0 Gardados para despois

Praza Pública

Unha ducia de ideas para evitar o sexismo nos agasallos á rapazada

De nena ou de neno? Daquela... Rosa ou azul? O Nadal é tempo de agasallos, especialmente para nenas e nenos. Dende hai un tempo, entre as múltiplas mensaxes comerciais atopan oco algunhas outras, como as vinculadas a reflexionar sobre o consumismo ou as que chaman a non fomentar e reproducir cos xogos e xoguetes roles sexistas ou violentos entre a rapazada. Velaquí algunhas ideas.

  • De nenas e de nenos

    A primeira idea e fundamental, que condensa con retranca este popular e moi traducido cadriño, inicialmente publicado no blog Feminista ilustrada. O xogo é libre e espontáneo e non está escrito en ningures que haxa xogos ou xoguetes que teñan que estar vetados ás nenas ou aos nenos.

  • Rosa e azul (e todas as demais)

    Igual que non hai xoguetes de nenas ou de nenos, tampouco hai cores de nenas ou nenos, alén de estereotipos. A cor rosa, a cor azul e todas as demais son excelentes para calquera xogo ou xoguete con independencia de quen participe nel. Por exemplo, estes contos con peluches son ben bonitos para calquera!

  • Iguais e diferentes

    O xogos tamén poden ser espello de diversidade. Por iso é bo momento para que nenas e nenos entendan que un mesmo xoguete pode servir para compartir con persoas moi diferentes, tamén con quen teñen algún tipo de diversidade funcional. Esta é a aposta que fixo este ano, por exemplo, a compañía Toy Planet no seu catálogo de Nadal en colaboración coa Federación Down.

  • Os roles

    As nenas coidan e aos nenos encántanlles as ferramentas... Ou tamén ao revés, non é? 

  • Xogar tamén é aprender

    O momento de xogo tamén pode ser un tempo de divertida aprendizaxe. Hai moitas opcións para elixir. Unha delas ten como protagonista ao popular Xabarín, que é amigo tanto das socias como dos socios.

  • A imaxinación ao poder

    Os xoguetes creativos tampouco distinguen sexos. Disto saben moito quen se dedican aos xogos e xoguetes tradicionais, como a cooperativa Miudiño. Porque unhas argolas, a chave ou un tren de madeira poden ser moi divertidos para calquera!

  • Xogos cooperativos

    Para moitos xogos non se requiren xoguetes. É o caso de moitos xogos cooperativos como os recomendados na guía de xogos non sexistas lanzada pola Deputación de Pontevedra co gallo do Nadal. Nenas e nenos poden cooperar contando un conto ao revés. xogando á corda, ás cadeiras, á procura do tesouro...

  • Todas representadas, todos representados

    Se nos agasallos á rapazada da casa imos incluír algún conto ou libro sería bo que reparemos na presenza de personaxes femininas e tamén masculinos, de nenas e nenos desenvolvendo todo tipo de actividades. Isto fano moi ben, por exemplo, os membros da familia dos Bolechas, que non paran quietos e fan de todo!

  • Sen violencia

    As mensaxes que transmitimos á infancia e á mocidade poden chegar a ter un gran efecto cando sexan maiores. E nada máis lonxe do divertido que a violencia. Por iso, se elementos violentos como as armas non están presentes entre os xoguetes contribuiremos a que nenas e nenos resolvan os problemas de xeito positivo e sen violencia.

  • Deporte en igualdade

    Se optamos por agasallos vinculados ao deporte, como balóns ou bicicletas, é un bo momento para repararmos que poden ser tan axeitados para nenas como para os nenos. Temos ben preto referentes masculinos e femininas en moitos deportes.

  • Un agasallo para agasallar

    E se xogamos a agasallar? Este xogo cooperativo de Brazolinda favorece a agudeza visual das nenas e nenos a partir de 3 anos. Terán que andar con lixeireza para dar coas cores que indique o dado e compoñeren o agasallo correcto. Quen xunte cinco, gaña, e volta a empezar.