David Lombao

Unha ducia de sintonías senlleiras

Non se trata de que sexan obras de arte da música. Nin sequera de que exerzan de pórtico ou presentación dun contido, colectivo ou persoa que nos guste. A súa función é a de entrar nos nosos miolos e non saír en varias horas ou, se son moi efectivas, en toda a vida.

  1. 01

    A da cabeceira do Supermartes

    Un, dous, tres, catro... Martes! O programa, tan adorado como aborrecido, foi emblema de toda unha época da Televisión de Galicia. O seu condutor aseguraba que esta sintonía era un merengue.

  2. 02

    A do Xabarín Club

    Toda unha xeración de galegas e galegos leva a sintonía do Xabarín tatuada nunha neurona. Non é estraño que saia, en forma de canción popular, en xuntanzas, paparotas e demais momentos de exaltación da amizade e saudades dos tempos pasados.

  3. 03

    A de 'Con perdón'

    A mediados dos 90 o cantante Alberto Comesaña copresentaba e interpretaba este programa de humor baseado na cámara oculta, popularísima naqueles anos. A caracterización e actitude de Comesaña pretendía emular a un popular anuncio publicitario de Martini e a coreografía era, cando menos, rechamante.

  4. 04

    A de 'Informe Semanal'

    Non foi a primeira, pero si a máis popular do programa informativo que durante moitos anos foi emblema de TVE. Os humoristas de Venga Monjas teñen unha elaborada teoría sobre a procedencia dos célebres "lategazos" desta sintonía.

  5. 05

    A do 'Un, dos, tres'

    O célebre concurso de Televisión Española tivo varias versións da súa animada sintonía. Esta é a dos anos 90, protagonizada pola cabaza Ruperta.

  6. 06

    A de 'Oliver e Benji'

    Sintetizador e música que soa a lata como introdución ao solemne "oa-oa-oa-o". Velaí os veñen, son os magos do balón.

  7. 07

    A de Doraemon

    O gato cósmico xa é, a estas alturas, tan xaponés como galego. No Xabarín Club tivo dúas sintonías, pero só unha delas ficou nas cabeciñas galegas para a eternidade. El pode facer realidade todos os teus soños. Case nada.

  8. 08

    As de Songoku

    As sintonías d'As bólas máxicas ou d'As bólas do Dragón compartiron protagonismo nos patios de colexio do país durante non poucos anos. Quen asina segue sen entender por que o feito de ter que buscar as bólas supuña "unha conmoción".

  9. 09

    A de 'Gran Hermano'

    Élles así. Hai quen segue vendo nel un experimento sociolóxico e hai quen pensa que o pai de todos os reality shows é o máis parecido a unha baixada ao inframundo. Sexa como for, a súa sintonía funcionou moi ben para o que foi creada.

  10. 10

    A de 'Falcon crest'

    A cabeceira da mítica serie traía consigo unha sintonía que, para sempre, soa a himno de riqueza, traizóns e demais componendas.

  11. 11

    A de Alianza Popular

    Nos seus poucos anos de vida o partido fundado por Manuel Fraga tivo múltiples himnos e sintonías. Nun alarde de modernidade nas europeas de 1987 optaron por versionar a mítica canción The final countdown do grupo Europe. E saíu isto porque disque corrían novos tempos.

  12. 12

    A do PP

    Alén das preferencias políticas de cadaquén, a sintonía electoral do PP é, de lonxe, a máis efectiva se o que se trata de quedar fixada na memoria da xente. Segundo o seu autor, Manuel Pacho, a súa idea era describir con música "un partido liberal".