama minhocas às minhocas nom pode ser outra língua”, escribiu hai anos o autor do blogue Post Scriptum, unha certeza que de seguro pode servir de argumento irrefutable para falarmos da principal das pontes que unen Galicia e Brasil. Unha lingua en común que abre un océano de posibilidades nas vindeiras décadas.