Marcos Pérez Pena

Unha ducia de edicións dos Mestre Mateo

A Coruña acolle este sábado pola noite (TVG, 22 horas) a 13ª edición da gala dos premios do audiovisual galego. Temos, pois, unha ducia de edicións ás nosas costas, doce anos de cinema, televisión e series feitas en Galicia que nos permiten facer un percorrido polas obras que marcaron a última década, e os seus autores e autoras, actores, actrices e equipo técnico. Dende Os luns ó sol ou As leis de Celavella á gañadora do pasado ano, Somos xente honrada, ou ás favoritas desta fin de semana: A Esmorga, Os Fenómenos ou Serramoura

  1. 01

    Edición 2003

    A gala de entrega dos I premios Mestre Mateo, sucesores dos premios Chano Piñeiro, deixou tres títulos vencedores: Entre bateas, de Jorge Coira, que recolleu 10 galardóns; Os luns ó sol, que recibiu 3, os mesmos que a serie Terra de Miranda. Luís Tosar e María Bouzas levaron os premios ao mellor actor e actriz. Os luns ó sol foi recoñecido como mellor longametraxe

  2. 02

    Edición 2004

    Compostela acolleu en xuño de 2004 a gala de entrega da segunda edición dos Mestre Mateo. Trece badaladas (Xavier Villaverde) e O lapis do carpinteiro (Juan Gordón e Antón Reixa) compartiron o premio á mellor película. Carlos Amil (Blanca Madison) foi o mellor director e Luís Tosar e Eva Fernández (As Leis de Celavella) levaron os galardóns á mellor interpretación.

  3. 03

    Edición 2005

    Vigo acolleu a gala dos Premios Mestre Mateo 2004O ano da carracha, de Jorge Coira, foi a gañadora da cerimonia, cun total de oito galardóns. O propio Coira foi elixido mellor director e Javier Veiga (O ano da carracha) e Marta Etura (A vida que che espera) foron os mellores actores e actrices.

  4. 04

    Edición 2006

    Os Premios Mestre Mateo 2005 regresaron á Coruña. A produción máis votada foi a serie da TVG As leis de Celavella, que levou entre outros premios o de mellor director (Jorge Coira e Carlos Sedes). A mellor longametraxe foi León e Olvido; Fernando Fernán Gómez foi o mellor actor grazas a Para que non me esquezas e Marta Larralde a mellor actriz por León e Olvido.

  5. 05

    Edición 2007

    A Coruña acolleu a gala dos Mestre Mateo deste ano, na que a longametraxe Un franco, 14 pesetas foi a produción máis votada, facéndose co premio á mellor película. Carlos Iglesias (Un franco, 14 pesetas) e Miguelanxo Prado (De profundis) compartiron o premio á mellor dirección e Luis Tosar (Cargo) e Isabel Blanco (Un franco, 14 pesetas) foron os mellores intérpretes

  6. 06

    Edición 2008

    Os Mestre Mateo correspondentes a 2007 celebráronse o 15 de abril de 2008 no Teatro Jofre de Ferrol. O neno de barro foi elixida mellor película e o seu director, Jorge Algora, foi recoñecido como o mellor realizador. María Bouzas (Unha muller invisible) e Chete Lera (O neno de barro) foron os mellores actriz e actor, respectivamente

  7. 07

    Edición 2009

    Pontevedra foi o escenario da gala dos Premios Mestre Mateo correspondentes ao ano 2008. Os mortos van á présa foi a mellor película, Alfonso Zarauza (A noite que deixou de chover) o mellor director, Chete Lera (Os mortos van á présa) o mellor actor e Tamara Canosa (Pradolongo) a mellor actriz.

  8. 08

    Edición 2010

    Neste ano os Premios Mestre Mateo celebráronse en Narón. Celda 211 foi a mellor longametraxe e Daniel Monzón foi votado como mellor director e Luís Tosar como mellor actor por este filme. O premio á mellor actriz foi para María Vázquez (O club da calceta)

  9. 09

    Edición 2011

    Ourense acolleu a gala dos Mestre Mateo neste ano18 comidas, de Jorge Coira, foi a mellor longametraxe e o propio Coira o mellor director. Miguel de Lira (Crebinsky) e María Vázquez (Mar libre)

  10. 10

    Edición 2012

    Os Mestre Mateo deste ano regresaron á Coruña, nunha gala titulada Crise, que crise? debido ás dificultades engadidas que estaban a sufrir as industrias audiovisuais galegas. Doentes, de Gustavo Balza, foi a mellor película; Sandra Sánchez (Tralas luces), a mellor directora; Antonio Durán "Morris" (Doentes) o mellor actor; e Susana Dans (Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde), a mellor actriz

  11. 11

    Edición 2013

    Neste ano O Apóstolo foi elixido como mellor filme e o seu responsable, Fernando Cortizo, como mellor director. As mellores interpretacións foron as de Luís Tosar (Operación E) e Sabela Arán (Vilamor)

  12. 12

    Edición 2014

    A última gala dos Mestre Mateo, celebrada tamén na Coruña, recoñeceu a Somos xente honrada como mellor filme e ao seu director, Alejandro Marzoa, como mellor realizador. Isabel Blanco (Todos os santos) e Miguel de Lira (Somos xente honrada) foron os mellores intérpretes