David Lombao

Unha ducia de cousas que son ficción

Na última semana non foron poucos os ámbitos, dos tribunais á política, no que un acontecemento de ficción foi tratado como se de realidade se tratase e accións realizadas por monicreques, valoradas como se fosen realizadas por persoas. Dende a vocación de servizo público e aínda arriscándonos a romper algunha ilusión, velaquí van doce cousas que, como os famosos monicreques, tamén son ficción.

  1. 01

    Supermán

    Si. Seguro que o sospeitabas. Foi todo produto do mundo da banda deseña de DC Comics e despois, do cinema. Que saibamos, non hai ningún señor que, con roupas de cores, ande polo mundo a voar sen avión mentres olla a través das paredes cun raio láser ou conxela o que considere oportuno cos seus xélidos folgos.

  2. 02

    Xabarín

    Vexamos. Se cadra isto racha algunha ilusión, pero o noso prezado Xabarín non vive alén da pantalla da TVG (e do corazonciño de medio país). 

  3. 03

    Atilano

    Existía fisicamente, claro. Pero non era un esquelete trompeteiro, senón unha persoa disfrazada e, polo tanto, tamén ficción que vai no mesmo alén que o desaparecido Supermartes.

  4. 04

    As pelexas do Pressing Catch

    Coa irrupción das canles de televisión privada e, nomeadamente, de Telecinco, non foron poucos os nenos e nenas de comezos dos 90 que almorzaban os domingos tendo de fondo uns animaliños que facían que mallaban uns noutros. Pero si, todo era unha gran coreografía de dubidoso gusto en función de quen ollase para ela.

  5. 05

    Os asasinatos de Tosar

    O actor galego Luís Tosar interpretou maxistralmente en diversos filmes os papeis de seres violentos, asasinos e desprezables. Faino tan ben que cremos o personaxe. Pero segue a ser ficción.

  6. 06

    O peto de Doraemon

    Este é un terreo esvaradío, si. Porque, a quen non lle gustaría crer que o peto máxico de Doraemon, e Doraemon mesmo, son tan máxicos como reais? Pero non, son ficción.

  7. 07

    Os Galenecos

    Foron tan ficción que poucas persoas chegaron a velos. En novembro de 2006 a xornalista Silvia R. Pontevedra revelaba dende a desaparecida edición galega de El País que, dende comezos dese ano, uns monicreques que replicaban as figuras de Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijóo permanecían "secuestrados" nun armario da TVG. Alguén dende as "altas instancias" non estaba conforme coa idea e pecháraos para que non saísen nunca máis. Existían, pero eran ficción.

  8. 08

    A Galescola de Air Galicia

    Da mesma época que os Galenecos secuestrados foi o popular programa Air Galicia. Entre proclamas dunha presunta imposición do galego, o espazo da Galega revelou o que acontecía nas maléficas Galescolas. Obviamente, era ficción, aínda que se aproximase moito a algúns dos relatos difundidos sobre elas nalgúns ámbitos.

  9. 10

    As batallas do Arde Lucus

    Como nunha obra de teatro protagonizada por persoas -ou mesmo por monicreques-, nas festas lucenses do Arde Lucus romanos e castrexos enfróntanse con bravura pola conquista do bosque sagrado de Lugh. Pero é ficción, o maior risco é pasarse xantando ou cos viños.

  10. 11

    A Reconquista de Vigo

    O pobo de Vigo plántalle cara ao francés cada ano. Pero, afortunadamente, só hai festa e nada de guerra, porque a batalla é ficción. A real sucedeu só unha vez, claro.

  11. 12

    Os monicreques

    Efectivamente, o que fan os monicreques é ficción. Dende Barriga Verde e demais marionetas de 'cachiporra' ata os nosos días.