David Lombao

Unha ducia de cousas que custan 300.000 euros

Ao longo dos últimos días asistimos a diversas comparacións a respecto do gasto da Xunta na produción do polémico vídeo de Enrique Iglesias. Axudas á promoción do galego, subvencións a festivais de música... Son diversos os paralelismos posibles. Pero, se nos metemos nunha dinámica un chisco tola, por que non pensamos que máis cousas poderíamos mercar como pobo con eses 300.000 euros? Xa que o gasto está feito, riamos.

  1. 01

    Un atún vermello en Toquio

    O atún vermello é obxecto de veneración no Xapón, onde é un produto que acada prezos astronómicos. En 2011 chegáronse a pagar 300.000 euros por un exemplar, que foi adquirido nunha poxa a medias entre dous restaurantes. 

  2. 02

    Un palco no Bernabéu

    Efectivamente. Segundo o xornal Expansión alugar as 18 localidades dun deses espazos nos que disque se pechan algúns dos grande negocios do Estado pode custar ata 310.000 euros. Seríalle máis rendible á Xunta celebrar alí un Consello no canto de contratar o vídeo?

  3. 03

    O reloxo de Rafa Nadal

    O laureado tenista ten gustos caros e, entre eles, figura un reloxo valorado en 300.000 euros que, aínda, por riba, lle roubaron nun hotel de París. Seica a policía francesa o atopou pouco despois.

  4. 04

    Un (ou varios) pisos das antigas caixas

    Segundo a súa base de datos a entidade herdeira das desaparecidas Caixanova e Caixa Galicia dispón máis de 4.000 inmobles por todo o Estado que custan menos de 300.000 euros.

  5. 05

    Un chicle para cada habitante de Galicia

    Se dividimos o que custou o vídeo entre a poboación galega tocamos a 11 céntimos por persoa. Por que non repartir unha lambonada a cada habitante? Pénseno, pode ser "promoción turística"!

  6. 06

    43 voltas ao mundo

    Despois dun estudo nada exhaustivo podemos concluír que unha volta ao mundo organizada pode saír por unha media de 7.000 euros. Que dá máis visibilidade, o vídeo en cuestión ou sortear dende o Goberno galego a inexplicable cifra de 43 voltas e media ao mundo?

  7. 07

    Dous soldos 'Nescafé'

    Na actualidade o famosísimo soldo Nescafé ten unha contía de 2.000 euros mensuais. O custo do videoclip daría para pagar unhas 150 destas mensualidades, polo que, tendo conta a actual esperanza de vida no país cabería a posibilidade de celebrar un bonito concurso polo cal se lle asignase a dous novos galegos ou galegas o devandito soldo dende o seu nacemento. Daría ou non promoción?

  8. 08

    Tres Audi A8

    Lembran vostedes os famosos Audi da Xunta? Pois o de gama máis alta, o A8, vén custando na actualidade uns 92.000 euros na súa versión longa, polo que o consabido Noche y de día dá para mercar tres. Despois o caso é mantelos, claro.

  9. 09

    Contratar 16 veces á Panorama

    Como saberán moitas das persoas que len Praza habitualmente, o pasado verán houbo unha gran controversia a respecto dos métodos da Orquestra Panorama á hora de celebraren contratos cos concellos. Alén da polémica, o certo é que contratar a célebre orquestra vén custando uns 18.000 euros durante o verán. Por que non pensa a Xunta en contratala dúas veces á semana en xullo, agosto e setembro?

  10. 10

    Máis de 40.000 racións de polbo no San Froilán

    Que dá máis "promoción turística", o vídeo ou convidar a 41.724 persoas a unha ración de polbo no San Froilán? A máis barata, a taxada polo Concello de Lugo, custaba o pasado a no 7,25 euros.

  11. 11

    Máis de 100.000 'Candy crush'

    O popular videoxogo, que esta semana saltou ás páxinas da actualidade por ser o protagonista da tablet da vicepresidenta do Congreso, Celia Villalobos, durante o discurso de Mariano Rajoy, vén custando algo menos de 3 euros, polo que a Xunta podería custear case 103.000 descargas.

  12. 12

    60.000 fachos de xardín

    Se reparan, boa parte da decoración do vídeo de Enrique Iglesias, concretamente na rave que celebra no mosteiro de Carboeiro, son unha caste de fachos. Por que non distribuílos entre a poboación para que "siga a festa" en cadansúas casas? Veñen custando uns 5 euros, así que do prezo do vídeo dá para mercar 60.500.