David Lombao

Unha ducia de citas a non perder no San Froilán de Lugo

Unha das principais fronteiras entre o verán e o outono en Galicia é o San Froilán de Lugo. As patronais lucenses, do 4 ao 12 de outubro, traen consigo nove días e nove noites de festa nos que o programa de cada ano se combina cos imprescindibles de sempre: o polbo, o recinto feiral e a propia veciñanza dunha cidade que nestes días arrecende diferente. Todo o programa, aquí.

  1. 01

    A finde previa, para ir quecendo

    As festas do San Froilán 2016 non comezan oficialmente ata o martes, 4 de outubro. Pero na fin de semana dos días 1 e 2 xa están en marcha dous dos seus emblemas: o recinto ferial -as barracas, se nos les dende Lugo- e mais as casetas do polbo que, tras máis avatares do normal, xa están onde corresponde, no inicio das costas do parque Rosalía.

  2. 02

    O pregón

    Unha das chaves das festas de Lugo é o equilibrio entre as patronais vilegas e os ingredientes das festas urbanas. En ambas non pode faltar un pregón dende o balcón do Concello. Desta volta é o martes 4, ás 20:30, momento no que pregoará as festas un clásico das ondas lucenses, Paco Nieto, xornalista de Radio Lugo. 

  3. 03

    Son galego, son cubano

    Unha das estrelas das festas chega na súa primeira noite. Roi Casal presenta o seu 'Son galego, son cubano', na praza Horta do Seminario ás 21:30 do 4 de outubro.

  4. 04

    O (primeiro) día grande

    Un dos días grandes das festas é, como corresponde, o do patrón. O 5 de outubro, Día de San Froilán e festivo na capital lucense, comeza a mediodía con actos oficiais e continúa, ás 13:00, con sesión vermú na Praza do Campo Castelo. A axenda do día é intensa, e unha das citas a non perder é ás 21:30 na Praza de Santa María. Polo escenario pasarán Caxade, Familia Caamagno, Arrhytimia e Conducto Coloquio.

  5. 05

    Homenaxe a Manuel María

    No día en que se farán 87 anos do nacemento do poeta da Terra Chá, o 6 de outubro, Manuel María será homenaxeado nas festas que el mesmo pregoou en 1996. Na cidade na que viviu de mozo e coa que conviviu toda a súa vida subirán ao escenario da Praza de Santa María os membros d'A Quenlla para honralo como culminación ao ano no que o Día das Letras foi para el e celebrar a súa figura "nas festas que el tanto amou e celebrou".

  6. 06

    Kepa Junkera e jazz

    Ás portas da fin de semana grande das festas, o venres 7, será a quenda no escenario de Santa María para Kepa Junkera. O músico vasco non chega só a Lugo: vaino facer acompañado pola Orquestra de Jazz de Galicia.

  7. 07

    Día de Ferrol

    Como cada ano nas festas de Lugo, neste 2016 hai tamén un día dedicado a Ferrol. O sábado 8 a mediodía a corporación ferrolá é recibida na casa do Concello. A banda musical desta xornada vai dende o ídolo adolescente Abraham Mateo (21:00, Horta do Seminario) ata Pepe Vaamonde Grupo (22:00, Santa María) e, por suposto, os pasarrúas pola zona histórica e barrios como a Fonte dos Ranchos.

  8. 08

    Domingo das Mozas

    Se é domingo na semana en que foi Día de San Froilán, en Lugo é Domingo das Mozas. A que tamén é xornada do traxe tradicional trae consigo un amplísimo abano de actividades que comeza ás 11:00 co San Froilán Tecedeiro no parque de Rosalía, onde tamén se ofrendará á escritora ás 12:00, desta volta con Lupe Bao como protagonista. Unha das estrelas da xornada será o concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, ás 23:00 na Praza de Santa María.

  9. 09

    Animación de rúa pola zona dos viños

    A contorna da Praza do Campo, a zona dos viños, é cita case obrigada para lucenses e festeiros nos días do San Froilán. Contra o serán e a noite non é difícil atopar as charangas e pasarrúas que lle poñen banda sonora aos viños, ás cervexas é (como non, estamos en Lugo) ás tapas de balde.

  10. 10

    Carlos Núñez e Ana Moura

    Na véspera de fin de festa, o martes días 11, dous nomes grandes para o San Froilán. A cita coa mestura de fado e pop da portuguesa Ana Moura é ás 23:00 na praza de Santa María. A quenda do gaiteiro Carlos Núñez é un chisco antes, ás 21:30 na Horta do Seminario.

  11. 11

    O San Froilán Miúdo

    A rapazada ten un espazo de seu no San Froilán, desta volta concentrado no patio do Seminario. Karaoke infantil, concertos didáticos para "aprender a escoitar", maxia para bebés, unha versión moderna do mítico Barriga Verde, xogos populares, obradoiro de cestos... Para non se aburrir!

  12. 12

    E o polbo, evidentemente

    O debate será eterno entre costa e interior, pero o certo é que o San Froilán é inconcibible sen polbo. Desta volta a instalación das tradicionais casetas foi algo accidentada, pero aí están, onde sempre. Ademais, alén do recinto feiral as opcións son case incontables. Se chega a Lugo dende fóra, preste atención: o que lle semella un garaxe pode ser o sitio no que probe un cefalópodo que non ha esquecer. Boas festas!