A mediática detención de Rodrigo Rato, noutrora facedor do disque "milagre económico español", por varios delitos ligados á corrupción dános a oportunidade de facer un pouco elaborado xogo de palabras e repasarmos algúns ratos senlleiros. Porque é fin de semana.

  1. 01

    Pérez

    Un dos máis coñecidos. O rato Pérez ten diversas denominacións en función dos países e vén cumprir a útil función de explicarlles ás nenas e nenos onde van os dentes que lles caen moito antes de teren que saber que a asistencia bucodental non entra, as máis das veces, nas prestacións da sanidade pública.

  2. 02

    Mickey

    O rato multinacional. A creación e emblema da factoría Disney ten como ano oficial de nacemento 1928 e a empresa teno tan asociado á súa propia marca que chegou a forzar que a súa imaxe fose borrada de varias escolas infantís nos Estados Unidos. Puro riquiñismo, vaia.

  3. 03

    Os do Ratibrón

    Involuntarios protagonistas dalgúns dos anuncios publicitarios máis populares do país. Meus pobres.

  4. 04

    Pixie e Dixie

    Os populares ratiños de Hanna Barbera son os protagonistas de múltiples historias que consisten, esencialmente, en fuxir do gato Jinks mentres lle fan todas as trasnadas posibles.

  5. 05

    Jerry

    Tamén saídos da factoría Hanna Barbera, Tom e Jerry protagonizan historias non moi diferentes ás de Pixie e Dixie, coa diferenza fundamental de que neste caso as batallas son un contra un. O rato, Jerry, é un tipo máis ben listo e o gato, Tom, tende a ser algo máis parvo.

  6. 06

    Remy

    O protagonista de Ratatouille é un rato con grandes habilidades culinarias, tanto que é quen de llelas transmitir aos humanos 

  7. 07

    Pica

    Versión salvaxe de Tom e Jerry saída do mundo dos Simpsons. Itchy and Scratchy -Rasca y Pica na súa versión española- son un gato e un rato no que o roedor non só se limita a escapar do felino, senón que o tortura e, nas máis das ocasións, acaba por matalo. Nada pedagóxico.

  8. 08

    O Súper Rato

    Saído dos estudios Terry Toon como parodia roedora de Superman é un dos ratos potencialmente máis poderosos.

  9. 09

    Os de V

    Alimento preferido duns personaxes que marcaron unha xeración

  10. 10

    Basil

    Disney foi especialmente propenso a buscarlles emprego aos ratos. Neste caso, Basil é detective. Superdetective, concretamente.

  11. 11

    Os de laboratorio

    En moitas ocasións, campo de probas de experimentos e tratamentos que despois acaban chegando ao ser humano. Nalgúns países, como o Brasil, xa se procurán vías alternativas para evitar este tipo de prácticas.

  12. 12

    Rodrigo

    O súper ministro que chegou a ser un dos homes con maior poder financeiro do mundo, agora caído en desgraza polas súas malas artes económicas e fiscais. Hai quen ve nel un simple corrupto e outros, tamén, un chivo expiatorio. Veremos.