Praza Pública

Unha ducia de citas para esta primavera

Esta fin de semana comeza a primavera. Iníciase este venres ás 23.45, poucas horas despois dunha eclipse solar, e rematará o 21 de xuño. Serán tres meses, 92 días, cunha chea de eventos de todo tipo (dende os máis festivos ata os electorais) que incluirán un cambio de hora, a vindeira fin de semana, a cita con Facenda ou a recta final das Liga de fútbol e outras competicións por equipos. Repasámolas.

  1. 01

    Tardes de sol...

    Os días fanse máis longos. Dende o equinoccio que abre a primacera ata o solsticio que en xuño dará paso ao verán, cada día que pasa o sol está por riba do horizonte ao redor de tres minutos máis. Parques, ríos, terrazas e praias comezan a encherse de persoas buscando as raiolas que durante o inverno foron tan esquivas.

  2. 02

    Cambio de hora

    A vindeira fin de semana entraremos no horario de verán. Ás 2 da madrugada do sábado para o domingo 29 haberá que adiantar o reloxio ata as 3. O sol sairá unha hora máis tarde (hoxe fíxoo ás 07:38) e tamén se ocultará unha hora despois (este venres farao ás 19:45), facendo máis longas as tardes.

  3. 03

    Festas!

    Festas hai todo o ano, sobre todo no verán, pero na primavera o corpo vai collendo ritmo. Dende a propia Festa da Primavera do barrio compostelán de San Pedro, que este ano se celebrará o 2 de maio, ata o Arde Lucus (do 19 ao 21 de xuño), pasando polas restantes celebracións dos maios ou a ferrolá romaría de Chamorro (6 de abril), ata rematar coas celebracións de San Xoán, xa nos primeiros días do verán.

  4. 04

    Alerxias

    A primavera tamén ten cousas malas, sobre todo paras os alérxicos e alérxicas ás gramíneas e a outras partículas e elementos. Calcúlase que ao redor de 126 mil persoas sofren alerxia ao polen en Galicia.

  5. 06

    Tempo de eleccións

    O 24 de maio haberá eleccións municipais (e autonómicas en varias comunidades), uns comicios que xa veñen quentando motores dende hai meses. A campaña electoral comezará o 8 de maio. Antes, o 20 de abril, finaliza o prazo para a presentación de candidaturas. E dende o 31 de marzo ata o 20 de abril poderanse recoller sinaturas para a presentación de agrupacións de electores.

  6. 07

    Día das Letras

    O 17 de maio celebrarase, coma todos os anos, o Día das Letras Galegas, que este ano coincidirá en domingo, e que estará dedicado a Xosé Filgueira Valverde, unha designación que espertou unha notable polémica.

  7. 08

    Semanas de deporte

    Nos meses de maio e xuño asistiremos ao remate da meirande parte das competicións deportivas de clubes. Veremos se Celta, Dépor e Lugo acadan os seus obxectivos, se temos algúns ascensos galegos a Segunda e Segunda B. Veremos en que posición remata o Obradoiro, e se Breogan e Ourense son quen de ascender á ACB. E veremos tamén se o Liceo é quen de gañar a OK Liga, e se podemos celebrar as (semella que exitosas) tempadas de Frigoríficos Morrazo, Burela Fútbol Sala e Teucro.

  8. 09

    Chegan os exames

    Os meses previos á chegada do verán son tamén tempo de exames, moitos deles finais e definitivos. Nos institutos, nas facultades... As bibliotecas énchense de estudantes que loitarán tamén contra a tentación do sol, as terrazas e os días longos. 

  9. 10

    Música a esgalla nos festivais

    Aínda que o verán é a estación por excelencia dos festivais de música, a primavera tráenos os primeiros certames masivos e, principalmente, ao aire libre. Un dos primeiros e máis destacados é o FIV que esta fin de semana se celebra xa en Vilalba. Pero virán moitos máis antes do verán e, sobre todo, durante. 

  10. 11

    Máis viaxes, máis turismo

    As ofertas das compañías de viaxes, as vacacións de Semana Santa, mellor tempo... Son varias as condicións que inflúen para que moitos preparen as maletas para facer unha escapadiña durante a primavera. Máis lonxe ou máis perto, as viaxes increméntanse neste tempo, no que tamén máis turistas visitan Galicia. 

  11. 12

    Festas gastronómicas

    En Galicia non será por comer. Hai festas gastronómicas durante todo o ano, pero algunhas das máis importantes e concorridas chegan xusto nesta primavera, estación na que as carpas con diferentes produtos aparecen por case todas as localidades e comarcas. A troita, o choco, o salmón, os melindres ou o galo de curral serán algúns dos homenaxeados xa no mes de maio. Pero hai moitas máis feiras. Antes ou despois.