Praza Pública

Unha ducia de protagonistas da selección galega

A selección galega de fútbol regresa o vindeiro 20 de maio, na súa versión masculina, cun partido amigable en Riazor. Logo de máis de sete anos de ausencia, Galicia aspira a xuntar a que, moi probablemente, sexa a mellor xeración da historia de xogadores da terra. Velaquí doce que poden ser protagonistas da Irmandiña. Pero hai moitos máis. 

  1. 01

    Diego López

    Natural de Paradela (1981) e formado nas categorías inferiores do Lugo, deu o salto á base do Real Madrid, onde pasou varios anos ata que marchou ao Villarreal, onde as súas boas tempadas fixérono internacional. Marchou ao Sevilla o Mourinho volveuno chamar para o Madrid, onde lle quitou o posto a Casillas. Pertence ao Milan, onde este ano xogou 28 partidos de Liga. Como alternativas, Sergio Álvarez e Rubén Blanco, do Celta, Mariño (Levante) ou mesmo Yoel (Rayo). 

  2. 02

    Hugo Mallo

    O marinense (1991) acumula xa sete temporadas no Celta, onde exerce de capitán. Lateral dereito que mesmo pode actuar de central, suma máis de 200 partidos co equipo vigués e foi internacional nas categorías inferiores da selección española. Como alternativa para o seu posto, o seu compañeiro Jonny. 

  3. 03

    Jonny

    Jonathan Castro Otto (1994) destaca pola súa polivalencia. Lateral dereito en orixe, asentouse no lateral esquerdo no Celta e actuou en numerosas ocasións como central. Supera os 120 partidos co equipo vigués e o seu nome adoita aparecer na axenda dos grandes. A ausencia dos xogadores de 2ª na reestrea da selección podería levalo a actuar no centro da defensa con Galicia. 

  4. 04

    Álex Bergantiños

    Con máis de 250 partidos no fútbol profesional, este coruñés (1985) é un home de club. No Deportivo desde idade xuvenil, marchou cedida ata a tres conxuntos para regresar e facerse cun oco no club da súa cidade. Comezou como central pero triunfou como mediocentro defensivo e vai camiño de rematar a súa quinta tempada no primeiro equipo deportivista. 

  5. 05

    Angeliño

    Nado en Coristanco (1997), José Ángel Esmorís Tasende pasou seis anos na canteira do Deportivo ata que os grandes se fixaron nel. Lateral esquerdo, fichou polo Manchester City e foi internacional con España en categorías inferiores. Xogou cedido no New York City xunto a futbolistas como Villa e debutou nesta tempada no primeiro equipo dos citizens na FA Cup. É unha das opcións para o carril esquerdo da selección galego xunto a outros experimentados futbolistas como o vigués do Getafe, Roberto Lago. 

  6. 06

    Pedro Mosquera

    Este coruñés (1988) destacaba tanto -ou máis- de pequeno no hóckey a patíns coma no fútbol. Disputou algún torneo cos alevíns do Deportivo pero axiña foi fichado polo Real Madrid, en cuxa canteira pasou máis de cinco anos. Logo do seu paso polo Getafe e o Elche regresou á Coruña, onde é o temón dos branquiazuis no mediocampo. Fran Rico ou Álex López son algunhas das alternativas. 

  7. 07

    Roberto Trashorras

    Nado en Rábade en 1981, destacou desde moi novo e do Racing Villalbés pasou axiña á canteira do Barcelona. Debutou co primeiro equipo azulgrana e marchou ao filial do Real Madrid. Sempre gabado pola súa enorme calidade, alcanza agora no Rayo Vallecano o seu maior recoñecemento logo de pasar polo Numancia, Las Palmas e o Celta. Juan Domínguez é unha das moitas alternativas que tería o da Terra Cha no mediocampo galego. 

  8. 08

    Denis Suárez

    Canteirán do Celta, este rapaz de Salceda de Caselas (1994) é unha das grandes sensacións desta temporada. Figura do Villarreal, marchou da Madroa cara ao Manchester City ben novo para logo destacar na canteira do Barcelona. Logo de pasar polo Sevilla, triunfa no equipo amarelo antes de regresar, moi probablemente, ao Camp Nou despois do verán. Jota Peleteiro, tamén da base celtiña, é outro dos mediapuntos con máis opcións para a Irmandiña. 

  9. 09

    Lucas Vázquez

    Debutou no equipo da súa vila natal, Curtis -onde naceu hai 24 anos- ata que foi fichado polo Ural da Coruña. Destacou na canteira da cidade e marchou ao Real Madrid, desde onde escalou ata destacar no filial e ser cedido ao Espanyol de Barcelona. Logo dunha boa campaña cos cataláns, regresou ao primeiro equipo branco, onde está a ser unha das grandes sorpresas nesta temporada. 

  10. 10

    Iago Aspas

    Este moañés de 28 anos é todo un ídolo do celtismo. Criado na canteira do conxunto vigués, suma xa 75 goles como profesional. Tras irromper en Segunda, marcar goles decisivos e liderar o último ascenso, marchou ao Liverpool e logo ao Sevilla, equipos onde nunca alcanzou o nivel que dá ao acubillo de Balaídos. Efectivo e con clase, ten un posto asegurado na Irmandiña, onde Santi Mina, Rodrigo ou Joselu son outros dos dianteiros de alto nivel que poderían estar ante Venezuela. 

  11. 11

    Lucas Pérez

    Nado na Coruña hai 27 anos, comezou a xogar na canteira do Victoria, club de barrio coruñés do que saíu o mítico Amancio. Sen oportunidades na base do Deportivo, xogou no Alavés, Rayo Vallecano, Atlético de Madrid e Ordes ata que arrincou unha aventura que o levou a triunfar na liga ucraína e na grega, no PAOK de Salónica. Regresou á Coruña en 2014 e non tardou en se converter nun ídolo deportivista. A un paso de ser o máximo goleador galego nunha tempada en Primeira, supera os 20 co equipo da súa cidade. 

  12. 12

    A diáspora

    Na reestrea da selección galega en 2005, a emigración tamén formou parte daquel equipo que venceu o Uruguai. Ricardo Cabanas, fillo de galegos nado en Zúric, disputou o partido e tamén o do ano seguinte ante Camerún. Internacional suízo en máis de 50 ocasións, participou nun Mundial e nunha Eurocopa. Agora, son tamén varios os futbolistas de orixe galega na elite que poderían unirse á Irmandiña. Erik Lamela, estrela do Tottenham, de pais de Abadín e Vilalba; o internacional inglés Jay Rodríguez, neto de galegos; o lateral do Wolfsburgo Ricardo Rodríguez, fillo dun home de Crecente; ou Nicolás Lodeiro, uruguaio fillo dun coruñés e protagonista en Boca Juniors.