David Reinero

Unha ducia de plans ata as próximas eleccións

As xornadas de reflexión e votación desta fin de semana son un bo momento para planificar o outono que vén de comezar. Á espera de saber se a estación rematará en decembro cuns novos comicios, os terceiros xerais, sexan o día de Nadal ou a fin de semana anterior, aquí vai unha ducia de ideas. E aquí, moitas máis.

  1. 01

    A vendima

    A primeira das grandes tarefas agrarias do outono xa está en marcha: a vendima.

  2. 02

    Outono gastronómico

    Desde o pasado 16 de setembro e ata o 18 de decembro desenvólvese a décima edición desta iniciativa enogastronómica na que participan 92 casas de turismo rural de toda Galicia.

  3. 03

    Romaría de San Cosme e San Damián

    A festividade é o luns 26, pero xa este domingo comezará a romaría máis enxebre de Baiona, que enche de produtos tradicionais a contorna da igrexa de Santa Liberata.

  4. 04

    San Froilán

    Desde o 4 ao 12 de outubro Lugo será a capital do polbo e a troula coas festas de San Froilán.

  5. 05

    12 de outubro

    O mércores festivo en metade da semana fai difícil construír unha ponte, pero haberá que ir pensando se acudir ao tradicional desfile das Forzas Armadas ou inventar un plan alternativo ;)

  6. 06

    As San Lucas de Mondoñedo

    Sexa pola feira, sexa pola festa, As San Lucas de Mondoñedo, co 18 de outubro como día grande, son unha das escusas festivas do outono.

  7. 07

    Magostos

    Como se van celebrar centos por toda Galicia en diversas datas, este plan é un bo comodín para calquera día libre do outono.

  8. 08

    Samaín e Día de Todos os Santos

    Para quen necesite máis larpeiradas que as castañas, o 1 de novembro ofrécenos unha boa escusa.

  9. 09

    Veranciño de San Martiño

    Din que polo 11 de novembro adoita haber tempo solleiro antes de introducirnos de todo no inverno. Aproveitémolo.

  10. 10

    A matanza

    Logo de encher as pipas de viño coa vendima, chega o momento do outono de aprovisionarse tamén de comida para aguantar o inverno.

  11. 11

    Unha semana de ponte

    O 6 de decembro cae este ano en martes e o 8 en xoves. Malo será non poder facer algunha ponte... ou todas.

  12. 12

    Nadal novamente electoral

    Á espera do que poida pasar coas negociacións tanto para formar goberno como para adiantar unha semana a data duns posibles terceiros comicios xerais, hai que ir reservando as datas do 18 e o 25 de decembro por se hai que volver votar, xa non de curto, como en xuño, senón ben abrigados, como un ano antes.