Miguel Pardo

Unha ducia de momentos da catástrofe do Prestige

Hai trece anos, o petroleiro Prestige naufragou ante as costas galegas. Seis días despois, e logo dunha caótica singradura, partiu e verteu máis de 77.000 toneladas de fuel que, convertidas en chapapote, enchouparon as rías galegas. O xuízo, que tardou once anos en celebrarse, acabou por ditaminar que ningún cargo público tivera responsabilidade naquela desfeita. Velaquí unha ducia de momentos claves. 

  1. 01

    13 de novembro: o inicio do caos

    O Prestige, un petroleiro monocasco grego e con bandeira das Bahamas, sofre as consecuencias do temporal fronte ás costas galegas cargado con 77.000 toneladas de fuel. O temor a un novo desastre ecolóxico aparece, pero ninguén pensou que fose para tanto. Foi peor do agardado. 

  2. 02

    19 de novembro: o buque parte e afunde

    Logo dunha longa agonía de seis días, o petroleiro parte endous e afunde a 246 quilómetros de Fisterra. A súa caótica singradura, ordenada polo Goberno español, acabou por empeorar a situación. No intento de afastar o perigo da costa, as consecuencias viraron en catastróficas. 

  3. 03

    20 de novembro: a marea negra chega ás costas

    O afundimento do Prestige e o vertido do fuel comeza a provocar a que sería a maior catástrofe ecolóxica de Galicia. O chapapote comeza a chegar ás praias mentres o Goberno central segue a minimizar o problema e a ocultar información. Mariñeiros e veciños lánzanse a protexer as rías ante a ausencia de medios. A indignación só está a agromar. 

  4. 01/12/2002

    Multitudinaria manifestación en Santiago convocada pola plataforma Nunca Máis

    04

    1 de decembro: a indignación sae á rúa e berra Nunca Máis

    A gran marea negra de fuel espállase por toda a costa occidental galega, que cobre con 11.000 toneladas de chapapote. A ocultación de información por parte do Goberno central, a falta de medios e a nefasta xestión indignan a sociedade galega. Nace a plataforma Nunca Máis, que convoca unha manifestación que será histórica. O 1 de decembro máis de 200.000 persoas saen á rúa en Compostela. Xa nada sería igual. 

  5. 05

    6 de decembro: avalancha de voluntarios

    Aproveitando a ponte da Constitución, milleiros de voluntarios de todo o Estado chegan a Galicia para axudar a combater a marea negra que ateigaba as praias. Calcúlase que un total de 30.000 persoas, tamén de varios países de Europa, colaboraron en quitar o chapapote durante varios meses. 

  6. 06

    28 de decembro: morre Man, o alemán de Camelle

    Man, o alemán de Camelle, falece logo de que o seu museo fose destruído polo chapapote. A morte sempre se atribuíu á depresión que sufriu ao ver toda a costa -e a súa propia obra- afectada pola marea negra. O artista converteuse nun símbolo e a súa imaxe foi empregada logo en numerosas manifestacións. 

  7. 07

    16 de xaneiro: dimite Xosé Cuíña

    Xosé Cuíña, conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas foi obrigado a dimitir logo de publicarse que unha empresa da súa familia vendera material de limpeza á empresa concesionaria Tragsa, para a recollida de chapapote. Unha comisión parlamentaria demostrou logo que fora sen beneficio. A súa marcha debeuse á guerra interna no PPdeG, xa que Cuíña defendía a autonomía do partido e a rebelión ante a nefasta xestión do Goberno central na catástrofe. 

  8. 08

    24 de xaneiro: o 'Plan Galicia'

    O goberno de Aznar celebra o Consello de Ministros na Coruña, nun pazo de María Pita rodeado de policías ante as protestas de milleiros de persoas no exterior da praza. É onde se aproba o Plan Galicia, que prevé uns investimentos de máis de 12.000 millóns de euros (5.200 correspondentes a novos proxectos e o resto a plans de infraestruturas xa previstos anteriormente).

  9. 10

    16 de outubro de 2013: comeza o xuízo

    O xuízo do Prestige comeza na Coruña logo de nove anos de instrución e once anos máis tarde da catástrofe. A vista queda aprazada ata o 13 de novembro, xusto no 11º aniversario do naufraxio do petroleiro. A vista prolongouse ata maio de 2013 e quedou visto para sentenza o 10 de xullo. 

  10. 11

    13 de novembro de 2013: a xustiza absolve o Estado

    Xusto once anos despois, a maior catástrofe medioambiental do Estado e unha das maiores de Europa queda sen responsables. O naufraxio do Prestige, que tinguiu de negro todo o litoral galego, saldouse cunha única condena: a de nove meses de cadea por un delito de desobediencia grave para o capitán do buque, Apostolos Mangouras, de case 80 anos e que non irá a prisión. Así foi a sentenza do xuízo, que provocou unha fonda indignación entre a sociedade galega. 

  11. 12

    15 de novembro de 2013: Nunca Máis volve á rúa

    Varios milleiros de persoas participaron en cidades e vilas do país nas concentracións convocadas por Nunca Máis en protesta pola sentenza que deixa sen responsables a catástrofe do Prestige tan só dous días despois do veredito. O 1 de decembro, tan só quince días máis tarde, varias manifestacións volven ateigar as rúas de oito localidades galegas contra unha sentenza "deliberadamente inxusta". Coincidía co 11º aniversario da gran primeira manifestación de Nunca Máis.