David Lombao

Unha ducia de máis carteis electorais de antes

Hai dous anos comezabamos un longo ciclo electoral -no que aínda seguimos- botando a vista atrás aos xeitos de levar a vida política ás rúas que, en forma de carteis, protagonizaban as campañas hai dúas ou tres décadas. Aquela pequena escolma de nostalxia electoral foi ben agradecida entre quen ledes estas liñas, así que decidimos aproveitar o inicio doutra campaña para volver baixar ao arquivo, desta volta botando man dos carteis conservados en diversas bibliotecas galegas que recompilou Berto Yáñez. Isto foi o que tiramos.

  1. 01

    Candidatura Democrática Galega

    Nas xerais de 1977 o MCG, o PPG, o PCG, o PSOE e o Partido Socialista Galego teceron candidaturas conxuntas ao Senado baixo as siglas da Candidatura Democrática Galega. Nos seus carteis de Lugo, protagonizados por un debuxo de Luís Seoane, pediron o voto para referentes da época como Ramón Piñeiro, Isaac Díaz Pardo ou Jacinto Calvo.

  2. 02

    PCG

    Nas eleccións galegas de 1981 o Partido Comunista de Galicia animaba o electorado a poñer "a andar aos que che paran" e ilustraba o seu cartel cunha das imaxes máis recorrentes da época, a dunha das oficinas do antigo INEM.

  3. 03

    Os anos de éxito da UCD

    As xerais de 1979 foron as últimas claramente dominadas en Galicia pola UCD. Na provincia da Coruña a súa candidatura ao Congreso estaba liderada por Jose Luis Meilán Gil -hoxe sería un moderno?- e nela figuraba unha soa muller.

  4. 04

    Frente Democrático de Esquerdas

    No ano 1977 diversas organizacións da esquerda, moitas delas aínda ilegais, teceron o 'Frente Democrático de Izquierdas' para poder participar nas eleccións. En Galicia non chegaron ao 1% dos votos.

  5. 05

    Os socialistas galegos

    Unha das forzas políticas que máis expectación xerou naquelas primeiras xerais foi o Partido Socialista Galego, con Xosé Manuel Beiras á fronte baixo o lema Os socialistas galegos somos nós.

  6. 06

    O mozo Paco Vázquez

    En 1982 o PSOE de Felipe González eclosionou de vez nas eleccións xerais. En Galicia o seu máximo referente e responsable de poñer en marcha o PSdeG foi o coruñés Francisco Vázquez, que neste cartel impreso en Betanzos apelaba ao cambio.

  7. 07

    Coalición Galega fronte a Vázquez

    Cando, en 1983, Francisco Vázquez xa arrasaba nas municipais coruñesas, un dos seus opoñentes era o candidato de Coalición Galega, forza emerxente sobre siglas históricas como o Partido Galeguista. Ofrecía "moitas razóns".

  8. 08

    Partido Galeguista Nazonalista

    O achegamento do Partido Galeguista cara a Coalición Galega derivou en que algúns dos seus membros, algúns históricos como Manuel Beiras, decidisen optar por un camiño de seu co novo Partido Galeguista Nazonalista, que concorreu ás eleccións europeas de 1987 coaligado co PNV. "Descubre as túas raíces", convidaban no seu cartel.

  9. 09

    Xerardo Estévez "polas cousas ben feitas"

    As eleccións europeas de 1987 cadraron coas municipais, que en Galicia tiñan o compostelán Xerardo Estévez como un dos valores á alza dende a banda do PSdeG. Con Gerardo Conde Roa, de Alianza Popular, como principal rival, Estévez logrou a maioría absoluta iniciado un lembrado período de goberno na capital galega.

  10. 10

    O 'collage' do MCG

    O Movemento Comunista de Galicia concorreu a aqueles comicios de 1987 cun cartel a medio camiño entre a pintura e o collage.

  11. 11

    Chamada á renovación

    A estética dos primeiros 90 acompañou o BNG nas municipais de 1991, cando a formación nacionalista afrontaba xa unha liña ascendente de apoio cidadán. A chamada era á "renovación".

  12. 12

    Non votes

    O referendo da reforma política de 1976 foi lido por algunhas forzas de esquerda como unha vía para a continuidade das institucións franquistas. Por iso a súa aposta foi chamar á abstención nas urnas con carteis coma este.