María Rúa

Unha ducia de claves do drama das refuxiadas en Grecia

Heterotopias Refuxiadas é un proxecto xornalístico multimedia de Praza que se desenvolve no mes de agosto en Grecia para afondar na situación das persoas refuxiadas e nas realidades vinculadas a elas. Aquí, María Rúa analiza as claves do drama que sofren os desprazados apoiándose nunha reportaxe fotográfica de Miguelanxo Lar

  1. 01

    Acordo UE-Turquía

    O acordo asinado o pasado 18 de marzo entre a UE e Turquía para restrinxir a chegada de refuxiadas e migrantes á costa grega impídelles ás demandantes de asilo realizar dita petición en territorio da UE. Todas as persoas que chegan a Grecia son retornadas a Turquía. Segundo a legalidade internacional, só se poden facer devolucións en quente cando existen garantías de que este estado (terceiro estado) é un “país seguro”. Seguindo esta lóxica, a UE outorgoulle en marzo o status de “pais seguro” ao país otomano a pesar numerosas evidencias sobre as reiteradas vulneracións dos dereitos humanos e dos dereitos das persoas refuxiadas no territorio. A Unión constrúe así un muro de contención nos seus lindes sen proporcionar unha solución política á crise humanitaria e vulnerando a legalidade internacional e os dereitos fundamentais das persoas refuxiadas

  2. 02

    Peche da fronteira con Macedonia

    O pasado 9 de marzo a República de Macedonia decidiu pechar definitivamente as súas fronteiras con Grecia rematando de maneira efectiva coa ruta dos Balcáns que as refuxiadas empregaban no seu camiño cara Centro Europa. Desta maneira, e xunto coas limitacións no tránsito de estado como Eslovenia, Serbia e Croacia, máis de 57,000 refuxiadas están atrapadas en Grecia.

  3. 03

    Grecia, un país devastado

    Se nun primeiro momento Grecia era só un país de tránsito para as persoas que buscaban asilo na Unión Europea, tras o peche de fronteiras en Macedonia, converteuse no país no que están bloqueadas máis de 57.000 refuxiadas. Cunha economía fortemente debilitada polas políticas de austeridade da UE que se aprecia a simple vista e unha taxa de paro do 25% o país heleno ten que correr coa maior parte dos gastos derivados da atención as refuxiadas. Os custos de servizos básicos como a saúde, a alimentación ou as solucións habitacionais son directamente absorbidos polo executivo heleno ou por iniciativas solidarias. O incremento do gasto público para atender as necesidades das persoas refuxiadas suporá o 0,3%  do PIB deste ano, ou o que é o mesmo, 600 millóns de euros.

  4. 04

    O servizo de petición de asilo está desbordado

    Pedir asilo en Grecia na actualidade é unha odisea. Todas as oficinas de axuda ás refuxiadas están colapsadas. Dende primeira hora da mañá, centos de familias agardan poder facer unha entrevista de apenas 10 minutos por Skype co Servizo Grego de Asilo para preinscribirse no rexistro de demandantes de asilo. Só se realizan entorno a 20 peticións ao día. As refuxiadas teñen que insistir semana tras semana até conseguir unha cita. A pesares das altas garantías que ofrece o Servizo Grego de Asilo en canto ao proceso, non está preparado para absorber este alto número de demandantes se pretende a avaliar coas garantías que a lei esixe, cada unha das solicitudes. Faltan moitos medios e persoal.

  5. 05

    O papel das grandes OINGs

    Os plans de axuda de Bruselas para xestionar o masivo fluxo de refuxiadas teñen como interlocutor principal ás grandes OINGs como ACNUR e desta maneira o Estado grego vese privado da xestión directa dos fondos. Moitas voluntarias que se atopan en Grecia coinciden en sinalar ás grandes OINGs como responsables directas da mala xestión da axuda nos campamentos. Ademais tamén se lles critica o uso de metodoloxías aleatorias para decidir que refuxiadas poden estar ou non nos campamentos e a pouca apertura cara o voluntariado que non chega baixo o seu paraugas.

  6. 06

    Campos de refuxiados: os novos guetos

    En Grecia existen na actualidade máis de 50 campamentos de refuxiadas. Salvo excepcións, a súa inmensa maioría atópanse situados nas aforas das cidades ou en lugares de difícil acceso. Isto implica o illamento das persoas refuxiadas da sociedade e da vida cotiá e a creación de guetos. Cuestións tan importantes como a xestión burocrática das petición de asilo ou a búsqueda de emprego vense dificultadas polas longas distancias que separan os campamentos da vida cotiá. As consecuencias da separación e o illamento na saúde mental do colectivo son graves. Após vivir moitas delas estrés post-traumático, abundan os casos de ansiedade e depresión xerados por cuestións do entorno no que viven e a falta de expectativas cara o futuro.

  7. 07

    Prioridade ás refuxiadas sirias

    En Grecia as refuxiadas chegan principalmente dende Siria, Iraq, Irán, Afganistán e o Curdistán. Segundo a Convención de Xenebra sobre o Estatuto dos Refuxiados “toda persoa que debido a fundados temores de ser perseguida por motivos de raza, relixión, nacionalidade, pertenza a un determinado grupo social ou opinións políticas, se atope fora do seu país de nacionalidade e non poida ou, a causa de ditos temores non queira acollerse á protección do seu país” ten dereito a solicitar asilo independentemente da súa nacionalidade. Non obstante, países como Canadá primaron explicitamente ás refuxiadas sirias á hora de solicitar asilo no país sobre outras identidades. Nos campamentos e nas squats percíbese tamén certo favoritismo entre os habitantes e isto provoca tensións en numerosas ocasións.

  8. 08

    Mafias

    As mafias traficantes de persoas son as grandes beneficiadas desta crise humanitaria. Cruzar de Turquía a Lesvos pode custar até 3.000 euros e traspasar a fronteira de Macedonia custa entre 1.000 e 2.500 euros. Se o destino desexado é outro país da Unión, o prezo total dende Grecia ascende como mínimo a 8.000 euros. O peche das fronteiras non para os desexos das refuxiadas por tentar un futuro mellor. Así, son moitas as que asumen diariamente o risco de poñerse nas mans das mafias, e asumindo as consecuencias de cruzar fronteiras de xeito ilegal, páganlle ós traficantes os aforros de toda unha vida. En Grecia, as refuxiada non teñen nada que perder e xa non poden agardar máis.

  9. 09

    A crise non é das refuxiadas, é de Europa

    A data de marzo de 2016, entorno a 5 millóns de persoas sirias pediron refuxio en distintos estados fronteirizos segundo ACNUR. Destas, case 3 millóns solicitaron asilo en Turquía, 700.000 en Xordania e 1 millón en Líbano. Na actualidade, Grecia acolle soamente 57.000 persoas e a UE fala de crise das refuxiadas. Calquera dos anteriores estados citados ten un PIB inferior á media dos estados membros da Unión e pola contra acollen ao 90% das solicitantes de asilo. A Europa dos 27 non debera ter ningún problema en absorber ás refuxiadas dende unha óptica económica. Non obstante, os bos resultados da ultra dereita en moitos estados da Unión provoca o desenvolvemento de políticas de corte xenófobo, que empregando o discurso do medo, infrinxen a legalidade internacional do dereito ao asilo recollido na súa Carta de Dereitos Fundamentais.

  10. 10

    A axuda chega a Grecia pero non aos campamentos

    As doazóns que se realizan para ás refuxiadas chegan a Grecia. O país heleno conta con varios almacéns como o de Elliniko cheos de material. Non obstante, aos campamentos esta doacións chegan a contagotas. Os custos de distribución e transporte atrasan o proceso impedindo unha xestión óptima dos recursos materiais. Normalmente estes custos corren a cargo de doacións privadas de organizacións ou particulares.

  11. 11

    Escolarización das menores refuxiadas

    Numerosos colectivos como o Greek Forum of  Refugee están presionando ao executivo heleno para que as menores refuxiadas poidan ser escolarizadas a partir de setembro. Tras varios contactos, o ministro de educación grego, Nikos Filis, adiantou a posibilidade de crear escolas dentro dos propios campamentos. Aínda que non parece posible que o sistema de educación grego poida acoller nos seus centros a todas as menores refuxiadas por unha cuestión de capacidade e infraestruturas, deixalos nos campamentos será illalos do país e da sociedade na que viven sen darlles unha soa oportunidade para a integración.

  12. 12

    A metade das refuxiadas son mulleres ou menores

    Na actualidade máis do 50% das refuxiadas son mulleres ou menores. Moitas mulleres chegan a Grecia facéndose cargo de toda a familia ben porque son viúvas, ben porque os seus maridos xa están nalgún estado membro, e agardan a petición de reagrupación familiar. Paralelamente. Arredor de 22.000 menores atópanse atrapados no país heleno e estímase que dende o inicio do fluxo masivo de refuxiadas cara Europa, 10.000 nenos atópanse en paradeiro descoñecido dentro das nosas fronteiras.