David Lombao

Unha ducia de vídeos que ofrece YouTube ao procurar "Galicia"

Xa pasaron uns días e, entre a efervescencia preelectoral e outros asuntos, o affaire Enrique Iglesias foi ficando diluído na actualidade. A controvertida montaxe financiada pola Xunta supera xa os 4 millóns de reproducións -o Goberno teima en que cada reprodución equivale a unha persoa- pero... Que é o que segue a aparecer nos primeiros postos se buscamos "Galicia" en YouTube, que era do que se trataba? Vexamos...

  1. 01

    O pai da criatura cantándolle á terra do avó

    O primeiro resultado deste nada científico estudo, realizado ao introducir a verba "Galicia" no buscador de YouTube e aplicando o filtro de vídeos máis vistos, é unha imaxe fixa de nada máis e nada menos que o pioneiro dos Iglesias en cobrar da Xunta, o pai. O célebre Canto a Galicia, "terra do meu pae", é dicir, do avó de Enrique.

  2. 02

    Sabrina no Luar

    Alguén alcumado '4ngelboy' subiu a YouTube o segundo resultado da nosa procura. Trátase dunha actuación da cantante Sabrina no Luar da TVG, que chegou dende os 80 aos tempos do bipartito para realizar un playback do seu Boys, boys, boys.

  3. 03

    O suposto obxecto extraterrestre

    O vídeo daquel 'ovni' foi un dos primeiros virais de orixe galega. Non achega moito á investigación espacial, pero é unha boa fonte de léxico galego non especialmente ben soante.

  4. 04

    Un berro a prol do Courel

    Tamén por riba do millón de visitas está este vídeo elaborado por varios colectivos sociais hai xa sete anos co obxectivo de chamar a atención sobre a situación do Courel. É o cuarto resultado que nos ofrece o buscador de vídeos.

  5. 05

    Galizian Urban Project

    O quinto resultado que atopamos é a canle de Galizian Urban Project, un grupo de persoas que fan parkour en Galicia.

  6. 06

    Melody, tamén no Luar

    Descoñecemos o efecto que terá no turismo pero o certo é que o sexto resultado ao procurar "Galicia" co devandito filtro é a cantante Melody que, poucos días despois das eleccións autonómicas de 2009, cantaba unha das súas cancións no Luar da TVG.

  7. 07

    O accidente de Angrois

    Entre cousas de riso cóase a enorme desgraza do accidente de Angrois. Xa o vimos en demasiadas ocasións e non achega demasiado ao que estamos a contar por aquí, polo que decidimos obvialo.

  8. 08

    Outro canto a Galicia

    Se seguimos baixando na lista de resultados atopámonos de novo con Iglesias, o pai. Nesta ocasión, a canción vén en formato karaoke e con diversas estampas paisaxísticas.

  9. 09

    Un cantautor serbio

    Se seguimos avanzando na lista atopámonos cun vídeo dun cantautor serbio chamado Đorđe Balašević, que ten unha canción titulada Galicia.

  10. 10

    Salvar o país da megaminaría

    Nesa listaxe de vídeos máis vistos figura tamén a montaxe elaborada por diversos persoas do mundo da cultura para tentar frear proxectos mineiros como o de Corcoesto. E logrouse.

  11. 11

    Máis canto a Galicia

    Outra versión máis do Canto a Galicia que vén amosar que, a priori, o investimento no pai rendeu máis que o investimento no fillo. Tamén en versión karaoke.

  12. 12

    A vendima en Ponteareas

    Pechamos a lista co último resultado que nos aparece neste estudio tan senlleiro como, reiteramos, tan pouco científico. Un vídeo sobre a vendima en Ponteareas. Tampouco neste hai rastro de raves en mosteiros, Jeeps por zonas peonís nin bailes sensuais en recintos eclesiásticos.