Miguel Pardo

Unha ducia de candidaturas para elixir en Galicia o 26-X

O Boletín Oficial do Estado (BOE) vén de publicar esta semana as candidaturas ao Congreso e ao Senado polas diferentes provincias para as vindeiras eleccións xerais do 26 de xuño. En Galicia, son 12 as diferentes formacións polas que poderán optar os electores entre todos os territorios para a Cámara Baixa. Desde os partidos tradicionais ou emerxentes até outros pouco coñecidos e minoritarios. Velaquí a ducia de opcións. 

  1. 01

    Partido Popular

    A formación conservadora preséntase, obviamente, nas catro provincias e repite os candidatos co obxectivo de repetir ou mesmo aumentar a representación de 10 escanos acadada nos comicios do 20-D, onde foi o partido máis votado en Galicia con máis de 600.000 votos e o 37% dos apoios. 

  2. 02

    En Marea

    A coalición de esquerda volverá presentarse nos mesmos termos que os fixo nos comicios do pasado mes de decembro. Repiten os seus cabezas de lista, así como os candidatos que se prevé repitan no Congreso, segundo as enquisas. Os case 410.000 votos e os 6 escanos do 20-D son o obxectivo dunha forza que ten nestas eleccións unha proba tamén de cara ás autonómicas. 

  3. 03

    PSdeG-PSOE

    Logo de quedar en terceiro lugar nas últimas eleccións xerais, o PSdeG-PSOE repite listas e aspira a non ser superado por En Marea, tamén coa vista posta nas vindeiras eleccións autonómicas. Os case 350.000 votos e os 6 escanos son os propósitos a, cando menos, non empeorar nesta nova cita electoral. 

  4. 04

    BNG-Nós Candidatura Galega

    O BNG recupera as súas siglas logo de se presentar nas anteriores eleccións xerais baixo a denominación de Nós-Candidatura Galega. Incluíndo tamén unha alianza con pequenas formacións nacionalistas, o Bloque aspira a recuperar boa parte dos apoios perdidos o 20-D apelando á "voz propia" que, tal e como defenden, En Marea non tería conseguido ao non lograr o reclamado grupo propio no Congreso. En decembro, Nós superou por pouco os 70.000 votos e non acadou o 5% os sufraxios en Galicia. 

  5. 05

    Ciudadanos-Partido de la Ciudadanía

    O pasado 20-D, Ciudadanos obtiña representación por Galicia no Cogreso través do seu cabeza de lista pola Coruña, Antonio Rodríguez. Case 150.000 votos e o 9% dos sufraxios apoiaron a formación laranxa, agora en plena crise no país logo de que a dirección estatal decidise substituír o seu parlamentario polo ex aspirante á Xunta por UPyD, José Canedo. Dimisión e xestoras descabezadas ponlle máis complicado o panorama aos de Albert Rivera. 

  6. 06

    Partido Animalista contra o Maltrato Animal - PACMA

    O PACMA foi a sexta forza en Galicia o pasado 20-D, con máis de 13.000 votos no país. Presenta listas nas catro provincias galegas e, logo de que non se consumase a súa inclusión na coalición Unidos Podemos, acode en solitario aos comicios. A formación animalista xa anunciou que se presentará tamén ás eleccións autonómicas. 

  7. 07

    UPyD

    UPyD estivo presente en todos os colexios electorais de Galicia o pasado 20-D pero agora tan só se presentará en Pontevedra. En medio dun proceso de reorganización no país, Enrique Lareo, o seu novo coordinador autonómico, será o cabeza de lista pola provincia ponttevedresa para o Congreso. Con todo, prevé presentarse en todos os territorios de cara ás autonómicas. En decembro obtivo en Galicia algo máis de 8.000 votos. 

  8. 08

    Recortes Cero-Grupo Verde

    Recortes Cero-Grupo Verde é unha das formacións que presenta listas en todas as provincias galegas. Defínense como "un movemento social e político de loita solidara contra os recortes" e está apoiado por "22 organizacións políticas e sociais". Obtivo case 4.000 votos nas últimas eleccións xerais en Galicia. 

  9. 09

    Comunistas da Galiza

    Comunistas da Galiza é a marca electoral no país do Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE). Acadou 3.213 votos nos pasados comicios do 20-D e presenta listas en Ourense, Pontevedra e A Coruña. 

  10. 10

    Vox

    O partido de extrema dereita Vox preséntase en Galicia tan só na provincia da Coruña, onde xa concorrera o pasado 20-D. Daquela, obtivera 1.239 votos, o 0,08% dos sufraxios emitidos no país. 

  11. 11

    Solidaridad y Autogestión Internacionalista (Sain)

    Solidaridad y Autogestión Internacionalista (Sain) repite candidatura na provincia da Coruña, onde xa se presentara nas eleccións xerais do pasado mes de decembro. Daquela, obtivera tan só 422 votos. 

  12. 12

    Escanos en Branco

    Escanos en Branco, formación que promove deixar baleiros os postos dos deputados equivalentes aos votos en branco que se rexistren nas eleccións, presentará lista por Pontevedra ao vindeiro 26-X. É unha das novidades en Galicia para estes comicios.