Sara Torreiro

Unha ducia de cancións do verán

Comeza a chegar o verán e con el os xeados, as terrazas, as praias. os festivais e as vacacións. Pero si, tamén está el. Si, ese maldito tema que por moito que queiras evitalo se coará sen piedade polo teu oído e se meterá na parte máis inconsciente do teu cerebro e que, cando menos o esperes, te asaltará en forma de asubío ou de retrouso pegañento. Iso si, non vos preocupedes, xeracións e xeracións levan sufrindo o mesmo problema, imos cun repaso e non vos prometemos que, cando rematedes, non esteades cantarelando esa horrible melodía que vos custou setembro, outubro e parte de novembro, quitar da cabeza.

  1. 01

    Sen amantes...

    ... quen se pode consolar? Cantaba a italiana Rafaella Carrá aló polo 1978. A loira tiña claro que no das artes amatorias os do sur nos dan mil voltas aos do norte. Que cousas...!

  2. 02

    Ai, ai, ai...

    Non temos moi claro o que vén sendo "tu bajaste desde el cielo, ai ai ai y me echaste al candelero". Agora ben, declarámonos fans da especie de cápsula espacial na que se roda o videoclip de Chayanne en 1988.

  3. 03

    Eeeeeei Macarena!

    Na década xa dos 90, concretamente no 96, Los del Río sacaban a canción de Macarena cunha coreografía que perdura ata os nosos días e que sempre intenta facer alguén con copas demais diante do palco dunha orquestra con lamentable resultado.

    E por se a estas alturas aínda non se vos pegou nada, recordamos outros grandes hits dos 90 o Solo se vive una vez das Azúcar Moreno, tamén no 96; María de Ricky Martin no 95 ou a Chica YeYe de Concha Velasco no 90.

  4. 04

    Boooooombaaaaaaa

    Ao chegar aos 2000 témosvos que recordar a canción do verán por excelencia: a Bomba. Quen sería capaz de levar túnicas africanas pero tuneadas con cores fluorescentes e eses sombreiros con tanta despreocupación como King África? Eh? Eh? Só por iso... #respect.

  5. 05

    Aserejé...

    Si... si... non miredes para outro lado, que seguro que máis de un estivo aí dalle que dalle a ver como demo se pronunciaba o retrouso das Ketchup no 2002: 

    Aserejé ja de je
    de jebe tu de jebere
    seibiunouva majavi
    an de bugui an de güididípi
    Aserejé ja de je
    de jebe tu de jebere
    seibiunouva majavi
    an de bugui an de güididípi

    Por certo, repíteno nada máis e nada menos que NOVE veces ao longo da canción, vaia, que ou o sabías, ou escusabas abrir a boca. 

     

  6. 06

    Ma-ia-hii Ma-ia-huu Ma-ia-hoo Ma-ia-haa

    Avanzando nos 2000 atopamos co Dragostea Din Tei de O-zone no 2003. O videoclip é unha composición demencial na que os protagonistas cantan enriba das ás dun avión (si, mentres o avión voa), saen debuxos que se converten nos protagonistas, camisas fluorescentes, torsos ao aire... En fin, que se nunca tiveron a honra, aproveiten a oportunidade...

    Por certo, tras ser canción do verán non duraron moito, porque no 2005 disolvéronse.

  7. 07

    A tortura de escoitar a Shakira...

    No 2005 Shakira, chea de chapapote (ou algo así) cantaba La Tortura con Alejandro Sanz... Non sabemos como fai a latinoamericana porque, aínda que non se lle entende nada cando canta (hai que intuílo polo contexto), sempre pon algunha canción nos meses de calor.

     

  8. 08

    Corral VS Laura

    El Koala, co seu Opá yo viasé un corral foi a canción do verán de 2006 pero nese ano tampouco esquecemos a Los Happines co seu Amo a Laura.

     

     

  9. 09

    O ghit do 2007

    No 2007 gañaban o A polo ghit (#vivaantes) os Forfiestas co tema Verbenero (repetimos: #vivaantes)

     

  10. 10

    Máis ghits

    Foi o último dos gañadores do concurso organizado por Vieiros e a Radio Galega. Un ghit (ou un xit, como dirían Os da Ría) moi galegueiro

  11. 11

    Waka Waka...

    Os resultados da Copa do Mundo de fútbol puideron ser un tanto repelentes para algúns... pero a maior repelencia foi que ela volveu... cunha mestura de fútbol, Aserejé e danza do ventre... :´(

  12. 12

    Un clásico...

    Como non, tiñamos que rematar con el... que sería unha recopilatorio de cancións de verán sen Georgie Dann?

    Polo momento aínda non temos canción do verán 2015... Crucemos os dedos para que a King África non se lle dea por outra versión do nivel de Paquito Chocolatero... 

    E lembrade... pensaredes que son unhas horteradas, e razón non vos faltará... pero sorprenderédesvos a vós mesmos tarareándoas mentalmente na ducha...