David Lombao

Unha ducia de ideas para montares unha festa sueva polo San Martiño de Dume

Un ano máis, chapeus verdes e pintas de Guinness proliferan por bares e tabernas e mesmo moitos monumentos son alumeados de verde na honra do patrón de Irlanda. E se mudamos a San Patricio (17-M) polo noso San Martiño de Dume (20-M), apóstolo dos Suevos? Centros sociais e colectivos culturais celebran esta fin de semana por todo o alto o San Martinho's Day e, por se non tes moi claro de que vai isto, velaquí van unhas pistas. Que é unha festa inventada? Por suposto que si!

  1. 01

    A banda sonora

    Comecemos pola ambientación musical. Seguindo as recomendacións da Comisión de Historia da Gentalha do Pichel, alma da festa, un evento suevo-irlandés ben pode ter como banda sonora a música de Motor Perkins, Falperrys, Bastards, ou Carricoband.

  2. 02

    Bota un Tute Suevo

    Sá competición sen facer excesivo esforzo. Os xogos de cartas poden ser o perfecto comezo da xornada festiva sempre e cando a baralla sexa sueva, claro. O Baralho Suevo foi deseñado na Gentalha do Pichel e pódese adquirir aquí.

  3. 03

    Pendura a bandeira do Reino Suevo

    Unha festa coma esta ten que estar presidida pola bandeira do reino suevo de Galiza, o máis antigo de Europa, non queda outra. Os impoñentes leóns hanlle dar prestancia á festa.

  4. 04

    Fai un nó suevo no cabelo

    Ou, cando menos, téntao se o teu cabelo dá para tal. O nó suevo era signo de distinción dos guerreiros e indicaba un alto rango social. 

  5. 06

    Brinda cunha cervexa irlandesa e outra galega...

    Excelente combinación. Procura unha tradicional cervexa irlandesa (Guinness, por exemplo) e contrasta o seu sabor con algunha das moitas cervexas artesás que abondan polo país. Algunha, mesmo etiquetada para a ocasión.

  6. 07

    ... e acompáñaa cun suevito quente

    Vén sendo un 'cachorro quente', un 'perrito caliente' ou un 'hot dog'... Pero cun aquel suevo, claro.

  7. 08

    Cata un Suebian shot (ou varios)

    Dúas fórmulas fórmula segredas e, obviamente, ancestrais, que che alegrarán corpo e alma. Para probala, tes que te achegar a unha das festas.

  8. 09

    Practica a incorrectione rusticorum

    San Martiño de Dume era un santo que pretendía espallar doutrina e novos costumes. Pero claro, o pobo suevo -léase, o pobo galego-, era teimudo. E incorría en modos, maneiras e ritos que exasperaban ao noso santo: botar pan nas fontes, adorar os ratos... Cousas polo estilo.

  9. 10

    Celebra o aninovo suevo

    Aninovo, en marzo? Si, amigas e amigos. O propio San Martiño deixou clariño que o 25 de marzo, cando "tanto espazo de horas ten o día como a noite", é cando cómpre rematar un ano e comezar o seguinte. E, quen somos nós para contradicilo?

  10. 11

    Repasa a lista dos reis suevos

    Hermerico, Requila, Requiario, Frantán... Unha lista ampla da monarquía galega para lembrares nestas datas tan sinaladas.

  11. 12

    En caso de dúbida, consulte con San Martiño

    Neste 2016 o propio San Martiño de Dume gravou unha mensaxe para deixarnos clariño por que cómpre celebrar a súa festa. Escoitade. Está feito toda unha celebritie.