Praza Pública

Unha ducia de de cousas que facer no Culturgal

Comeza o Culturgal. Serán tres días nos que unha boa parte de todo o que se coce na Cultura Galega pasará polo Pazo da Cultura de Pontevedra. Serán máis de 150 actividades e 64 expositores en tres días, do teatro á música, pasando por presentacións literarias, debates, proxeccións audiovisuais ou espectáculos para os máis pequenos e para todos os demais. No Culturgal hai moito e bo.

  1. 01

    A Esmorga

    O Culturgal pecharase coa proxección d'A Esmorga, de Ignacio Vilar (entrada, 5 euros), ás 20 horas do domingo, un filme que tamén se poderá ver nos dous días anteriores.

  2. 02

    Guadi Galego... e moita música máis

    As novidades do mundo musical veñen dereitas a Culturgal. Lúas de outubro e agosto, o agardado disco pop de Guadi Galego será unha delas.. A que fora voz de Berrogüetto e participou en propostas como Espido, Nordestinas ou aCadaCanto fará a súa presentación o sábado ás 18.30 horas. Á mesma hora pero o domingo, será a sorpresa de Alba María quen nos presente Aínda, o traballo que publica a Central Folque.

  3. 03

    A exposición dos vinte anos do Bravú

    Haberá tamén exposicións no Cultugal, coma a que percorre os vinte anos do Bravú e que será presentada por Xurxo Souto. Nela faise un repaso deste movemento cultural e musical que cumpre dúas décadas.

  4. 04

    Presentacións literarias

    Haberá unha morea de presentación de novas obras, como a de Galiza, um povo sentimental? de Helena Miguélez-Carballeira (sábado ás 16.30 horas), Flash-Black 13 de Ramón Caride (sábado ás 18.45), O cuarto poder. Por un periodismo (de código) libre de Víctor Sampedro (domingo ás 12.45) ou A cidade dos nenos: un xeito novo de pensar a cidade de Francesco Tonucci, editado por Kalandraka

  5. 05

    Cita gastronómica

    Outra das novidades é a incorporación da gastronomía á oferta do Culturgal, con múltiples ofertas para comer na feira e un conxunto de actividades relacionadas coa gastrocultura, dende presentacións, debates, ceas temáticas (previa reserva) poesía gastronómica e mesmo unha actuación musical (buscando repetir o éxito acadado no Festival de Cans) do cociñeiro Pepe Solla.

  6. 06

    Emisións de programas en directo

    Durante as tres xornadas nas que o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o Culturgal, poderase asistir tamén á emisión en directo dos programas Discópolis (Radio3), Somos Quen (Radio Galega) ou Diario Cultural (Radio Galega), que gañou o premio do Público Culturgal 2014 por "conxugar información e análise nun formato de revista cultural que conta con especialistas e colaboradores en teatro, música, cine, arte contemporánea, etc".

  7. 07

    O Culturgal miúdo

    O Culturgal ofrece "un abano ben amplo do que se coce nun sector, o da literatura infantil e xuvenil (LIX), ateigado de propostas orixinais e divertidas representacións", como ben destaca Romina Bal en Praza este venres. Este venres, sábado e domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra estarán representadas  as principais editoras, autores e ilustradores, músicos, actrices, produtores e libreiros do país. Un lugar para o teatro, a música en directo e un bo feixe de obradoiros nos que enredar.

  8. 08

    María Fumaça

    O domingo o Auditorio será invadido pola tropa festeira de María Fumaça, que volve con Xiqui Xoque Fiú Fiú e a súa locomotora capitaneada por Uxía

  9. 10

    OffCulturgal

    Haberá tamén espazo para unha nova edición do OffCulturgal, un espazo alternativo dentro da Feira, xestionado pola revista de tendencias Disquecool, no que se poden presentar proxectos de ámbito galego do campo da creación: deseño (de produto, web, de moda…), edición, audiovisual, ilustración, música, proxectos sociais, arquitectura, fotografía, arte, gastronomía... Cada participante ten 9 minutos para contar a súa historia: 6 estarán dedicados á presentación e 3 minutos ás preguntas do público

  10. 11

    Ciencia

    A ciencia tamén forma parte da cultura e a cultura científica cada vez ocupa un papel máis relevante na sociedade. Na programación destaca Kaleid@labs (venres ás 11.30), un espectáculo de audiovisuais e actividade plástica coa científica Luisa Martínez Lorenzo (CSIC-Galicia) ou a presentación de A aventura espacial galega, da Universidade de Vigo, o sábado ás 11.15 horas

  11. 12

    Presentacións

    O Culturgal é un punto de encontro, un espazo no que coñecer e coñecerse. Por iso, durante estes tres días poderemos saber máis sobre moitos novos (e non tan novos) proxectos da cultura galega. Alí estará, por exemplo, Montse Dopico falando do seu Magazine Cultural Galego.

    Ademais, haberá moitas outras presentacións e eventos, coma a asemblea de AGAL, un Foro de Crowdfunding e Coworking, unha xornada profesional para docentes (centrada en “Novas ideas na escola: das ferramentas TIC e outras tecnoloxías”), a presentación da Asociación Puntogal, da revista dixital de humor O Botafumeiro ou do blog de crítica teatral da Revista Galega de Teatro, coa participación de Manuel Xestoso, Camilo Franco e Afonso Becerra.